CompostelaCulturaNovasReportaxes

Gisela Sanmartín e Ana Fernández, de Somos Pandeireteiras: “Todos os grupos que cantan hoxe beben das melodías das cantareiras”

Ana Fernández e Gisela Sanmartín forman parte da directiva da asociación Somos Pandeireteiras. Foto: Iván Barreiro
Ana Fernández e Gisela Sanmartín forman parte da directiva da asociación Somos Pandeireteiras. Foto: Iván Barreiro

Real Academia Galega renderalle homenaxe no Día das Letras Galegas, o 17 de maio, ás cantareiras e á poesía popular oral. Farao recordando o labor de Adolfina e Rosa Casás Rama (Cerceda), Eva Castiñeira (Muxía), e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda e mais Manuela Lema Villar –as tres Pandeireteiras de Mens (Malpica de Bergantiños) falecidas hai máis dunha década–. Pero tamén estendendo este recoñecemento a moitas persoas, sobre todo mulleres, que por toda Galicia coidaron, arrequentaron e transmitiron unha tradición centenaria que segue a deixar pegada nas novas xeracións. 

E precisamente o 17 de maio é o día no que a asociación Somos Pandeireteiras organiza en Santiago, no Auditorio de Galicia, un encontro coa intención de poñer no centro o papel central das tocadoras como transmisoras da lingua e da cultura galega. Falamos coa súa presidenta, Gisela Sanmartín, e a súa secretaria, Ana Fernández.

Como nace Somos Pandeireteiras?

Gisela: Naceu como asociación no 2023, aínda que xa viñeramos traballando desde antes porque no 2021 fixemos un primeiro encontro en Carballo. Alí xuntámonos as catro persoas que formamos hoxe a directiva: Gisela Sanmartín (presidenta), Mercedes Peón (vicepresidenta), Ana Fernández (secretaria) e Mar da Bouzas (tesoureira).

Ana: As catro xa tiñamos traballado xuntas e moitas veces falando entre nós, as conversas eran as mesmas. Tiñamos as mesmas problemáticas e entón a Mercedes ocorréuselle a idea de facer o encontro para ver que opinaban mulleres doutras zonas. Tivo un éxito tremendo! Eramos un centenar de pandeireteiras de toda Galicia chegando ás mesmas conclusións.

Cales foron esas conclusións?

Ana: Primeiro o machismo que hai. Se nos menospreza e subestima.

Gisela: Nós estamos nun segundo plano, pero quen manda, quen fala por ti, son eles. Ti ponte alí nun recuncho, non molestes moito, canta cando che manden...

Ana: E non é algo que pase só coas pandeireteiras, pero con nós é moi visible porque a xente do noso folclore se encargou de situar a gaita diante e as pandeiretas, atrás. Cando ben é sabido que as foliadas eran organizadas polas mulleres. E tocaban elas. E a foliada é de onde vén todo. Todas as recollidas que hai, e todos os grupos que están agora cantando, beben desas melodías das mulleres. Pero en escena estamos atrás! Profesionalmente sempre nos custa máis, sentímonos menos, temos medo a non saber, a meter a zoca...

O outro día coñecín a unha muller que tiña un grupo de pandeireteiras nos anos 50-60 e díxome: “Un ano contratáronnos para tocar nas festas de Padrón!”. E pregunteille eu: “E pagáronvos?”. “Ah, non, pagar non”. Hoxe en día aínda pasa que se hai unha festa, contrátanse gaiteiros. Non piden pandeireteiras.

Que vos parece entón que este ano se dedique o Día das Letras Galegas ás cantareiras?

Gisela: No primeiro momento, moita alegría, pero despois cando te paras a pensalo, dis que esperas que non quede en festa dun día. Está moi ben que se lle dedique, pero creo que hai que traballar moito máis.

Ana: É fundamental porque estas mulleres non veñen do académico. E parece que se non estás no académico, non vales nada. Eu sempre tiven moito medo a non ser suficientemente boa profesional por vir da escoita, por non saber ler unha partitura... Eu mesma estaba desprezando todo o que elas estaban a facer... Ata que dixen que iso non podía ser. Eu son tocadora de tradición oral. Veño da oralidade e iso está por riba de todo porque chegou ata día de hoxe. É accesible para todo o mundo e se non fora por elas, todo o que hai ao redor non existiría. Poñer en valor iso é fundamental.

