Lucía Iglesias: “Gañar o Mestre Mateo pola montaxe de ‘Antes de Nós’ foi incrible porque competía contra películas como Sirāt”

Arrancar con esta entrevista custou un pouco. E non porque non houbera nada que contar, senón por esa risa parva que entra cando estás nunha situación que non esperabas. Lucía Iglesias e eu somos amigas desde hai máis de vinte anos, cando estudiabamos na facultade de Xornalismo en Compostela. Quen nos ía dicir daquela que eu chegaría a escribir un artigo sobre os seus logros como montadora de cine? E é que Lu loce xa na súa casa tres premios Mestre Mateo á Mellor Montaxe. Os dous primeiros, pola serie ‘Rapa’, foron compartidos. En 2023, gañouno xunto con Jorge Coira, Gaspar Broullón e Óscar Pardo. O segundo, no 2024, de novo con Gaspar e mais Julia Juanatey. E o último, xa polo seu traballo en solitario, chegou neste ano 2026 grazas a ‘Antes de Nós’, película que triunfou na última edición dos galardóns que outorga a Academia Galega do Audiovisual con 13 recoñecementos.
Lucía é desas persoas coas que sempre hai un motivo para rir. Divertida, boa xente, cariñosa... Cada fin de ano está aí para dicir: “Apura, que nos van dar as uvas!”. É talentosa. Moi talentosa, aínda que a ela sufra para recoñecelo. O síndrome da impostora que tanto mal fai...
Pero tomamos aire. Dicimos: “Imos ser profesionais”. E comezamos.
Tres premios Mestre Mateo. Que son para ti?
É un recoñecemento, sobre todo por parte dos compañeiros e compañeiras, e algo que me anima a seguir nesta profesión.
Este último que recibín por ‘Antes de Nós’ foi bastante incrible porque competía con ‘Sirāt’, que viña de gañar o premio Goya e o premio do cinema europeo á mellor montaxe, e pensaba que era imposible. Fun con total tranquilidade á gala porque non contaba en absoluto con vencer. Ademais, o resto de finalistas eran por pelis que me gustaran moito, con grandes montadores, persoas ás que admiro.
No teu agradecemento recordaches á túa familia...
Si, son os meus máximos fans! (Gargalladas). ‘Antes de Nós’ fun vela ao cine cos meus pais e cunhas amigas e meus pais estaban emocionadísimos. Gustoulles moito! Sempre me apoian. Grazas a eles estou hoxe aquí porque sempre me permitiron facer o que quixen. Nunca me puxeron atrancos. E agora están moi contentos!
Este último premio, o primeiro para ti soa, chegou cunha película que reivindica a figura non só de Castelao senón da súa muller, Virxinia Pereira. Que significa para ti?
Fíxome moitísima ilusión traballar nela porque Castelao sempre foi un dos meus personaxes históricos preferidos. Lin moitos dos seus libros. Acórdome que xa de pequena me encantara ‘Os dous de sempre’, e despois intereseime moito pola súa obra. E cando me chamaron e me dixeron que sería para traballar nunha película sobre el, con guión de Pepe Coira e dirección de Ángeles Huerta, e empezáronme a contar o resto do equipo... dixen: “Que?!!! Por suposto que quero estar!”.
Ademais serviume tamén para coñecer un pouco máis a figura de Virxinia. A raíz desta montaxe, empecei a investigar un pouco sobre a súa vida. Paréceme unha personaxe moi interesante da que non se sabía tanto, evidentemente, como de Castelao, pero que si que é digna de ler e de estudar. Está moi ben que se reivindique a súa figura.
Falando de mulleres, como está o audiovisual galego para vós?
Está mellorando. Cada vez se lles está dando máis responsabilidade ás mulleres. Antes si que era unha profesión máis masculina, sobre todo no que se refire a xefes de equipo. Queda moito camiño por andar, pero pouco a pouco estamos avanzando. Aínda que teño que dicir que a montaxe historicamente sempre foi unha profesión de mulleres. Despois houbo unha temporada na que quizais os homes tomaron unha posición prominente, pero na época de cando se cortaban as bobinas dos carretes das películas, eran elas as que o facían.
E ti soñabas con chegar a traballar disto de pequena?
Non! Non, non, non... Non tiña moi claro a que quería dedicarme. Si que me gustaban moito as películas, cando era pequena sempre viamos en familia o mítico programa de ‘Días de cine’ e todos os venres vía unha peli co meu irmán. Cada semana escollía un. Eu acórdome que eu sempre elixía as máis fantásticas ou de cine máis experimental como o de David Lynch e meu irmán quería ver cine negro, máis clásico... Pero eu non tiña nin idea de que me podía dedicar a isto. Simplemente era algo que sempre me gustou. Foi na carreira de Xornalismo, cando tivemos a materia de cine, cando me din de conta de que ao mellor si podía ser a miña profesión.
Entón o de estudar Xornalismo por que foi?
Ao rematar o instituto non tiña moita idea de que facer. Si que tiña algo de interese por contar historias, pero non sabía como facelo. Xornalismo era o que había nese momento en Santiago e eu tiña claro que quería quedar por aquí. Despois de rematar a carreira, estudiei Comunicación Audiovisual na Coruña e fixen unhas prácticas na TVG, no departamento de realización. Durante uns sete anos dediqueime ao mundo da realización.
