fbpx
EntrevistasGalicia

A Banda da Loba: “As mulleres temos que conquistar novos territorios musicais”

Andrea, Marcela. Xiana, Estela e Inés forman A Banda da Loba. Foto: Iván Barreiro
Andrea, Marcela. Xiana, Estela e Inés forman A Banda da Loba. Foto: Iván Barreiro

Por Rebeca Munín

Contan que Pepa a Loba era unha bandoleira galega de finais do XIX, unha muller forte, rebelde para o seu tempo. E, sobre todo, unha gran loitadora. Como o son Xiana Lastra (voz), Estela Rodríguez (violín), Andrea Porto (guitarra e baixo), Inés Mirás (guitarra e teclado) e Marcela Porto (percusión). Cinco rapazas valentes que buscan o seu oco no mundo da música con ‘Bailando as rúas’. O que será o seu primeiro disco – do que poderemos ver incluso un vídeo dirixido polo cineasta Alfonso Zarauza - será presentado o próximo 8 de decembro na Sala Capitol. No seu concerto prometen desde emocionarnos e poñernos a pel de galiña ata facernos dar saltos coa maior das enerxías. Eu que xa tiven a sorte de escoitalas en directo dou fe de que non minten. Enriba do escenario ofrecen verdade. A de cinco mulleres galegas novas que teñen moito moito que contar.

Xa queda pouco para a presentación de ‘Bailando as Rúas’ na Capitol. Hai moitos nervios?

Xiana: Hai expectación (as demais rin). Esa é a palabra, máis que nervios. Estamos esperando a ver que pasa, se hai xente, se non hai xente, se gusta, se non gusta…

Imos atoparnos un disco que, segundo definides na vosa páxina de Facebook, é “ecléctico no plano estilístico musical’. Por que?

Andrea: Porque realmente é algo moi variado o que facemos.

Estela: Cada canción ten un estilo distinto. Non nos podemos clasificar en ningún.

Marcela: E aínda que moitas poidan parecerse, logo cando estamos no local de ensaio, unha ten unha idea, outra ten outra… e acaban evolucionando e cambiando.

Como é entón o proceso creativo?

Inés: Tanto a nivel das letras como no plano musical o proceso creativo é moi colectivo. Iso é o que enriquece en gran medida e o que fai que nunca vaian a saír dous temas iguais. Sempre hai ese matiz un pouco máis de Andrea por aquí, un pouco máis de Estela por alá…

En canto ás letras, ademais de escribir vós mesmas e musicar a grandes escritores como Celso Emilio ou Manuel María, tamén tendes traballos de poetas como Rosalía Fernández Rial ou Celia Parra. Queriades apoiar aos novos talentos?

Andrea: Forma parte da idea orixinal do grupo. Gústanos compartir ese traballo que fan rapazas coma nós, que están escribindo, que teñen un público que segue o mundo da poesía pero que ao mellor non conecta tanto co público de concertos. Esa simbiose pode ser positiva para todas. Ademais, son amigas e é moi agradable traballar con elas.

Temos na actualidade un bo nivel de poesía galega?

Andrea: Si, hai un nivel moi alto. E hai moitísimas escritoras. Pero xa estamos nunha vangarda poética na que non se escribe cunhas estructuras métricas moi fixas. E trasladar iso a cancións é complicado. Ao final acabamos destrozándolles un pouco os poemas (risos). Se musicas a alguén de renome parece que dá medo facelo. Sen embargo, se traballas cunha amiga e lle dis: Que che parece se facemos isto? Xuntas imos tecendo a canción doutro xeito e as posibilidades son moito maiores.

Pero quedarían contentas Rosalía e Celia despois do proceso, non?

(Volven os risos, esta vez de todas) Andrea: Si, si! Celia dime: “Encántame”. E Rosalía tamén. Creo que son as primeiras fans que temos! (Sorrí).

Foto: Iván Barreiro
Foto: Iván Barreiro

O nome da banda fai referencia a Pepa a Loba. Por que este personaxe?