Por iso o lema do encontro que organizades en Santiago é ‘Tocadoras como transmisoras da lingua galega’, non si?

Gisela: É que para min son fundamentais nese sentido porque non só compoñían as súas letras en galego, vivían en galego. E a lingua chegou ata nós por xentes coma elas, por xente das aldeas que se empeñou en que fora contra quen fora, ían seguir falando galego. Aínda que estivera mal visto.

Como mestras de pandeireta, como vedes ás novas xeracións? Hai futuro?

Gisela: Hai moita demanda, pero desde hai uns anos, a maior parte das que se apuntan a clases é porque foron a un concerto de ‘X’. Viron ese ‘produto’ enriba do escenario e chegan a clase dicindo que queren ser así. Entón o que pasa é que se apuntan no mes de setembro e en decembro as clases quedan barridas porque non era o que buscaban. Esa parte social do que ti podes sentir cantando con outra persoa non o ven. Nós o que buscamos é que fagan comunidade, que se reúnan, que coñezan de onde vimos...

Ana: Non queremos dicir que non vexamos futuro na música tradicional, pero estamos nun momento de cambio. A xente maior di: “Ai, ás veces teño ganas de cantar, pero teño medo de que me chamen tola ou incluso que pensen que estou borracha”. Como pode ser que sexamos unha comunidade que viña de cantar todo o tempo na rúa, nos lavadoiros... e que de repente te agoches, que só toques na aula ou nunha actuación? É duro. Con todos os beneficios que ten cantar e liberarte...

Gisela: Meu avó era músico de orquestras. E toda a vida, dúas ou tres horas pola tarde, tocaba. E recibía chamadas dos veciños facéndolle peticións! No Nadal tocaba panxoliñas... Morreu e todo o mundo di que como se nota que Aurelio non está. Todo iso foi desaparecendo. É unha mágoa.

“Foron fundamentais para a transmisión da nosa lingua porque non só compoñían en galego, vivían en galego”

Pandeireteiras de toda Galicia, xuntas en Santiago o 17 de maio

A asociación de mulleres tocadoras Somos Pandeireteiras celebrará a súa segunda xornada pública na tarde do sábado 17 de maio, Día das Letras Galegas, no Auditorio de Galicia. Baixo o lema ‘As tocadoras como transmisoras da lingua galega’, o grupo abordará de 16.00 a 20.00 h o papel fundamental das pandeireteiras tanto no presente coma no futuro á hora de transmitir e divulgar tanto as coplas como as falas propias e trazos dialectais de cada territorio. Para poder participar no encontro hai que inscribirse de balde ata o 15 de maio na web somospandeireteiras.gal. As prazas son limitadas.

Os primeiros diálogos contarán coa moderación da xornalista da TVG Pilar García Rego, quen conversará coa xunta directiva de Somos Pandeireteiras e coas coñecidas e históricas tocadoras de Chaín, Digna Pérez Pérez e Otilia Mouriño Álvarez.

Tralas conversas, será a quenda das mesas redondas, que estarán dirixidas por tocadoras lingüistas, filólogas ou educadoras, á fin de poder afondar en diferentes temáticas ou problemáticas ao redor do galego e da súa transmisión contemporánea.

As relatoras que acompañarán ao cento de pandeireteiras durante todo o encontro serán autoras coñecidas das letras do país, como é o caso de Olga Novo, Paula Carballeira, Ánxela Lema e Nuria de Vil, quen achegarán a súa visión subxectiva e poética sobre o falado polas asistentes.

Tralo peche do encontro, terá lugar unha gran foliada de celebración no exterior do Auditorio de Galicia. A intención da mesma non é outra que festexar, en comunidade, a vida e futuro da lingua galega. Nesta folía poderán participar todas as persoas que así o desexen, de calquera punto do país, xa que será unha festa para poñer en valor a cultura de Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.