fbpx

Concerto de Tiruleque

When:
5 Maio, 2022 @ 9:30 p.m.
2022-05-05T21:30:00+02:00
2022-05-05T21:45:00+02:00
Where:
Casa das Crechas
Cost:
8 €

Vinte anos de traxectoria, vinte anos de concertos en escenarios, foliadas e romarías, vinte anos de fusión entre o tradicional e a creación propia con aproximacións a xéneros diversos como a cumbia, o swing ou o son cubano entre outros. Ese é o resumo apurado do periplo trazado por Tiruleque, banda de orixe coruñesa que leva máis de dúas décadas percorrendo non só o país coas súas actuacións, senón tamén o estranxeiro ao ter participado en festivais internacionais tan prestixiosos como é o de Lorient. Neste 2022, Tiruleque conmemora o seu vixésimo aniversario cun duplo festexo. En primeiro lugar, o grupo iniciou xa unha xira de celebración que o levará mañá, xoves 5 de maio, a ofrecer un concerto ás 21.30 h. na Casa das Crechas de Santiago.

E en segundo lugar, o grupo lanza un novo traballo discográfico. Baixo o título Tiruleque, 20 anos no camiño, recompílanse os temas máis destacados dos tres álbums de estudio publicados polo grupo (Tiruleque en 2009, Mu!! en 2013 e Outro que tal baila en 2018) e dous temas inéditos. Este recompilatorio sae en formato dixital ao cal se poderá acceder ao adquirir nos amentados concertos unhas láminas ilustradas asinadas por Juanlu Nacha, deseñador que se encargou da arte gráfica do disco. As láminas conteñen un código de descarga que permitirá escoitar en primicia os temas cos que se percorre vinte anos de traxectoria de Tiruleque.