fbpx
CompostelaEntrevistas

Máis cartos e máis industria para a nosa Cultura

Por Rebeca Munín

Rosón, no Pazo de Raxoi. Foto: Iván Barreiro

Levar as rendas da cultura en Compostela non debe de ser doado. Son moitos os colectivos, empresas, asociacións, artistas, proxectos… que dependen en boa medida das decisións que has de tomar. Falamos dun sector do que viven moitos composteláns. E que ten tamén moito que ver co noso turismo. Unha área que leva moitos anos soportando recortes. E vaivéns lexislativos.

Desde as pasadas eleccións municipais do mes de maio, esas rendas están en mans da socialista Mercedes Rosón. O posto non é novo para ela. Ocupouno xa en 2003 durante a primeira etapa de Bugallo como alcalde. Pero aquel cargo apenas durou uns meses, pasando a mans do BNG cando se materializou o bipartito. “Agora é un momento diferente da cidade. E da miña vida. Asumino con moitas ganas e enerxía, pero sendo moi consciente tamén das dificultades de levar dúas áreas tan importantes”, sinala. E é que ademais de concelleira de Acción Cultural, Rosón xestiona as áreas de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica. “Son distintas pero penso que absolutamente complementarias. Por esa visión máis rica e máis real do que significa todo o noso proxecto de cidade. Unha urbe que é moi poliédrica e que necesita dunha visión máis ampla de todo”, sostén.

Industria cultural

Dentro desa visión ampla, a concelleira fai especial fincapé en apostar pola nosa industria cultural. En plena campaña electoral, o seu partido prometeu a creación dun foro de coordinación dos operadores culturais para potenciar o uso dos recursos e infraestruturas, así como o apoio á creación, xunto coa USC e a Xunta, dun centro de formación en artes escénicas e musicais especializado na creación, produción e xestión. “Santiago é unha cidade que ten un tecido cultural importantísimo, que precisa apoio. Non só a nivel de programar eventos ou de contratar artistas, senón que ten que ver coa súa formación, co apoio desde o punto de vista empresarial”, explica Mercedes. “Estamos buscando fórmulas diferentes, analizando experiencias doutras cidades de dentro e de fóra do noso país, para ver como construír espazos que permitan consolidar, por exemplo, as residencias de artes escénicas e musicais”, engade.

Unha desas residencias gustaríalle que fora a de Chévere, a compañía teatral que despois de varios anos en Teo, acaba de ter que deixar a localidade por decisión do Goberno municipal. “Eu espero e desexo que Chévere non volva saír de Santiago. Por moitas razóns: porque ten un valor enorme na historia do teatro de Galiza en xeral e de Santiago, en particular. Porque é unha compañía que vin como naceu, como creceu e a onde chegou, logrando o Premio Nacional de Teatro. Porque foron expulsados da cidade por Conde Roa (alcalde do PP) de forma inxusta. Eu non me perdoaría que acabara noutro territorio que non fora o de Santiago. Para iso temos que traballar. E para darlle tamén saída non só a eles, senón a outras compañías importantes que temos aquí”, afirma.

Así mesmo, asegura estar buscando fórmulas que permitan recuperar o edificio da Sala Yago para o uso que contempla o Plan Especial, que é, en parte, de uso sociocultural. Tamén apoia o traballo que desde hai algo máis dun ano desenvolven no Multiusos Fontes do Sar, intentando que o edificio albergue cada vez un maior número de concertos e espectáculos de gran formato. “Queremos ofrecer actividades que cubran o maior número de públicos. Estes eventos multitudinarios axudan a fixar políticas turísticas e culturais que nos interesan. Sobre todo en épocas do ano con menor número de visitantes. Son importantes para a desestacionalización”, apunta.

Proxectos locais

Outro equipamento que conta co apoio de Mercedes Rosón – aínda que está xestionado pola área de Xuventude que dirixe a concelleira Noa Díaz – é o Matadoiro Compostela. O edificio situado na Praza do Matadoiro leva anos sendo obxecto de críticas, con incluso diferentes voces pedindo o seu derrubamento. “Alí conviven moitos colectivos diferentes, con intereses distintos pero cunha harmonía total. É un proxecto interxeracional e – con matices – creo que vai seguir unha dinámica parecida a que ten hoxe en día”, indica.

Tamén ten clara a continuidade de dous proxectos postos en marcha polo anterior Goberno local, de Compostela Aberta: a Festa do Banquete de Conxo e a Semana do Libro de Compostela (SELIC). “A recuperación do Banquete e de todo o espazo natural de Conxo, que ten tantas connotacións na historia da nosa cidade, é realmente boa. Incuestionablemente imos seguir con el. E a SELIC parécenos un proxecto importante que articulou dunha forma diferente todo o que ten que ver co libro e a edición, un sector tamén moi importante en Santiago”, afirma.

Por outra banda, Rosón asegura querer resolver canto antes a problemática das actuacións en directo nos locais de hostalaría. Aínda que, de momento, están á espera de que a Xunta resolva o recurso que interpuxo á ordenanza aprobada polo Concello. “Desde logo nós apostamos pola música en directo, de forma ordenada e consensuada cos habitantes da Cidade Histórica. Hai ademais moitísimos hostaleiros que fixeron unhas inversións importantes para que os seus locais se puideran acondicionar e proporcionar unhas actividades que enriquecen a nosa oferta cultural. Unha oferta, por suposto para a veciñanza, pero tamén para os nosos visitantes. Calquera cidade cultural europea e universal, aparte dos programas en teatros, auditorios…, ten unha oferta cultural en pubs, en barrios, en café-concertos… Nós, como cidade, non podemos renunciar a iso”, sostén a concelleira.

Ser líderes

Cando remate o seu mandato, a Rosón gustaríalle que a cidade volvese a ter un proxecto cultural propio. “Creo que hai que apostar pola cultura en serio. E para iso, precisas cartos. A crise levou por diante case todo, nas cidades e en todas as administracións públicas, e os orzamentos fóronse reducindo. Agora toca reforzar orzamentariamente a área de cultura”, destaca.

Uns recursos que tamén se precisan de cara ao Ano Santo do 2021. “Atopámonos nunha situación moi paradóxica, que ten que ver con todos os eventos vinculados ao Xacobeo, no que a cidade xoga un papel moi cativo. Perdeu o estatus que tivo durante varias décadas, desde o 1993 ata o 2010, onde era a cidade a que impulsaba –en colaboración con outras administracións –o proxecto dos Xacobeos”, lamenta. “Eu aspiro a que a Xunta dalgunha maneira favoreza a Santiago, posto que é a meta do Camiño. Entendo que o tratamento que se nos ten que dar non é o mesmo que o que se lle ten que dar a outras localidades”, opina.

En definitiva, Rosón cre que a nosa cidade debe recuperar o liderado cultural que perdeu e que tiña “dentro da nosa contorna, dentro de Galiza e dentro de nós mesmos. Desdebuxámonos moitísimo a todos os niveis. E culturalmente tamén. Compostela debe volver ao sitio que lle corresponde”.