Portas compostelás á arte
Cruzar unha porta nova, diferente e mesmo estraña é unha oportunidade! Ás veces, mesmo ocorre maxia e descobres un mundo descoñecido que non imaxinabas. Algunha vez entraches nun espazo ou nunha galería de arte? Unha vez que traspasas unha porta á arte, entras nun colorido universo, onde podes aprender do artista, coñecer os seus segredos, podes falar ou calar, mirar, reflexionar e ata tomar un café! Esas portas agardan por nós en Compostela.
Crucei escéptica a de Os Catro Gatos, un espazo de arte, aberto dende febreiro deste ano, na rúa das Rodas, 13. De repente atopeime nunha pequena sala, compartindo café con Delio Sánchez e Inés Silvalde. Na mesiña que tiña diante, mentres xogaba coa cunca, anotaba na miña libreta… Se levantaba a vista, podía axexar entre o collage con madeira de Sebas Rozas. “Algunhas pezas son escultóricas, outras bidimensionais, un xogo entre a escultura e a pintura”, escoitaba sen perder detalle.
“Pintar é un medio de expresión”, respondeu Inés. Porque antes de falar do seu espazo, quixen coñecer a quen me recibía nel. Criouse nos Tilos (Teo), con 16 anos marchou para Noia. Estudou na Escola Mestre Mateo e fixo tamén Belas Artes e Deseño de Interiores. Nacho Costa foi o pintor que lle aprendeu a pintar. E dando clases de pintura, deuse conta que ela non lle estaba dedicando moito tempo a pintar e que tampouco tiña sitio para elo. “Coñecín a Delio e atopamos este espazo, un taller onde traballar. Pareceunos que podía ser unha plataforma para que outros puideran expoñer os seus traballos, axudándonos a enriquecernos como artistas”.
Delio Sánchez é un pintor autodidacta e Técnico superior en artes plásticas aplicadas a escultura pola Escola Mestre Mateo, é de Noia. Para el a pintura “é mesmo un xeito de vivir. A arte é o noso oficio. Pintar non é tan doado, se queres vivir disto!”. Ás veces, esquecemos que os pintores tamén comen e pagan a luz!
Os Catro Gatos é un espazo para compartir, xunto con el, naceu a Asociación cultural Maxenta, coa que pretenden xestionar, neste recuncho, todo tipo de actividades en torno á arte e con multitude de artistas e profesionais: presentar poemarios ou libros, facer monólogos, charlas de acuarela, exposicións, obradoiros de gravado ou de fotografía, proxección de curtas, etc. “O noso é un espazo vivo, habitado, non é a típica sala de exposicións. As galerías son frías, asépticas. Nós non temos o traballo de buscar clientes, nin temos coma función principal vender arte, isto é coma un restaurante, mesturamos o traballo na cociña (rimos, porque é realmente unha cociña, con cafeteira e todo!), co que vemos na sala. Cremos que hai que humanizar os museos e as salas de exposicións, dinamizalas, para achegar máis á arte á xente. Hai falta de costume de ir aos espazos artísticos, por iso ofrecemos un recuncho máis informal, onde interactuar coa arte e cos artistas. Ensinámoslle ao visitante o que estamos facendo na cociña! Non nos importa que vexan o noso traballo, ao contrario!”.
Ademais de contemplar abraiada un nu do alto dunha parede, no que traballaba Inés, e de topar cunhas fotografías de carnes espidas entre as rochas, lucindo perrucas loiras, de Delio. Quedoume gravada unha frase: “Se ti es franco e honesto coa túa obra, seguramente funcione. A arte deixará entón de ser algo máis que decorativo, porque non ten porque selo! É importante que comunique, que transgrida!”
Os Catro Gatos ten aberta, ata o 31 de outubro, unha convocatoria internacional de arte, para expoñer en 2018. Eu marcho, pensando que teño que volver máis axiña!…
E pecho unha porta para abrir outra. Porque se de arte falamos, non podemos deixar de atravesar a da Galería Trinta. Todo un referente en Compostela! Xurdiu en 1985. Asunta Rodríguez comezou a traballar nela no 1988 e acabou sendo a súa directora e posteriormente a súa propietaria… “E ata aquí!”, suspira.
