Novo Cinema Galego II: Alberto Gracia, fóra etiquetas

Alberto Gracia durante a entrevista. Foto: Iván Barreiro

Alberto Gracia durante a entrevista. Foto: Iván Barreiro

Alberto Gracia (Ferrol, 1978) regresou a Galicia para asistir como xurado no festival compostelán Curtocircuíto 2017. “Expatriado” primeiro en Barcelona e agora en Madrid, posúe unha interesante visión desmitificadora do cinema (“Non salvará a ninguén”, di) e do propio oficio de director.

Falamos con este autor das súas películas desacougantes e a súa absoluta liberdade, fóra de etiquetas.

Estudaches Belas Artes e iso nótase na túa traxectoria. Tocaches o cinema (‘Microfugas’ ou ‘O Quinto Evanxeo de Gaspar Hauser’), a escritura (ensaio), as instalacións (recentemente expuxeches no MAC da Coruña e recibiches unha bolsa de creación artística) Onde te sentes máis cómodo?

É moi cómodo dicir que elixiches o teu destino pero as cousas saen. A nivel de comodidade, non estou cómodo en ningún sitio. No tema da imaxe, máis que sentirme cómodo, é unha forma de vivir.  A vida lévate ata aquí.

Supoño que ao final un artista acábase expresando de múltiples maneiras…

Normalmente a xente que “facemos cousas” tampouco temos tantas cousas que dicir. Temos unha especie de discurso bastante fráxil e tentamos determinar cousas.  Pero toda a vida contamos o mesmo con pequenas variacións. Calquera director acaba falando sempre do mesmo.

O cinema comercial é máis un circo, trátase de facer “pasta” pero ao que xogo eu baséase nun discurso que vai variando ata que te morres (risas).

En 2002 marchaches a Barcelona pero na túa obra apréciase a influencia galega. Como ves o panorama audiovisual galego?

Non controlo moito porque aos 18 funme de Galicia, pero teño moitos amigos aquí cun talento espectacular. Se cadra no resto de España non hai tanto talento como hai aquí concentrado. Non me considero un patriota pero sí que é verdade que coincide xeograficamente moito talento agora mesmo  en Galicia. Historicamente é o momento máis guay.

Sénteste identificado con “Novo Cinema Galego”?

A nivel de etiquetas non porque non creo nas etiquetas. Ás veces as etiquetas utilízanse como mercadotecnia. Si é certo que a todos nos subvenciona Agadic e hai un nexo de unión, un espazo para facer películas.

Que cres que caracteriza ao “Novo Cinema Galego”?

É heteroxéneo.  Si é certo que moito do NCG traballa coas raíces, coa paisaxe. Son películas bastante melancólicas en xeral.  É todo moi galego pero máis aló disto, os directores vimos con múltiples  e máximos común divisores que se poden atopar en calquera grupo.

O NCG establece como unha das súas premisas “Utilización de linguaxes anovadoras que ponderan a experimentación”. Vendo as túas películas, a experimentación formal é sen dúbida un dos teus selos. En ‘O evanxeo…’ xogas coas texturas, a sincronización, algúns das paisaxes son como cadros en movemento. É unha especie de crossover artístico…

Véxoo como un xogo. Hai directores que nos dan leccións todos os días como pode ser Lynch pero o cinema está bastante “encorsetado”. Trata de manter un espírito infantil de xogo pero en realidade o cinema non é máis aló que unha montaxe.  Unha película é unha montaxe, un cortar e pegar. O problema é cando ti queres facer o que lle guste aos demais pero que tamén che guste a ti. No meu caso, doulle a renda solta que quero aínda a risco de parecer un inxenuo, pero non me importa.

Gracia visitou Santiago polo festival Curtocircuíto. Foto: Iván Barreiro

Gracia visitou Santiago polo festival Curtocircuíto. Foto: Iván Barreiro

No caso de ‘O evanxeo…’ aparentemente non hai a intención dun relato formal á maneira na que estamos adoitados. Neste sentido, lémbrame un pouco ao que dicía William Burroughs (‘El Almuerzo Desnudo’): “Só hai unha cousa da que pode escribir un escritor: o que está ante os seus sentidos no momento de escribir… Non pretendo impor “relato”, “argumento”, “continuidade”. Non pretendo entreter”. Coincides co de non buscar entreter nin ter relato formal?

Absolutamente. De feito un dos meus libros de referencia é ‘El Almuerzo Desnudo’ porque inaugura “a nova carne”. De todos os xeitos, se se entretén, non me parece un problema.  O cinema é entretemento, por que non? Se entretén non me molesta e se non entretén tampouco molesta.

Pero ‘O evanxeo…’  ten unha certa continuidade argumental. Dáme a impresión de que se recrean as fantasías de liberdade de Gaspar Hauser e as “conversas” coas súas cinco personalidades cando está na escuridade da caverna. Ao final, parece que se libera (á maneira de auténtico Gaspar Hauser) e pregúntase “e agora que”. De feito, lin por aí que dicías que o verdadeiro Gaspar debeuse de ver no paradoxo de ter que adaptarse ás regras dun mundo que non era o que el coñecía. Estás de acordo con esta interpretación da película?

Si. A película baséase nunha lenda que existe. Grazas a iso puiden xogar.  É unha película feita desde os ollos dun tipo que non é capaz de conceptualizar nin “o mundo” nin “eu”. Hai unha liberdade creativa absoluta.

Gaspar non se integra, é pura traxedia, é un relato faústico. Tenta deixar o seu instinto para ser un home, o cal significa ser  “animal domesticado”, pero é demasiado tarde.  Xa non hai redención posible. É unha historia demasiado cristiá. Por iso é un evanxeo.

Tanto ‘O evanxeo…’  como ‘Microfugas’ teñen en común o branco e negro e un certo ton de desacougo. Cales son as túas influencias?

Non son un gran cinéfilo. As miñas influencias son máis as lecturas. O mundo das imaxes sérveme para ordenar as palabras desordenadas que teño na miña cabeza. Encántame Buñuel, Lynch, o protocinema (da que “Microfugas” é un bo exemplo) pero todo está atravesado por unha estupidez posmoderna que lle quita peso. O cinema gústame moito pero non creo que vaia a salvar a ninguén.  Non é tan interesante saber quen es.  Non son consciente das miñas influencias. Hai xente que funciona moito vendo cousas e reproducíndoas pero no meu caso fago o que me dá a gana. Influencias? Todas e ningunha.

Cal é o teu próximo proxecto?

Estou a montar unha longa que empecei en 2015.  A película vai de como a desmaterialización da imaxe ten relación coa desmateralización do individuo. Saen yonquis, vampiros e zombies. É en cor,  dixital, 4K e con texturas diferentes pero a nivel formal garda relación con películas anteriores como a montaxe.

Filosofía e zombies, interesante combinación. Seguro que será unha película outsider como o resto da obra deste director. Agardamos con impaciencia.