fbpx

O Concello prepara unha campaña para dar a coñecer o talento compostelán e estimular o consumo cultural

Representación no Teatro Principal. Foto: Iván Barreiro

O Concello de Santiago, co obxecto de impulsar medidas de reactivación económica a corto, medio e longo prazo, por mor da emerxencia sanitaria provocada polo COVID19 e as sucesivas crises da mesma índole que poidan acontecer nun futuro, decidiu poñer en marcha un proxecto de posta en valor de artistas, profesionais e empresas que conforman o sector cultural de Compostela. Presentouno en rolda de prensa esta mañá a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, acompañada de Fátima Rodríguez, da empresa Promove Consultoría, responsable da execución deste programa.

«O obxectivo é sensibilizar a toda a cidadanía e a outros sectores da cidade do difícil momento que atravesa a cultura, facela consciente da importancia estratéxica da cultura para o presente e futuro de Compostela, e tomar conciencia de que cada un/unha de nós pode axudar recoñecendo a riqueza e diversidade artística e consumindo os produtos e servizos culturais que se ofrecen na cidade», explicou a concelleira.

A participación de axentes culturais no programa dará como resultado unha radiografía das empresas, profesionais e artistas de Santiago, co obxecto de cuantificar e caracterizar as industrias culturais. Con este directorio de axentes culturais e o coñecemento adquirido durante o proceso de captación, o grupo de cultura do concello poderá deseñar novas actividades e accións de promoción de cara a 2021, coa intención de dar a coñecer o talento de Compostela e estimular o consumo cultural, nas súas diferentes formas (pintura, libros, discos, entradas ou abonos a cine, teatro, concertos, exposicións, talleres…).

Calquera profesional, artista ou empresa da área de Compostela que desenvolva a súa actividade ou ofreza de forma regular ou con certa frecuencia produtos ou servizos culturais na cidade, poderá inscribirse a través do formulario que estará dispoñible na web do Cersia ou premendo aquí. De momento só se poderán inscribir neste directorio cultural as persoas individuais e empresas que formen parte das industrias culturais (artes visuais, artes escénicas, música, audiovisual e edición de libro), co obxectivo de ampliar o directorio no futuro con industrias creativas.

Ademais, aproveitando o Nadal 2020, está prevista a realización dunha campaña para xerar conciencia da importancia de apoiar o sector consumindo cultura.