fbpx
GaliciaGastronomíaNovas

Novos soles da Guía Repsol para os composteláns Casa Marcelo e Auga e Sal

Casa Marcelo - Martín Vázquez.

A entrega dos Soles Guía Repsol celebrouse este luns no Teatro Victoria Eugenia de San Sebastián.

A Guía distinguiu este ano a un total de 96 restaurantes: 3 con Tres Soles, 11 con Dous Soles e 82 restaurantes estréanse cun Sol. Destacan pola súa capacidade para adaptarse con axilidade a un escenario cambiante no que algúns se atreveron mesmo a arrincar novos proxectos.

Novamente, e a pesares das dificultades que está atravesando o sector por mor da pandemia da covid-19, Galicia ten unha importante presenza nesta listaxe. Os novos Dous Soles Guía Repsol de Galicia son ‘As Garzas’ (Barizo, Malpica) e ‘Casa Marcelo’ (Santiago de Compostela).

Ademais, de entre os 82 restaurantes en toda España que se estrean cun Sol Guía Repsol, están 'Auga e Sal’ (Santiago de Compostela) e 'Loxe Mareiro’ (Carril), que destacan pola calidade do produto e a intención de elaborar unha cociña que non escatima recursos para conquistar ao cliente e con claro potencial de crecemento. Os Tres soles galegos que repiten recoñecemento son Pepe Solla ('Casa Solla’) e Javier Oleiros ('Culler de Pau’).

Jordi Vilà ( Alkimia), Aitor Arregi (Elkano) e Paco Pérez ( Miramar) foron elixidos novos Tres Soles Guía Repsol 2021 polo seu defensa das raíces e o territorio desde unha perspectiva actual.

618 restaurantes de toda España

Guía Repsol mantén un sistema de cualificación que incorpora a experiencia integral do cliente, o uso de produtos de proximidade e a capacidade técnica do equipo de sala xunto á esencial coherencia dos proxectos. O usuario desta Guía pode elixir entre un total de 618 restaurantes en toda España, que conforman a familia dos Soles en 2021 (Consulta aquí a listaxe completa).

 

Auga e Sal - Axel Smyth.