A miña anfitrioa é de Amandi, con dous anos a súa familia foi para Vigo e veu estudar Historia da Arte a Santiago, tamén é membro da Academia Galega das Belas Artes, e di que sempre conta que a galería escolleuna a ela! Coincide comigo en que existe unha especie de prevención ou de temor á entrada nunha galería. “Parece que só é un lugar onde se vende arte e onde só poden entrar aqueles que teñen unha capacidade económica para mercar arte, cousa que non é certa! Temos exposicións abertas ao público, para que se visiten de forma gratuíta, todo o ano. Traballamos co arte do noso tempo, con artistas vivos, vinculados á miña xeración ou posteriores, porque contan unha historia que vivimos nós tamén”. Na Galería Trinta tropezaremos con exposicións temporais dos artistas vinculados á mesma, como Carla Andrade, Berta Cáccamo, Mar Vicente, Antonio Murado, Gilbert Garcin e Carlos Pazos. Neste momento e ata mediados de setembro, poderemos deleitarnos coa de “El humo de Walter”, de Edu López (teño que dicir que quedei mirando un acrílico titulado “Una casa de catorce millones de dólares”) e de “El mueble permanece” de Teresa Moro.
Nunha galería seleccionan, -conta-, a aqueles artistas que teñen unha linguaxe máis interesante e danlles a oportunidade de entrar no mundo do mercado, ensinando a súa obra que é o máis importante, ademais de vender o seu traballo. Falando de vender e de prezos, Asunta reflexiona: “Intentouse demonizar o mercado da arte, pero o artista ten que profesionalizar a súa actividade e comerciar, para poder pagar os seus recibos! Hai traballos que se axustan á razón e outros que son desmesurados. A arte converteuse nun valor financeiro para moita xente e danounos”.
Como se abren as portas dunha galería ao mundo, nun momento crítico?, pregunto. A resposta sorpréndeme. “A arte sempre estivo nas trincheiras, os galeristas non somos heroes. Nos últimos 20 anos encheuse todo de centros de arte contemporáneo e o resultado foi unha oferta tan desmesurada que nada interesaba. Esquecemos a esencia, o auténtico, esquecemos a obra e o noso entorno máis próximo! Estamos nun momento que suporá volver a empezar, dar un xiro ao noso traballo. Como facelo?… Estou niso”, rimos. Aínda diante da crise, Asunta é galerista convencida, non o dubida. “Todo cambia a unha velocidade pasmosa, xa non é importante ter unha galería, pero é máis importante que nunca. É tan importante ensinar obra, coma vendela!”. Emocióname e emociónase explicando o mellor do seu traballo: “Tratar co artista o absolutamente alucinante!… Recibir un paquete coas súas imaxes ou coas súas pezas, por primeira vez… Non hai nada parecido a iso, iso é o mellor! Case ao final desta entrevista, interrompeu a conversa un mensaxeiro. “Austria!?”, exclamou Asunta. O home confirmouno e ela miroume, nun anaco íase producir a maxia.
Cando vos decidades a cruzar unha porta á arte, en Santiago hai unhas cantas! Ademais de Trinta, temos 16 galerías, como a de Sargadelos, Espacio 48, ou Gálica. Hai 14 salas de exposicións diferentes, dende o Auditorio de Galicia ou a Casa da Parra, ata a Igrexa San Domingos de Bonaval. No listado de espazos culturais e artísticos a lista é moito máis longa, dende Os Catro Gatos, A Nave de Vidán, A Regadeira de Adela, ás distintas bibliotecas e centros socioculturais da cidade, sumando máis de 50 nomes. Así que escollede unha, están todas abertas! Mesmo se non entendedes o que hai dentro, aínda que non merquedes ou si non volvedes a cruzala, levaredes un pouco de arte e vivirá de portas para dentro convosco!