fbpx
CompostelaReportaxes

Debuxando a cidade cos ilustradores Miguelanxo Prado, Laura Romero e Sandra Romero

Foto: Iván Barreiro
Foto: Iván Barreiro

Outra maneira de andar, ver e coñecer Compostela – ou calquera outra cidade – é a través de escenas pintorescas e pintadas. Ou, polo menos, é a conclusión á que un chega logo de falar con Miguelanxo Prado, un ilustrador que pouca presentación necesita. É un grandísimo do debuxo e ben coñecido en Galicia e parte do estranxeiro, e ademais é o organizador de Compostela Ilustrada, un evento que conforma un novo escaparate sobre Santiago e que nos descobre outra forma de arte urbana, unha que “ofrece espazos máis alá do típico, un modo moi diferente de coñecer as cidades e que converte a cada unha das persoas que participan nela, nun anuncio vivinte, alguén que vai estar falando ben da cidade para sempre”.

No movemento Compostela Ilustrada participan 200 persoas, “un número limitado, -explica Miguelanxo- precisamente para non traizoar ese espírito que teñen de convivencia, ese ambiente familiar… Que a xente se coñeza, que a partir da segunda xornada xa se identifiquen as caras, que se vaian atopando polos restaurantes ou tomando unha cervexa.  É un movemento moi novo, os que se chaman bosquexeiros -ou urban sketchersen inglés- en realidade o que retoman é unha tradición que ven do século XVIII, cando empezaron os cadernos dos naturalistas, logo no s. XIX os cadernos dos viaxeiros ingleses, franceses alemáns, sobre todo, e a finais dos 90 e máis ben a principios do 2000 colle moito pulo esta modalidade, que reactiva unha paixón nos adultos e na xente madura que xa tes de pequeno, a de contar o mundo, a través dos debuxos. Todos os cativos debuxan!, pero cando chegas aos nove ou dez anos, iso queda aparcado, na maioría dos casos, e a xente perde ese contacto. E moitos destes adultos, nalgún momento determinado das súas vidas, cando lles soe gustar viaxar e compartir con amigos esas viaxes, comezan a facer esta especie de diarios, nos que van anotando… E a partir de aí xa se desenvolve este movemento… O que hai ao redor deste mundo é o redescubrimento do pracer do debuxo e asociado sempre ás viaxes, a coñecer sitios novos e a facelo dun xeito pausado e demorado, sen a présa que normalmente ten o turismo máis estándar. É outra forma de vivir!”.

Laura Romero é de Ordes e é ilustradora e música. Si! Estudou Belas Artes, pero dálle ao baixo co grupo Zënzar, unha banda de rock en galego. “Non son una ilustradora ao uso, non fixen moitos libros… Agora mesmo fago ilustracións en directo para espectáculos e comecei un proxectiño, algo moi descoñecido, que fago eu soa… Para demostrar que hai moitas mulleres músicas. Así que dedícolles unha ilustración a cada unha, para que se vaian coñecendo e levo 120! Músicas Galegas Ilustradas(o nome do proxecto) leva un ano e medio e é unha serie sen fin das mulleres que fan música en Galicia, para demostrar que non somos tan poucas, como parecemos, que hai peso feminino na música, para cambiar algo, para mudar cifras!”

Laura leva participando dende a primeira edición do Compostela Ilustrada, “eu tiña cadernos na casa, pero con moito texto, con resumos de libros que lía, cousas que atopaba na rúa, cando estaba de viaxe e pegábao aí… Como un diario, pero non tan gráfico. Pouco a pouco funme viciando máis ao debuxo urbano, dábame unha inmediatez que non me daba a pintura, por rápida que a quixera facer… Collín conciencia do que é o urban sketcher. Pensaba que ese tipo de debuxo se facía para desconectar, para coller man, facer bosquexos… Pero é unha forma de traballar, agora está moi de moda o estilo sketch(por definición unha escena breve, normalmente cómica, que se integra nun conxunto audiovisual, ben teatral, televisivo e neste caso aplicado á pintura). Non é que leves o caderno xa pensado, ti lévalo e improvisas! Como é un caderno non tes a presión de facer un lenzo e cagala, porque os materiais son caros e tes moitas horas de traballo investidas nel. Aquí, se non che gusta pasas páxina! Entón ten esa frescura que non che dá ou polo menos a min non me dá outro estilo”.

