Pela del Álamo, director de Curtocircuíto: “O bo cinema non é descritivo, é suxestivo, aberto, imperfecto”

O Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto, organizado polo Concello de Santiago de Compostela (Compostela Cultura), inaugurase mañá, 1 de xullo, coa estrea estatal de Ariel, o último filme de Lois Patiño. A proxección será ás 22h na praza da Quintana. Lois Patiño, Irene Escolar, a compañía Voadora (José Díaz, Hugo Torres e Marta Pazos) e a produtora Filmika Galaika acompañarán a estrea do filme.
Ariel será o disparo de saída a seis xornadas de proxeccións e espectáculos audiovisuais que ofrecerán unha programación plural, arriscada e centrada no diálogo entre cine, arte, música e comunidade. O certame recupera a súa identidade orixinal, expandindo as salas para ocupar o espazo público como escenario central, co obxectivo de xerar encontros entre artistas e cidadanía, nos que compartir procesos creativos, experiencias e reflexións. Falamos co seu director, Pela del Álamo.
A piques de comezar este Curtocircuíto, que adianta as datas e volve ás rúas, como esperas que responda o público? Hai máis nervios que noutras edicións polo cambio de modelo?
Si, por suposto que hai máis nervios. Nervios positivos. Esta edición supón un reto especial. Levabamos varias edicións con ganas deste cambio, de que Curtocircuíto volvese ser o festival que foi nas súas orixes. Déronse por fin as circunstancias axeitadas e creo que o Concello de Santiago fixo unha aposta acertada. Agora o equipo do festival temos a gran responsabilidade de que funcione; de saber chegar ao público e seducilo para que se achegue ás nosas propostas. Pero isto é bo: para un proxecto cultural, a posibilidade de reinventarse e evolucionar é fundamental.

Arrancades moi forte coa estrea estatal de Ariel, de Lois Patiño. Por que esta película?
Porque, dende o criterio da dirección artística do festival, xunto con Sirāt, é sen dúbida o filme galego máis interesante do ano, e un dos máis potentes a nivel estatal. É o filme dun autor que medrou con Curtocircuíto, que vén de estrearse no festival de Rotterdam, e que rompe coas dinámicas habituais dos filmes relevantes de acudir a un festival de clase A ou similar. Para nós –e coido que para a cidade– acoller esta estrea e poñela en valor programándoa na Praza da Quintana é unha sorte e unha honra.
Que outros nomes destacarías dentro do programa?
Lucile Hadzihalilovic, sen dúbida. Ela é a nosa convidada principal e a quen lle concedemos o Premio Especial Curtocircuíto Atlas como unha das cineastas máis interesantes do panorama europeo. Tamén Laia Abril, Premio Nacional de Fotografía 2023 e –recoñezo– unha das miñas artistas visuais favoritas. O seu traballo é brutal, abraza códigos e linguaxes moi diferentes para tratar esa constante na súa obra: as violencias estruturais sobre a muller. Ademais, Jesús Madriñán, que recibiu este ano a beca da Residencia Fotográfica Curtocircuíto; Brais Revaldería, que vén de presentar Fillos do Vento en Cannes, proxecto do que teremos un adianto.
A imaxe desta edición evoca o verán e busca que o espectador constrúa o seu propio relato. Veremos neste festival filmes neste senso, abertos á interpretación dos espectadores e espectadoras?
Sempre, por suposto. Curtocircuíto procura filmes que deixen espazo para que os espectadores e espectadoras viaxen coa súa mente a lugares secretos. O bo cinema non é descritivo, é suxestivo, aberto, imperfecto. E un cinema de verán é o espazo ideal para deixar a mente voar…
Curtocircuíto destaca tamén polo descubrimento de novos talentos, a través, por exemplo, das seccións Supernova ou Planeta GZ. Que momento dirías que atravesa o circuíto galego?
O cinema –e a cultura en xeral– son eidos precarios case por definición. Precisamos de políticas culturais máis sofisticadas, máis implicadas coas necesidades do sector, dende todos os niveis administrativos. Hai moito talento, con prácticas cada vez máis heteroxéneas, persoais, arriscadas e diversas… Pero precisamos optimizar aínda máis as estruturas de visibilización; integrarnos nos centros educativos, potenciar a educación audiovisual, e xa non unicamente polos intereses do sector cinematográfico e audiovisual, senón porque vivimos sometidos por un tsunami de imaxes e precisamos de máis pensamento crítico para procesar, entender…
Por último, ademais das pelis, que nos recomendas das actividades paralelas que se organizan sempre ao abeiro do festival?
Sen dúbida, animo a todo o mundo a encher as sesións especiais do festi, que son gratuítas e vannos achegar a proxectos incribles dende ópticas novas. Temos na programación tres dos catro proxectos estatais que estiveron este ano en Cannes. Falo de Fillos do Vento, de Brais Revaldería; de Sirāt, de Oliver Laxe; e, por suposto, de Ciudad sin sueño, proxecto que tamén vén de estrearse en Cannes.
