fbpx

Rufus T. Firefly, Yoly Saa, Grande Amore e Bala, no ciclo de concertos das festas do Apóstolo en Galeras

O concelleiro de Festas, Gonzalo Muíños, acompañado polo organizador Alberto Alfonso, presentou esta mañá un avance do programa das Festas do Apostólo: un ciclo de nove concertos para todas as idades e gustos que terá lugar entre o 23 e o 31 de xullo no parque de Galeras. Rufus T. Firefly, Yoly Saa, Grande Amore ou Bala son algúns dos artistas que pasarán polo escenario cada día desde as 21:00 h.

O parque de Galeras acollerá a partir do 23 de xullo e durante nove días un ciclo de concertos “de gran calidade e variedade, con música de todos os estilos”, como destacou o concelleiro de Festas, Gonzalo Muíños. Ademais o edil salientou a “aposta do Concello” por recuperar este parque para concertos ao aire libre como unha maneira de “diversificar as localizacións das actividades das Festas do Apóstolo e achegarse aos diferentes barrios”, así como de “empregar este marabilloso espazo verde para desfrute da cidadanía”.

O pistoletazo de saída darao o sábado 23 de xullo a banda Rufus T. Firefly, liderada por Víctor Cabezuelo e Julia Martín-Maestro, que a pesar da súa mocidade é considerada de culto dentro do panorama independente do noso país.

O domingo 24, Verónica Ferreiro & Javier Sánchez, dous admirados músicos da escena jazz española, presentarán o repertorio do seu novo proxecto musical, CAMIÑO, a medio camiño entre a música clásica, o folk e o jazz. Un disco que encerra en si a maxia inexplicable que ambos os artistas conseguen nos seus directos, onde a personalísima voz de Verónica e os seus poemas en galego fúndense coma se nada coas composicións de Javier.

O luns 27 e o martes 28, o programa pon o foco nos novos talentos do panorama musical coas actuacións de Maren, que con 18 anos vén de lanzar o seu primeiro LP “Margaritas y Lavanda”, e da galega Yoly Saa, unha das promesas do pop actual que xa acumula máis de 11 millóns de escoitas en spotify, con máis de 160.000 oíntes mensuais estables.

O músico e compositor Santi Araújo subirá ao escenario o mércores 29 para compartir o seu delicado mundo interior a través das súas cancións, e o artista compostelán Luís Fercán farao o 28 de xullo, coa súa personalidade irresistible e a súa característica voz rachada que fai que cancións como “110” pasen xa dos 2 millóns de reproducións.

O público poderá gozar a noite do venres 29 da música de Grande Amore, autor galego que mestura pop, o rock and roll e o techno dos 80´s,seguido o sábado 30 polo grupo Sexy Zebras que continúa coa súa xira “Jaleo” con melodías redondas que os achegan tanto ao rock and roll máis aceso como a un pop ultra-enérxico.

A banda galega Bala porá o broche final ao ciclo de concertos o domingo 31, co seu característico estilo que se move entre o rock intenso e o grunge, cada vez máis próximo ao stoner, o hardcore ou o metal.