Non confundamos condescendencia con condimento!

Todos temos algunha limitación. Para comprender que as diferenzas entre persoas non collen nunha mesa, nun restaurante, na escola ou nun traballo, temos que empezar por reflexionar sobre as nosas capacidades e limitacións.
Hai cousas que non somos quen de facer, hai outras que, simplemente, non queremos facer, porque non nos dá a gaña! Eeh!!, pero comer, comemos todos!! E gozamos con elo.
Por iso dende Pincha parécenos importante recordar que a inclusión, mesmo na hostalería, fala precisamente de sentarnos todos ao redor dunha mesma mesa, compartindo experiencias e aprendendo os uns dos outros. Deste xeito, conseguiremos facer do mundo un lugar máis fácil onde vivir e adaptado a todas as circunstancias. E comeremos en paz!
Porque cabe recordar que un condimento é aquilo que se lle bota ás comidas para condimentalas, polo tanto condimentar é aderezar, adobar. É condescender (outro verbo é. Chisco, chisco!) é tolerar con suficiencia ou desdén ou acomodarse por bondade ou conveniencia ao gusto e vontade de alguén. Polo tanto condimentar e condescender non teñen nada que vere!!
Poñémosvos en situación, un grupo de amigos van de panzada. Álex, Carlos, Fran, Javier, Carmen e Jesús. Exclaman con alegría e convencemento que “hai ocio de ‘tardeo’, nocturno… Que non todo vai ser traballare!”. Totalmente de acordo. Hai alguén na sala que pense diferente?! Correcto! Xa mo parecía. (Rimos todos).
Que é o primeiro que buscan? Que a comida sexa para todos igual, incluídos os celíacos! Que ninguén se sinta distinto, que non haxa ningunha persoa que non poida comer o mesmo ou no mesmo lugar. Deciden entre todos a onde ir e, tomada a decisión, como case todos algunha vez na vida, atopan distintas barreiras…
Elena García, que está con eles, é técnica en Inclusión Social e Formación Laboral en Down Compostela e pedagoga de profesión. Explica que as barreiras, ademais de aquelas que veñen por algunha limitación física, xorden maioritariamente polo descoñecemento das persoas que traballan, neste caso, na hostalería. “A falta de saber como dirixirnos ás persoas con discapacidade acaba por invisibilizar, infantilizar… Son adultos! Poden dirixirse a eles para preguntarlles que queren comer. Deberían quedar fóra de lugar expresións coma ‘se vos portades ben, hai un premio!’. Estou segura de que non llo fan a unha persoa que non ten discapacidade… Nos plans de ocio o que notamos máis é a discriminación positiva: pagar menos, regalarlle algo por ser unha persoa con discapacidade… Cremos que ninguén o fai con mala intención, máis que nada é pola desinformación. Todo parte da educación que recibimos no colexio. Hai que incidir nela! Visibilizar, compartir espazos con elas, facelas partícipes, porque son persoas que teñen o mesmo dereito a estar nun local, nun restaurante, no cine e formar parte da sociedade”.

Como calquera outra persoa
Cando lle preguntamos a Elena se hai algunha outra situación incómoda ou desapropiada na que se vexan envoltos, atopamos que non dista moito do que lle podería pasar a calquera: A invasión do espazo persoal! “Nunha das saídas de ocio nocturno, na que foron tomar uns cócteles, houbo quen se queixou de exceso de confianza. A outra persoa achegouse demasiado, invadiu o seu espazo persoal, pero insisto que, en moitos casos, é por descoñecemento, por non saber como tratar ás persoas con discapacidade. Hai que repetir que son como calquera outra persoa, que teñen máis ou menos facilidades ou dificultades”.
Volvendo ao xantar deste grupo, están no restaurante italiano Bresca, en Compostela. Sinalan que a comida está boa, moi rico todo. Xa non é a primeira vez que veñen, nin será a última. Na mesa hai pizza, pasta… Comparten, proban, hai quen repite, a quen lle sobra e están os que, coma min, raspiñan as sobras todas! Non vaia ser que quede aljo nos pratos! (Gargalladas).
Os plans de ocio de Down Compostela suceden todos os venres. Previamente, hai unha xuntanza onde propoñen e elixen o plan da semana e ten que haber un número mínimo de persoas para que se realice… Cine, teatro… En función da semana, elixen unha cousa ou outra. Dende a entidade fomentan que coñezan outras actividades e por iso tamén inclúen plans estrela con novas propostas, para que ninguén se acomode sempre no mesmo. Como vedes, nada moi distinto do que facemos cada un de nós en familia ou co noso grupo de amizades. E ollo que poñer a seis persoas de acordo non é unha broma! Vanme contando que lles parece a experiencia de un en un, hai quen é o máis escéptico contestando “máis ou menos”, apuntando a que todo é susceptible de ser mellorable! Co cal era ben tomar nota todos.
“Póidoche contar mil cousas, -incide Elena-, pero a única forma de entendelo, visualizalo e visibilizalo é convivir e aprender con eles, dende pequenos, sensibilizar a cada individuo, dende que nacen. Temos que ser conscientes de que na sociedade hai persoas de todo tipo!”.
Entre as curiosidades das que puidemos falar, apareceu a limitación da carta en QR! Oh!! Non poido estar máis de acordo, non me gusta nada, é un enredo, nunca sei se teño a aplicación, non me abre, non sei mirala… Pois aquí o mesmo: “Hai moitas persoas que non saben lelo. Hai que traballar niso. Cremos que é de axuda que visualicen os pratos, ilustralos con imaxes, ben na carta en papel, ben no QR, nós tamén temos que traballar niso, para facilitarlles este traballo e darlles consellos e ferramentas”.
Outra das trabas atopadas é a rapidez coa que circula esta sociedade. Esta vida sen pausas, chea de présas. Que á hora de pagar supón unha presión tan grande que non temos tempo a contar o efectivo que levamos e sacamos de tarxeta… Pásalles a eles, pásanos a nós… Non deberíamos pararnos e pensar que se estamos de ocio, tería que ser todo rodado, doado, rico e condimentado?! Que os condimentos non deberían ser sinónimo de condescendencias e que en ningún caso os primeiros poden ser substituídos polos segundos?!
Pensa que cando Álex, Carlos, Fran, Javier, Carmen e Jesús van comer ou cear xuntos, ou tomar unha copa, no seu tempo de ocio, non van imaxinando en absoluto no que vas crer deles. Non chegan intranquilos. Non están preocupados polas túas impresións, polos teus prexuízos, nin tampouco polas súas limitacións individuais, aquela hora!, porque son inherentes ás persoas!! Ti tes as túas, tamén. Queren comer rico, comer ben, ser atendidos como merecen, recibir un trato xusto, igualitario, sen diferenzas, sen que invadas o seu espazo, sen que lles digas nada desapropiado. Sen necesidade de que sexas condescendente. Porque se o es, recorda que a dificultade, a limitación, entón, estaraslla poñendo ti. Eles ían tan só polo condimento! Coma ti, coma min, coma todos!
“Deberían quedar fóra de lugar expresións coma ‘se vos portades ben, hai un premio!’. Son adultos! Estou segura de que non llo fan a unha persoa que non ten discapacidade…”