Marcela: Porque é muller e porque a súa historia é unha referencia de loitadora e de defender cousas que nós a través das cancións queremos tamén defender e transmitir.

Andrea: Sobre todo tamén porque era unha muller que se saía un pouco do esperado para ela no seu tempo.

Xiana: Temos un tema, ‘Pepa’, dedicado a ela. Escribino porque cando escollimos o nome pensamos que necesitabamos unha canción que contase a súa historia. Foi difícil porque hai tantas cousas no aire e tantas versións diferentes que non sabes cal é a máis acertada. Eu fun a varias fontes e aínda así non acabas de aclararte.

Porque o feito de ser un grupo só de mulleres é algo buscado? Tiñádelo claro desde o principio?

Xiana: Foi un pouco casualidade, porque realmente A Banda da Loba xorde despois do fracaso doutro proxecto, si específicamente de mulleres, que tentamos montar e non funcionou. Algunhas de nós tras esa experiencia decidimos seguir o noso camiño porque estabamos cómodas tocando e creando xuntas. Polo tanto, tampouco é que decidiramos que tiñamos que ser só mulleres, senón que veu un pouco dado polas circunstancias e sentímonos cómodas con que sexa así.

Pero é moi complicado atopar grupos coma o voso, só de mulleres…

Xiana: Si, claro! Nós reivindicamos a figura da muller como música, compositora e tamén como instrumentista, porque vocalistas hai moitas, pero instrumentistas, moitas menos.

E por que credes que as mulleres non se animan a tocar eses instrumentos?

Marcela: Hai moitas razóns. Ás veces penso que pode ser polas características do instrumento porque, por exemplo, no meu caso a percusión require ter forza. Pero máis que nada penso que é por prexuízo social. Eu coñezo a moitas rapazas percusionistas pero non se dan tanto a ver. Ás veces incluso se valora un pouco máis que sexa un home o que estea na percusión.

Xiana: Inflúen moitas cousas, incluso dentro dos diferentes estilos musicais se crean diferencias e limitacións. Por exemplo, no rock é moito máis difícil ver mulleres que no pop. Incluso nas voces. É moito máis habitual ver a voz rasgada dun home que unha vocalista muller. Pero creo que as mulleres temos que empezar a conquistar eses territorios e para iso, é crucial que comecemos a crer en nós mesmas porque moitas veces as barreiras están na nosa cabeza e no que fumos mamando desde nenas.

Que máis obxectivos ou soños tendes con A Banda da Loba?

Xiana: Gustarlle á xente e tocar moito.

Estela: Eu creo que temos un montón de enerxía e iso axuda moito. Nas actuacións que xa fixemos vese que hai un ambiente moi bo, que é moi pegadizo… Todo iso contáxiase ao público. Ademais da música, por suposto, a nosa posta en escena e a nosa actitude penso que son moi boas.

Inés: Tamén está o factor de aportar algo novo. É moi difícil innovar a día de hoxe pero dentro do que cabe, queremos intentar transformar dalgún xeito a realidade na que vivimos. Se a xente escoita estes temas que teñen poesía contemporánea e música feita por xente nova, iso xa é un grande paso.

Foto: Iván Barreiro
Foto: Iván Barreiro

Quen é quen en A Banda da Loba

Andrea Porto

Codeseda - A Estrada, 1989 Guitarra e baixo

“Na miña casa inculcáronme o amor pola música. Meus pais eran moi afeccionados. Con 8 anos empecei a estudar guitarra no conservatorio. Pero ademais, é mérito dos meus pais - porque cando es pequeno non tes tanta capacidade de decisión - que sempre tivese contacto con outras músicas. Por iso toquei na rondalla do cole, tiven moito contacto coa música tradicional… Bailei, toquei a pandeireta, a gaita… E despois, a medida que fun medrando, funme interesando máis por estilos de música moderna: pop, rock… Máis recentemente empecei a tocar o baixo. Noutro grupo no que estaba necesitaban unha baixista e a verdade é que estou supercontenta. Descubrín outra perspectiva da música que non tes coa guitarra. É moi divertido. O baixo déixame bailar un pouco máis (sorrí)”

