Que arte que teñen os bares!

Ana Paula, no café Muralla. Foto: Iván Barreiro

Como namoradas que somos dos bares, as persoas que conformamos o equipo Pincha, non podemos deixar de falar de todo aquelo que forma parte da cultura de bar de este o noso país, o máis riquiño! Porque ti dirías que un bar é un espazo cultural? Pois claro! En Santiago, por exemplo, para esta pescuda tomamos un cafeliño ben rico no Muralla, na rúa da Senra, xunto co seu propietario, Ángel Carneiro.

Baixo os nosos pés hai un cristal… Permanecemos practicamente suspendidos enriba da antiga muralla compostelá… Sorber a escuma do leite quentiño, flotando sobre miles e miles de anos de historia non che é unha broma!

Se retrocedemos ao século X, mentres a cidade comezaba a florecer, rapidamente, grazas á expansión do señorío eclesiástico, da cada vez maior afluencia de peregrinos… Santiago converteríase nun apetitoso obxectivo para os normandos, co cal houbo que protexer o sepulcro do Apóstolo… De aí a construción dun sistema defensivo. A muralla picheleira estaba composta por dous circuítos diferentes: O primeiro estaba conformado por un muro e torres reforzadas con fondos fosos enchidos de auga e discorría por Acibechería, Preguntoiro, Xelmírez e pecharía polo lateral oeste da Catedral. O segundo estaba composto por un foso e unha estacada e o trazado seguiría polas rúas de Rodas, Hospitaliño, Costa Vella, Costa de San Francisco, Carretas, Trinidad, Rajoy, Rodrigo de Padrón, avenida de Figueroa, Senra, Fonte de Santo Antonio, Ensinanza, Virxe da Cerca e Aller Ulloa.

Cantos segredos pode atesourar un local? Cantos tesouros pode gardar? Canta arte hai nun bar? Preguntádelle a Ángel que el sabe ben do que falamos.

Os bares de Santiago, como os de tantos pobos, vilas e concellos galegos, son gardiáns de pezas antigas, visten as súas paredes con cadros de grandes e noveis artistas, albergan máquinas de escribir, tocadiscos, mobiliario e todo tipo de obxectos de séculos atrás, de antano… Arquitecturas de cando o Camiño de Santiago non tiña frechas amarelas, nin redes sociais e paredes de cando non existía o Autocad…

Ana Paula, na Lavandería H10. Foto: Iván Barreiro

Coñecín a Ana Paula Castro dentro da fábrica de chocolate do Preguntoiro, cando era un espazo de arte… E mira ti por onde, a vida devolveuna ao meu camiño anos despois e de bares! Pero con moita arte tamén!

Ela é licenciada en Historia da Arte e ten un máster de Taxación de arte e antigüidades e estudos en Xemoloxía (Ooooh!) En 2012, creou unha empresa chamada Galantiqua, na que se dedica a taxar arte, coleccións, herdanzas… “Cando unha persoa falece e os herdeiros queren facer unha repartición equitativa, chámanme! Ou cando alguén ten unha peza e quere sacarlle un rendemento económico. Eu doulles un valor obxectivo das pezas, porque non teño interese comercial nelas. Fago un estudo catalográfico e económico das pezas, é dicir catalógoo, dátoo, investigo de que estilo é”… E logo dun minucioso e longo traballiño, indo a visitar bibliotecas, revisando e escudriñando libros, catálogos e a historia en si mesma, consultando fundacións, poderache dicir: canto vale!

Ana tamén dá clases na Universidade de Santiago no máster de Patrimonio e é experta en identificación de marfil, e ensina aos do Seprona a facelo! (Ooooooh! A que mola esta amiguiña da nosa revistiña? Ten unha profesión do máis interesante!)

Quedamos con ela para que nos “certifique” dalgún xeito, cos seus coñecementos experimentais, esta teoría que temos de que os bares serven de centros culturais, de promotores e de cofres da nosa cultura, para que nos dea a razón cando dicimos que: que arte que teñen os bares! (Chisco e risa!)

En Santiago, precisamente podemos ver unha morea de locais de hostalaría e restauración que posúen pezas de arte. “Ademais do Muralla, hai exposicións temporais en moitos bares: no Moha, no Besbello, no que ademais teñen un parque para nenos e fan teatro… No Blu, no Pepa A Loba… No Modus Vivendi e no Paraíso Perdido encontrámonos con moitas pequenas pezas antigas, como no Metate, tamén! Na Flor, Sandra ten unha colección de pezas vintage moi interesante… No Embora teñen unha parede pintada cun mural de Cestola na Cachola!!” Que marabilla non? Cantos receptáculos de arte? “Si. De feito, están en certa maneira obrigando á xente a ver arte e iso está moi guai! Porque o público destes establecementos non son probablemente clientes potenciais dunha galería ou dun museo, porque ao mellor tamén se creou unha barreira ao redor deles, unha barreira que racha nos bares! E deste xeito, por que non, logo de gozar desta arte nun espazo menos habitual ou non específico para estes obxectos, estes usuarios poden chegar a ser mercadores de arte, poden adquirir gusto por el, poden converterse en consumidores de arte!”.

Ademais de almorzar con Ana, demos un paseo con ela ata a rúa das Hortas ata a Lavandería H10. Unha que atopou chea de maquinaria antiga, e de entre as máquinas unha de lavado moi vella, precisamente! É un espazo que funciona de museo con pezas que sorprenden. Curioso e admirable nun momento no que o moderno despraza e substitúe o antigo e no que se están perdendo historias e reliquias… “Eu que vou a casas vexo baldosas marabillosas que sabes que romperán e quitarán e que en moitas ocasións, como pasa en numerosos locais, serán substituídas por outras de imitacións das orixinais… Ben por custe, ben por comodidade… O consumismo, o minimalismo, ademais do prezo están provocando que se perdan un sen fin de elementos de moito valor cultural e histórico e é unha pena! E iso que en Santiago moitos bares conservan a pedra e mesmo a descubriron do recebado! Pero é evidente que o tratamento dunhas vigas de castaño antigo é máis caro, que poñer unha imitación… E ao final quedaremos sen pezas”.

Pero sempre nos quedarán os bares!