fbpx

Micro eventos e sorteos de packs culturais grazas á campaña #CompostelaSomosCultura

Un total de oito packs culturais valorados entre os 100 e os 250 euros son os que sorteará o Concello de Santiago a través da campaña CompostelaSomosCultura. Co obxectivo de «revitalizar» a actividade dese sector tan afectado pola pandemia debido á Covid-19 como é o da cultura, as redes sociais inzaranse -desde xa e ata o mes de febreiro- de micro eventos e accións culturais da vida compostelá.

Posta en marcha pola Oficina de Promoción Económica no marco do Programa ‘Compostela Móvese 2020 Covid19’ e desenvolvida pola empresa Mada Producións e o músico compostelán Xacobe Martínez Antelo, a campaña de fomento do consumo cultural local fornecerá de diversos contidos audiovisuais, protagonizados por artistas locais representantes de diversas artes escénicas, diversas redes sociais coma Facebook, Twitter e YouTube. Porque, tal e como afirman os promotores da campaña, «a cultura local compostelá precisa do noso apoio agora e sempre».

Ao igual que moitas capitais europeas e mundiais, Compostela «foi e é un fervedoiro cultural cunha idiosincrasia propia que a define e tanto gusta» ao público local e ao visitante, explican os organizadores. Dado que a vida tal e como a coñeciamos «envorcou de cheo» debido á Covid-19, ese continuo agromar de proxectos culturais a pé de rúa e en espazos ad hoc esmoreceu ata deixar a cidade «case baleira» dun consumo cultural «tan apegado» á forma de vida local, din desde a organización.

Como participar
Querendo dar un «necesario pulo» a este sector e dada «a escasa posibilidade de poder acceder á cultura de foma directa», xorde esta campaña na que diversos e diversas artistas locais protagonizarán pequenos eventos culturais que poderán verse online nas redes anteriormente mencionadas. Así, o Concello de Santiago e os produtores do evento procuran que a cultura local non quede «como algo efémero», senón que todas as persoas «poidan desfrutala desde as súas casas a través das redes sociais». E con premios, puntualizan.

Todas as semanas desde o vindeiro día 28 de decembro ata o mes de febreiro -nos mesmos soportes online anteriormente citados- adiantaranse os vídeos cun xogo de pistas para descubrir quen é ou son os ou as artistas implicadas no microevento semanal. Entre as persoas que teñan acertado, cada semana sortearase un pack cultural valorado en 100€.

Ademais, hai outro xeito de participar nesta campaña. Desde xa mesmo, calquera persoa pode subir ás súas propias redes sociais unha imaxe onde saian consumindo cultura local e coa etiqueta #Compostelasomoscultura para entrar no sorteo final dun pack cultural valorado en 250€. Mercando nas libarías, tendas de discos, indo ao cine, ao teatro ou exposicións, asistindo a un concerto… fotografías de calquera destas actividades contarían para este segundo concurso. Ademais, non é preciso que a actividade cultural que se queira documentar para participar no sorteo do pack final sexa de pagamento, senón que se valorará tamén a simple acción de facer consumo de cultura local.

Base de dados empresarial para fortalecer a rede creada
Ademais de organizar os indicados sorteos a través das redes sociais e da publicación nas mesmas de diversos materiais audiovisuais protagonizados por artistas locais, o consistorio compostelán puxo en marcha unha base dados chamada Escaparate Virtual a través de Cersia Empresa co obxectivo de «visibilizar ao público o tecido das industrias culturais vencellado a ela que existe na capital galega», explican.

Co obxectivo de «dar soporte» a esta rede de novos vencellos culturais creados durante o desenvolvemento da campaña CompostelaSomosCultura, todas as empresas compostelás que o desexen poden solicitar a súa inclusión nesta base de datos de xeito gratuíto. Así, a cidadanía terá a un click un listado actualizado de artistas, espazos culturais e empresas do sector.