fbpx
CulturaGaliciaGastronomíaNovas

O Sanatorio ou a mellor terapia con gastronomía e cultura

A primeira vez que escoitei falar de O Sanatorio foi nun concerto en Compostela. Alí coñecín a Juan García, o impulsor deste espazo creativo que se atopa en Pontevedra, na rúa Andrés Muruais, 9. Canto máis me explicaba deste lugar tan singular máis gana tiña de coñecelo e de amosalo aos lectores e lectoras de Pincha, aínda que desta vez escribamos sobre un proxecto afastado de Santiago e a súa comarca.

Así que unha tarde de agosto collemos o coche e, acompañados polos nosos amigos da produtora Seispés (autores das fotografías que acompañan esta reportaxe), chegamos á cidade do Lérez onde nos esperaba Juan para realizar unha visita guiada.

Comezamos observando a fachada deste inmoble dos anos 20 que restaurou e que, como non, é especial. “As rúas están cheas de rótulos. Do que se trata é de construír un proxecto sen a necesidade de ter un letreiro. Iso é integrador. Cada rótulo é do seu pai e da súa nai e desmembran unha cidade”, asegura Juan. Como podemos identificar entón que estamos en O Sanatorio? Por unha frase con luces de neon –‘Nada será igual’, en referencia ao tema ‘Feo, fuerte e formal’ de Loquillo- que co tempo irá cambiando “como se o edificio falase”.

As ventás tamén teñen a súa propia linguaxe. Desde a beirarrúa podemos ver, por exemplo, unhas cadeiras no teito dunhas das estancias. “É como fabricar un mundo ao revés”, apunta Juan, que ademais deste proxecto, conta cunha empresa de construción de atmosferas e restauración.

Foi durante o confinamento cando decidiu darlle forma a unha idea que levaba tempo dando voltas na súa cabeza. “Cando me xubilase quería facer un proxecto social e de desenvolvemento creativo. Que ocorreu? Que as miñas principais actividades, que son eventos de moita xente, víronse pechadas desde o 14 de marzo do ano pasado. Entón apareceu esta propiedade que estaba pechada e arranquei coa obra en plena pandemia”, recorda. E así, tras uns meses de intenso traballo, converteu este edificio de tres plantas e máis de 900 metros nun espazo “feito para persoas creativas”. Só hai un piso que segue tendo a construtora e que ocupa o despacho do señor Arturo. “Ten noventa e pico anos e o seu fillo, para dinamizalo, quere que veña todos os días aquí. Subindo as escaleiras e lendo a prensa todos os días é unha maneira de manterse activo”.

A historia de Celestino Poza

Antes de seguir coñecendo este lugar, pregunto: por que ese nome? É entón cando sae á palestra Celestino Poza, un médico que creou alí un sanatorio que dispuña de salas de operacións, radiodiagnóstico, radioterapia, infravermellos… “Durante a Guerra Civil curaba a todo tipo de enfermos, fosen dun bando ou doutro, e había persoas ameazadas polo réxime franquista. Construíu aquí un túnel, que restauramos (e que se pode ver nunha das estancias), onde escondía aos represaliados”, conta Juan. E iso supúxolle terribles consecuencias. Fusilaron a un dos seus fillos e a el levárono ao cárcere na illa de San Simón. “O réxime desmantelou todo o sanatorio e montou vivendas militares. Despois Poza puido recuperalo pero como edificio alugado. É unha historia moi bonita que demostra que na vida social de pequenas cidades ocorren cousas que hai que saber transmitir”, afirma García.

Celestino e o seu legado segue moi presente no ‘novo’ Sanatorio, no que se conservan algúns detalles do seu pasado relacionado coa medicina e incluso un banco de carpinteiro que usaba de mozo traballando como ebanista para pagar os seus estudos. Agora, reconvertido en mesa, acolle ceas nas que participan unha psicóloga, unha nutricionista e un cociñeiro. Porque non se trata só de comer, senón de “recuperar a alimentación como un elemento de saúde”.

Coworking e Food Project

En O Sanatorio atopamos moitas salas independentes e efémeras. Son espazos multifuncionais onde podemos asistir a un concerto, participar nunha sesión de fotos, recibir unhas clases de danza contemporánea ou aérea, comer ou traballar. “Aquí todo ten rodas e todo é desmontable”, apunta Juan con sorriso.

Así, na primeira planta descubrimos unha sala chea de libros colocados ao revés “porque se ves o título e non te chama a atención non o colles, e perdes cousas”. “Se eu consigo que a xente que non le, lea un pouco, xa estou logrando o meu obxectivo primario. E como o fago? Corto follas de libros e vounas colgando na parede. Eu non podo conseguir que se nunca les, leas un libro. Pero podo lograr que leas unha folla”, engade. Hai tamén un bar que só funciona cando albergan algún evento, un corredor cheo de espectaculares luces que “é como o noso photocall”, unha sala audiovisual pero na que só ten cabida unha persoa… Cada habitación -incluídos os baños- é especial e ten unha historia que contar.

Nos pisos superiores, podemos asistir a unha cea con cociña ao vivo en exclusiva para só catro persoas, gozar dunha performance na terraza exterior ou choiar nun espazo de coworking que ten como filosofía xerar unha comunidade de traballo. “Por agora temos un deseñador gráfico, un tatuador, un cociñeiro, unha naturópata, un psicólogo, un que se dedica á bricolaxe, un músico, un dun invernadoiro, asociacións de teatro que ensaian aquí…”, sinala Juan. “Para vir a traballar ou utilizar as instalacións do Sanatorio tes que dicirnos que queres facer, cal é o teu proxecto, que necesidades tes e que podes aportar. Desde dous parámetros: financeiro e talento. É dicir, hai xente que ao mellor non podería pagar 300 euros, pero si pode pagar 150 e aportar parte de talento. É un equilibrio. Porque se ti alugas, sen máis, ao que lle dás cabida é exclusivamente ao que ten cartos. E o Sanatorio ten que ser unha plataforma para persoas creativas”.

É ou non é un lugar marabilloso que paga a pena coñecer? Se ademais queres apoialo, podes facelo de diferentes maneiras tal e como explican na súa páxina web.