UKESTRA DO MEDIO: A marabillosa orquestra compostelá de ukeleles preséntanos o seu primeiro traballo discográfico

Por César Varela de Historia do Rock Compostelán

Foto: Ukestra do Medio.

A Ukestra do Medio, tal e como o seu propio nome indica, é unha orquestra de ukeleles que nace a finais de 2013 nas Aulas de Ukelele da Escola do Medio de Compostela, baixo a batuta do mestre Bernardo Martínez (compoñente da banda durante os primeiros anos). Logo dun ano de duros ensaios, conseguen crear un repertorio do máis ecléctico que presentan por bares, salas, centros sociais e festivais de todo o país, acadando grande aceptación por parte do público. Tras diversos cambios na formación, a Ukestra son actualmente Sara Piñeiro (Ukelele soprano e voces), Kátia Mera (Ukelele soprano e voces), Yolanda Porto (Caixón e voces), Alfonso Collazo (Ukelele tenor e voces), César Parcero (Ukelele barítono, resonador e voces) e Alberte Leis (Baixo acústico, ukelele soprano, banjolele e voces). Tamén se atreven con pequenos instrumentos como palitos, shakers, kazoo ou harmónica. Nos concertos levan ao seu terreo pezas dos máis diversos estilos (desde clásicos do rock and roll, country, swing ou pop, a músicas tradicionais galegas e portuguesas, tangos, bossanovas e ata son jarocho mexicano). Neil Young, Lou Reed, Tom Waits, Roberto Carlos, Andrés do Barro, The Cure, Carlos Gardel, Johnny Cash ou Shocking Blue, están moi presentes no seu repertorio, consistente únicamente en versións.

O pasado mes de decembro saíu á rúa o seu primeiro artefacto musical, un CD Digipack gravado e mesturadoo por Tomás Ageitos nos estudios A Ponte de Compostela e masterizado por José Martínez “Bonham” en Bonham Studios de A Coruña. “em princípio…”, expresión utilizada bastante a miúdo por varios membros do grupo, dá título ao seu primeiro traballo discográfico, editado pola propia banda, que contén no seu interior catro excelentes cortes: “Friday I’m in Love” de The Cure, “Sembrando Flores” de Los Cojolites, “Ain’t no Thang” de Katzenjammer e “Don’t you want me” de The Human League, esta última, cunha simpática letra adaptada ao galego pola Ukestra do Medio.

O pasado mes de Nadal voaron ata Cambridge para presentar o seu novo disco, onde actuaron no Blue Moon, no Market Street e no Lower Marsh Market de Londres, con moi boa asistencia e grande acollida por parte do público, entre eles a comunidade de galegos en Londres e os residentes e turistas da célebre cidade universitaria de Cambridge.

A Ukestra non para de crear e colaborar en diferentes proxectos, así ata o momento dispoñen de varios videoclips de excelente elaboración, que podes visualizar na súa canle de Youtube, gravados por Yolanda Ataraxia, que no seu momento tamén formou parte da banda ao igual que Ramón Orencio (Mr. Cool) e Arantza Villar (Chévere). Tamén lles sobrou tempo para colaborar o pasado ano co grupo compostelán Os Novos na gravación do seu single “Assalto Acústico” editado por Lixo Urbano.

Ao longo deste novo ano, continuarán presentando o seu repertorio en directo (iso si, estes meses terán que cambiar as súas camisas hawaianas por roupa de abrigo) e fabricando novos videoclips e composicións, que tanto emocionan aos máis maiores da casa, como poñen a bailar aos máis cativos. A Ukestra do Medio son aptos para tódolos públicos.

Non deberías perderte as súas próximas actuacións, así que non agardes máis e ségueos nas súas redes sociais (Facebook, Twitter, Instagram) para poder estar ao tanto, e pégalle unha escoita ao seu disco no Bandcamp, onde podes descargalo de xeito gratuíto e tamén mercalo en formato físico.

A desfrutalos Familia! Vémonos no próximo concerto!