Fernando Torreiro, do Albergue Restaurante Castro: “No Camiño de Santiago cada vez estamos máis profesionalizados”

Por Rebeca Munín

Fernando, no comedor do Albergue Restaurante Castro. Foto: Iván Barreiro

Fernando, no comedor do Albergue Restaurante Castro. Foto: Iván Barreiro

As paredes do comedor principal do Albergue Restaurante Castro, en Palas de Rei, están repletas de referencias a estas típicas construcións galegas. Un nome que escolleron tamén para este negocio familiar como homenaxe ao seu apelido. Fernando Torreiro Castro amósase orgulloso do que teñen conseguido, apostando por un establecemento no que miman aos clientes coma se foran da casa.

Nos últimos anos fálase de cifras récord no Camiño, con cada vez máis peregrinos. Tamén se nota no voso albergue?
Eu noto por exemplo que antes non viñan americanos. Desde o 2015 empezaron a vir de forma masiva. En canto ao crecemento global é difícil de dicir porque nós abrimos no 2013 e a partir desa data abriron nesta zona uns sete ou oito establecementos entre albergues e pensións. Entón a oferta de cama é moi alta. Para min estase ‘superpoboando’, e non de peregrinos, senón de negocios.

De onde proceden a maioría deles?
A maioría son españois. E despois tamén veñen moitos italianos, franceses, de países nórdicos e americanos.

É o peregrino un bo cliente? Ou é un turismo low-cost?
É moi bo cliente. É un pracer atendelos. Hai sempre un antes da ducha e un despois da ducha. Cando descansan, teñen outra cara. A maioría son encantadores. Dígoo de corazón. En canto aos cartos que gastan, hai de todo. Por desgraza, os que menos temos somos os españois.

E con que sensacións chegan? Hai queixas sobre como está o Camiño?
Cada vez imos a mellor. Polo que contan, cada vez estamos máis profesionalizados no Camiño. Eu recordo que no ano 1993 un vaso de auga da fonte a un peregrino pedíanlle cen pesetas. E teño visto en Santiago, cando os menús do día custaban 500 pesetas, cobrarlle aos peregrinos 5.000 ou 6.000. A xente foi dándose de conta que isto era unha galiña que había que explotar. Pero sendo profesionais. Iso intentamos.

Cales son as especialidades do restaurante?
Temos un menú do día moi variado e completo. Por 12 euros ofrecemos catro ou cinco primeiros e catro ou cinco segundos. Sempre procuramos meter unha culler: caldo, lentellas, callos… Pero o caldo galego é moi moi moi pedido. O caldo, xunto co pulpo á prancha, son dous dos nosos pratos estrela dentro do menú. Despois temos unha carta con boa carne – traballamos churrasco, costeleta, solombo…- peixe fresco, e vendemos moitas paellas. Ademais acabamos de poñer en marcha un menú vexetariano que está saíndo moi ben. Este ano tamén ampliamos a vinoteca. Temos 22 referencias, de viños moi coñecidos e bos. Competimos moito no prezo e cunha calidade boa.

Que tipo de provedores tendes?
Todo é produto galego. Intentamos primeiro comprar na zona. Con provedores de Palas de Rei. Evidentemente hai produtos que non atopamos aquí, pero os máis básicos, a horta, si. Sempre temos todo fresco, do día. E non traballamos con grandes cooperativas ou tendas, senón con produtores pequenos. Coa familia. Con esta señora que ten unha leira e pranta alí. O mesmo coa carne. Non traballamos con grandes cadeas, senón con matadoiros de aquí. E Melide, que é un dos pobos máis grandes que hai ao redor, tamén nos abastece.

Que é o máis importante na cociña?
O equipo. Confiar na xente que tes. É importantísimo ter uns bos compañeiros. Sen dubidalo! Cen por cen.

Por que recomendarías vir aquí?
Porque poñemos moita ilusión e corazón neste proxecto. E porque temos un bo equipo e un moi bo produto da terra. Aquí todo o mundo pode pasar unha moi boa experiencia!