Marcela Porto

Codeseda - A Estrada, 1997 Percusión

“Eu de pequena quería tocar o violín, aínda que pareza incrible (risos) A miña irmá, Andrea Porto, veu que con ese miniviolín que eu tiña na casa porque mo regalaran meus pais tiña maneiras para levar o ritmo. Díxome que por que non ía con ela a tocar o tambor, así que empecei a ir a clases. A verdade é que ela sempre foi a que estivo sempre aí (“Non vos poñades románticas!”, sinala Xiana ante os risos das demais). Aínda que meus pais nos inculcaron esa sensibilidade pola música, ao ser eu a pequena, Andrea metíame nos seus fregados. Despois entrei no conservatorio e agora estou en Superior de percusión. Anteriormente tocara a batería noutros grupos e nalgún combo de jazz, pero nunca tivera unha banda na que fora eu a batería como na Banda da Loba. Estou moi contenta”

Inés Mirás

Ordes, 1996 - Guitarra e teclado

“Eu encomecei moi pequena coa música. Aos 7 anos. Empecei en bandas tocando o baixo, aínda que agora toco a guitarra. Cheguei a A Banda da Loba por casualidades da vida. Un día estaba nun curso de produción de eventos que organizaba a Escola Unitaria de Compostela e coñecín a Xiana. Á semana seguinte díxome que estaba nun proxecto con outras rapazas e que buscaban a unha guitarrista que tamén tocara outros instrumentos. Preguntoume se me apetecía ir botar unha escoita e eu, que me apunto a un bombardeo (“Esa é a frase de Inés”, rin as demais), fun. Quedei moi contenta co ambiente, coa atmosfera. Todas fixeron que me sentira moi incluída desde o primeiro momento. E ademais sempre hai pinchos e cousas para comer e iso fai que sexas leal a niveis estrastosféricos! (Saltan as gargalladas)”.

Estela Rodríguez

Gondomar, 1987 - Violín

“Eu empecei a falar e dixen: “Quero tocar o violín”. Ninguén sabe por que porque na miña casa non había tradición musical. Ao principio non me fixeron caso pero logo entrei a estudar no conservatorio. Empecei con música clásica e a tocar en orquestras. Tamén tiven algún grupo no instituto, pero nada serio. Ata que de repente un día escríbeme Andrea contando que tiñan un grupo e que a súa violinista ía marchar. Pedinlle que me mandara algo, escoiteino, encantoume e aquí estamos. Desde o primeiro ensaio, estiven comodísima tocando e comodísima con elas”

Xiana Lastra

As Pontes, 1983 - Cantante

“Eu empecei a cantar tamén de pequeniña. Meus pais, aínda que non eran músicos, eran grandes amantes da cultura galega en xeral, así que medrei nesa atmosfera de literatura, música… O primeiro contacto cos escenarios foi con catro anos, cando entrei no coro do colexio, no que quedei ata os 21. Ao principio era puramente infantil pero despois foise convertindo en algo mixto. Cando cheguei a Santiago a estudar Xornalismo, metinme no Orfeón Terra Nosa para non deixar de cantar. Alí coñecín a unha rapaza que me chamou para cantar nun grupo no que ela estaba e no que coñecín a Juan Collazo, ao que lle perdín a pista e atopei de novo no Festival de Ortigueira do 2008, cando xa estaba en Odaiko. Chamoume para cantar con eles e foi cando comecei a dedicarme a isto de xeito máis “profesional”. Desde esa experiencia tento formarme todo o que podo como cantante e fun participando noutros proxectos como ‘Puntada sen fío’, ‘A miña primeira Rosalía’ ou ‘O meu primeiro Celso Emilio’… Ata que naceu A Banda da Loba”.