Máis adiante tiven a oportunidade de empezar nunha produtora, Zenit. Comecei traballando de noite, preparando o material que rodaban durante o día para que na xornada seguinte os montadores puideran traballar con el. Pouco a pouco puiden pasar de auxiliar a axudante e así empecei a montar programas.
Hai algún punto de inflexión na túa carreira que consideres clave para chegar ata aquí?
Cando traballei para a peli ‘La sombra de la Ley’ con Jorge Coira. Eu era a súa axudante na montaxe. El estaba neses momentos preparando a serie ‘Hierro’ e pediume entrar no proxecto. E a partir de aí traballei moito da súa man.
É Jorge Coira a persoa da que máis aprendiches?
Si, Jorge Coira e Gaspar Broullón, que era tamén montador en ‘Hierro’. Eles ensináronme como son os procesos da montaxe, tiveron moita paciencia... Empecei montando algunhas secuencias, despois as corrixían... Moitas veces cando Jorge montaba eu estaba sentada ao seu carón. Gaspar tamén pasou moito tempo comigo na sala de montaxe, revisando o que eu fixera, dándome indicacións... Foi a maneira na que puiden aprender un pouco do que fan eles!
Como recordas eses primeiros traballos?
Eu son moi nerviosa e teño moi pouca confianza en min mesma. Cando monto sempre estou nerviosa por ver os resultados. Aínda que logo a maior parte das veces os comentarios son positivos, contradicindo o meu pensamento de: “Isto non vale para nada!” (Risos).
E, en xeral, como é a túa relación como montadora con quen dirixe os proxectos?
Habitualmente é boa. Eu sobre todo traballei con Jorge e con Ángeles Huerta, directora de ‘Antes de Nós’. As xornadas de montaxe normalmente son bastante longas, dámoslle moitas voltas ás cousas, pequenos cambios, a ver se algo funciona, mover secuencias... Moitas veces empézase a montar cando aínda se está rodando. E cando xa tes unha primeira versión é cando entra a dirección. O traballo máis forte é a partir de aí.
Porque a montaxe inflúe moito no que se está a contar...
Si, din que hai tres tipos de escritura nas pelis. A primeira é o guión, a segunda a rodaxe e a terceira, a montaxe. Na montaxe podes cambiar todo o sentido.
E es das que sofres cando tes que recortar algunha escena?
Ao principio sufría moitísimo! Pero a medida que fun traballando máis, aprendín que hai que desprenderse de cousas que non funcionan. Pasa moitas veces que ao mellor hai unha secuencia que está moi elaborada, na que houbo moito gasto de produción, pero chega a montaxe e non encaixa. E claro, toda a xente da rodaxe está moi apegada a esa secuencia. Eu estou un pouco menos apegada... Entón dis: a película gana se non vai esta secuencia. E moitas veces fanme caso.
Cal é o segredo para unha boa montaxe?
Non o sei. O que se di sempre é que unha boa montaxe é que non se nota. Ten que pasar desapercibida para o espectador, que non lle faga saír da ficción.
Ademais dos traballos polos que fuches premiada, que outro proxecto destacarías? E en que andas traballando agora?
Gustoume moito ‘Eroski Paraíso’, que foi a primeira peli que montei, tamén xunto con Jorge Coira. Era unha película moi chula. Bastante experimental, sobre una obra de teatro de Chévere.
Agora estou traballando con Portocabo nunha serie que se chama ‘Ágata y Lola’, para Antena 3.
“Un problema que temos é que non sabemos parar. A directora, Ángeles Huerta, dicíame sempre que de mover frames tamén se sae!”

O CONFESIONARIO
Algunha vez choraches montando algunha escena?
Si! Moitas veces. Colles cariño aos personaxes e ás veces é duro.
E algunha vez pensaches: “Isto non hai quen o salve”?
... (silencio)... Si! Pero ao final, salveino! (Risos). É cuestión de traballo, cantas máis horas botes, mellor vai quedar o proxecto. É un problema que temos os montadores, que non sabemos parar. A min Ángeles Huerta dicíame sempre que de mover frames tamén se sae! (Gargalladas).
E como paras?
Algo que é moi útil é que se tes un corte e estás moi apegado ao material, aos planos... deixar pasar un tempo e velo despois coa mente máis clara. Tamén é moi importante a visión de espectadores que nunca o viran antes para ter en conta cousas que poderían funcionar mellor.
Vas ao cine ou ves unha serie e non podes evitar pensar: “Eu isto montaríao doutro xeito”?
Si, claro! O caso é que tampouco sabes o material que había. Igual pensas que se podía facer doutra maneira, pero ao mellor non existía esa posibilidade.
Pásame sobre todo cos meus proxectos. Non podo velos. Ten que pasar tempo ou toleo.
Que pensas da IA (Intelixencia Artificial) na túa profesión?
Está afectando porque hai traballos que son bastante mecánicos para os que aínda non se substituíu ás persoas que os fan, pero vai en camiño de que pasará. Por exemplo, a sincronización do material. Mais eu creo que hai postos que son insubstituíbles. A IA pode xerar proxectos que estean correctos de montaxe, pero non xera unha emoción.
Agora que xa levas anos no sector, sentes que es unha profesional valorada?
A xente di que si! (Sorrí tímida) Eu empezo a intentar velo... Autoboicotéome moito! Aínda que estou cada vez máis evitando ese comportamento.