E como é iso de ilustrar Compostela? “A min interesábame o que pasaba na rúa. Isto é ao final como un diario gráfico, outra maneira de compartir. Por moito que sexa o mesmo modelo, dúas persoas non van ver o mesmo, nin van debuxar o mesmo. No debuxo tamén están o tempo e o espazo, é o que me gusta… Sempre digo que nos debuxos está o espazo que ti debuxas e o tempo que investiches nel. Cando ves o debuxo, acórdaste do frío que facía ou que debuxaches iso, porque estabas nunha sombra, porque facía unha calor horrorosa. Ou do tempo que tiñas, porque estabas esperando o autobús. Non sei, a min gústame volver a retomar os debuxos… Este é outro tipo de turismo, de sentarse, de ver o que hai e debuxalo!” E Laura debuxou o que vían os seus ollos na cidade e gañou o Compostela Ilustrada2018!

E nas redes descubrimos Xente de Compostela, unha conta de Instagram na que aparecen debuxos de persoas atopadas polas nosas rúas. Sandra Romero, a súa artífice, é unha ex locutora de radio, reconvertida ao turismo e que, xa de paso, retoma a pintura, que deixara un tanto abandonada, para dedicarse a tempo completo ao xornalismo. “Dende pequena estiven co lapis a voltas. Estudei Ilustración na Pablo Picasso, pero estiven traballando na radio e nun xornal e o tema de debuxar quedou aparcado”.

Ao reinventarse  profesionalmente, comeza como guía de turismo e retoma esa faceta debuxante, abrindo a conta a modo de entretemento: “Sempre me gustou moitísimo debuxar persoas. Creo que se pode vivir como ilustrador, aquí. Eu estou arrancando aínda, estou centrada na miña empresa de turismo, pero gustaríame aproveitalo precisamente para iso… Facer ilustracións para a páxina web… A miña empresa e o que fago nas redes descansan na idea de que ata o de agora o turismo se centrou na riqueza histórica da cidade, esquecendo o que é a xente de Compostela, se non coidas á xente que vive aquí e non fas que a cidade siga viva, vas deixando que a zona vella se converta nun parque temático… E o que queremos é un sitio que che diga algo, que vexas a xente vivindo o lugar! Entón é unha forma de reivindicar aos picheleiros: á muller que vai mercar á praza, o que está na obra, xente anónima… Aínda que hai xente que se recoñeceu! (Risas). Saír un pouco do meu barrio, para debuxar aos que pasean por Xeneral Pardiñas, por Alfredo Brañas, zonas que se esquecen. Igualmente quero facer propostas de circuítos por parroquias do rural, visitas a granxas. Santiago é máis que a Quintana! E ás veces ves só unha caricatura da nosa cidade. Eu debuxo liñas para situar nun contexto, pero céntrome nas persoas. Xente que está quieta, algún turista, as monxas, os obreiros… Persoas reais, recordos que me levan á infancia! A xente maior, xente traballando, os de aquí!”

Hai quen viaxa con lapis, acuarelas e vaille dando cor ás cidades a través dos seus cadernos… Debuxan persoas, situacións, recunchos, detalles, curiosidades, as formas da luz, a vida das rúas e dos bares. Persoas que nos presentan os lugares a través dos seus ollos, dos seus trazos… En pequenos libros de instantáneas, bosquexos, arrebatos, siluetas, recordos… Postais vivas e de cores!

En Galicia pode haber unhas 200 persoas facendo un traballo regular no eido da ilustración (na prensa, no humorismo gráfico, en narrativa ilustrada, libros de texto, etc.) Na nosa cidade estarían entre 60 e 80 delas. E as formas de pintar Santiago, xa vedes, son infinitas! E infinitamente enchoupadas!! (Gargalladas ata que volva a chover ou alguén debuxe a cidade chovendo!).