fbpx
A CoruñaCulturaEntrevistasGaliciaMúsica

Fuxan os Ventos “O noso maior éxito foi devolverlle a súa historia musical ao pobo”

Por Javier Pereira Gasamáns

Imaxes da mostra de Fuxan os Ventos na sala exposicións municipal Salvador Madaraiaga. Foto: Iván Barreiro
Imaxes da mostra de Fuxan os Ventos na sala exposicións municipal Salvador Madaraiaga. Foto: Iván Barreiro

Pincha tivo o privilexio de entrevistar a Fuxan os Ventos, un auténtico referente da música feita en galego. O grupo volve a estar de actualidade grazas a exposición que celebra o seu quincuaxésimo aniversario e que está a percorrer Galicia dende o outubro pasado. Ata o 2 de xuño podedes visitar a mostra na sala exposicións municipal Salvador Madaraiaga, na Coruña. Alí poderedes coñecer a historia desta emblemática agrupación grazas a fotografías, audios inéditos e mesmo instrumentos cedidos polos propios integrantes.

A banda debutaba no ano 1972 no festival de música de San Lucas, aínda que o facían baixo o nome de Folk 72, nome que trocarían a Fuxan Os Ventos despois de gañar este certame. Ata finais dos oitenta a actividade da agrupación non parou. Houbo cambios na súa formación, o máis significativos foi a marcha de Mini e Mero para fundar a Quenlla. Tamén houbo movementos na concepción da súa música, pois pasaron de ser unha banda de folk con vocación máis universal a seren un grupo de folk galego, dedicados non só a composición, senón tamén a recollida de cantigas e pezas populares pertencentes principalmente a montaña lucense.

Fuxan os Ventos non só vive da nostalxia e para demostralo o pasado 19 de abril presentaba un novo tema. Trátase dun arrolo tradicional recollido e adaptado por Moncho Díaz e con arranxos de Xoán Forte no que a banda colabora co artista Abraham Cupeiro. Para festexar o cincuenta aniversario da agrupación, falamos con Tereixa Novo, unha das fundadoras.

De onde sae a idea de montar unha exposición polo 50º aniversario?

A idea foi da propia banda. O cincuenta aniversario pareceunos que merecía unha celebración rotunda, tendo en conta que tiñamos suficiente material e que podíamos conseguir moito máis, como para lograr que a historia de Fuxan os Ventos perdurara. Sobre todo porque sobre a nosa historia non se ten feito nada por parte de ninguén. Agardamos que a goce todo o mundo.

Detalle da exposición de Fuxan os Ventos. Foto: Iván Barreiro

Cal foi o criterio para a selección do material que forma a mostra?

Toda a banda participou no proceso de revisión do material. Houbo un intercambio de ideas porque había dúbidas sobre a súa orixe, mais foi a comisaria quen decidiu que cousas se integraban na exposición e cales quedaban fóra.  Era moi importante contar as cousas tal e como sucederon porque sobre Fuxan os Ventos dixéronse moitas cousas e non todas son certas. Queriamos contar a nosa historia tal e como foi, escoller aquelas cousas que deben perdurar na historia.

Que cousas vos fan sentir máis morriña?

Non temos morriña, é un concepto que non corresponde. Quixeramos seguir indefinidamente na música pero hai que estar en condicións, evolucionar e adaptarnos aos novo tempos, pero todo isto cústanos un pouco. Non botamos de menos unha época en concreto. Fuxan os Ventos foi sempre un continuo no que en cada momento fixemos o que nos parecía mellor. Cando miramos para atrás a sensación sempre foi positiva. Ao mellor cambiariamos algo, pero sempre tentamos facer o correcto. O que ao mellor botamos de menos son as actuacións en directo. Ou xente que ao escoitar as nosas cancións dicía que recordaba aquelo que cantaba o seu pai, nai ou avós.

Cal credes que foi o voso maior logro? Houbo algo que vos gustaría ter feito e ao final non se puido?

O maior éxito foi devolverlle ao pobo a súa historia musical, algo que non fixemos nós sós. Houbo moita xente que se identificou e soubo valorar o seu. A xente puido saber que a música galega tivo e ten un nivel marabilloso, que non hai que agachar a cabeza, que o importante é coñecela e transmitila. A xente puido identificarse coa nosa música porque soubemos estar ao día coas cuestións que preocupaban a Galicia. Cantámoslle ao encoro das Encrobas e agora alguén debería cantarlle a Altri. Por outra banda, estivemos a punto de facer unha xira por Sudamérica, pero desgraciadamente non puido ser.

Como era formar parte dunha banda de folk nos 70?

O folk estaba en auxe e non resultou difícil botar a andar a banda. Comezamos de broma, non pensabamos que aquelo fose durar tanto e que gravariamos tantos discos. Non houbo oposición, houbo compresión por parte da xente do pobo. A xente rapidamente se identificou connosco e apoiounos. Houbo algún incidente porque era unha ditadura. Incluso agora mesmo cantar en galego está mal visto en segundo que sitios, máis aínda nos anos setenta. Sempre fomos capaces de esquivar os problemas que ían aparecendo.

A vosa música conquistou o público máis popular e tamén o máis intelectual. A que foi debido?

A nosa música gustou sobre todo entre o público popular de todas as xeracións. Entre os intelectuais, pois gustámoslle aos que se sentían galegos e crían que Galicia merecía máis do que tiña. Houbo unha parte da crítica musical que nos acusou de estragar a música tradicional, unha afirmación coa que non estabamos de acordo, senón que ademais axudamos a popularizar a música tradicional. Moita xente logo se interesou polas recollidas da música popular. Eramos consciente do noso éxito pola xente que viña ao concertos e polos discos que vendíamos. A xente que tiña amor por este país sentíase identificado coa música de Fuxan os Ventos.

Tedes pensado actuar en directo? Estades faltos de recoñecemento pola vosa música?

A vida activa de Fuxan os Ventos rematou. As exposicións polo cincuenta aniversario son o colofón á nosa carreira, aínda que iso non quita de que fagamos actuacións puntuais por algunha cuestión. Non pensamos que estabamos faltos de recoñecemento, a nós recoñeceunos o público. O que nos gustaría é que os historiadores estudiaran a nosa música dun xeito sincero e real. Isto chegará, pero gustaríanos que pase antes de que xa non esteamos aquí.

Imaxes da mostra de Fuxan os Ventos na sala exposicións municipal Salvador Madaraiaga. Foto: Iván Barreiro
Imaxes da mostra de Fuxan os Ventos na sala exposicións municipal Salvador Madaraiaga. Foto: Iván Barreiro

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.