Nova carta en Argentinos Burguer

@JuanEAT_o esperando polos pratos do Argentinos Burguer. Foto: Iván Barreiro

@JuanEAT_o esperando polos pratos do Argentinos Burguer. Foto: Iván Barreiro

Cando cheguei ao Argentinos Burguer o seu xerente, BigMou, fíxome unha pregunta: “Ves con fame?”. “Si, claro! Dálle lume”, respondín. Cando vin entrar os catro pratos representativos da carta deste local da Estrada, pensei: Coitadiño de min! Foi unha enchenta!

Coas propostas enriba da mesa e o fotógrafo tirándolle fotos, o primeiro que chamou a miña atención foi a Hamburguesa Oh Brother. Estaba no seu punto, como a min me gusta, ben xugosa. E cun pan artesán que estaba boísimo. O único apunte é que o preparado da salsa caseira pode resultar algo picante. Pero para os que gocen cos sabores fortes é todo un manxar.

O segundo bocado foi para o bocadillo de albóndegas (Panini de Polpette). Mi madriña que boas estaban! Aínda que eu quitaríalle un pouco de salsa, pero iso é porque non me levo moi ben cos tomates J Ademais, ao tardar un pouquechiño en probalo, o pan estaba enchoupado na salsa e rompía. Penso que non puiden gozar del como debería. Terei que voltar…

En terceiro lugar, fun a polo sándwich de pastrami. Para min, o noso xamón asado polaco. Un prato rotundo, no que se combinan moi ben os pepinillos, a mostaza e a rúcula, nun pan de molde feito a medida para aguantar con todo.

Despois boteime á pizza. Tratábase dunha base fina, con bordes non pronunciados e unha cocción no seu punto. Enriba, salmón e queixo ricotta. Salmón quente en láminas? Non! A sorpresa e orixinalidade deste prato está en que os dous produtos están fríos, botados enriba da masa despois de cociñala. E o resultado é moi bo. Neste caso o salmón estaba pouco salgado e combinado co ricotta, que é como o requeixo pero máis doce, resultaba delicioso. O único problema desta pizza é o de sempre: que o salmón gusta ou non gusta. Se non es deste peixe, non o pidas.

Por último, aínda que non o vedes nas fotos, esta comida remateina cun flan de doce de leite con nata que tiña o caramelo máis rico que probei na miña vida. E así, cheo como un petouco e máis feliz cunha perdiz, volvín para casa. Moitas grazas a Argentinos Burguer polo tempo e a dedicación!

 

Datos

Lugar: Argentinos Burger (Avenida Benito Vigo, 70 – A Estrada)

Pratos: Hamburguesa Oh Brother (9,90 €), Sandwich de Pastrami (7€), Pizza de Salmón (11,50€) e Panini de Polpette (7 €).

Valoración: 9 estrelas

Fotos: Iván Barreiro

Foto: Iván Barreiro
@JuanEAT_o probando a nova carta do Argentinos Burguer. Foto: Iván Barreiro