Inés Silvalde: “ O proceso é o máis interesante dunha obra. O final chega só”

Por Marisa Calderón para Os Catro Gatos 

Inés Silvalde, no seu estudio. Foto: Delio Sánchez

Artista noiesa e compostelá . Xestora con Delio Sánchez do Espazo de Arte OS CATRO GATOS en Compostela.

Desde nena comeza a debuxar e recibe clases de pintura onde experimenta con distintos materiais e a aprende o oficio de debuxante e pintora.

A súa carreira académica é extensa. En poucos anos cursa estudos de escultura na Escola Mestre Mateo, termina a carreira de BBAA en Pontevedra, estuda Interiorismo na Pablo Picasso, e por se isto non fose suficiente, vaise a Barcelona a estudar deseño de escaparates.

Pero se todo isto déixame sorprendida, máis aínda atoparme cunha muller nova que respira humildade e sensibilidade. Non ten ningunha intención de presumir dos seus logros, e aínda ao contrario, quítalle importancia a todo o que conseguiu.

Inés é unha persoa forte e valente, iso reflíctese nas súas obras. Non ten pelos na lingua, e fala co pincel e con absoluta normalidade de situacións ás que nos enfrontamos todos os días e que ás veces, polo noso pudor mal atendido, avergóñannos.

Gustaríame facer un resumo das fases polas que pasou a súa obra ao longo do tempo para que entendamos a súa maneira de comunicar e expresar as súas ideas.

As primeiras pinturas que coñecín de Inés baseábanse na figura humana, case sempre na figura da muller, espidas ante o espectador mostrando o seu corpo con franca naturalidade, sen rubor e sen vergoñas. Acuarelas e acrílicos de corpos que exhiben a condición humana como algo que é digno de ensinar.

Como espectadora que son, gústame apreciar un substrato de rebeldía ante a estupidez humana e os seus códigos morais.

A Inés non hai quen a pare, cabeza inquieta, e dá un xiro á súa iconografía. De súpeto as súas cores decláranse insumisas e se empoderan. Cores fluor, liñas negras, estalido na paleta. E xorde o seu exquisito sentido do humor, burlón, atrevido, que reflicte outra parte da súa personalidade. É interesante ver, por exemplo, como é capaz de tratar a maternidade desa forma hilarante e xocosa sen perder un chisco de tenrura.

Por último, os seus “ Influencers de taberna” que foron recentemente expostos na sala do polígono do Tambre. Espectaculares. Agora xa traspasa o seu código e vai máis aló. Se vivimos nunha sociedade que ten como ídolos aos personaxes do papel couché, ela vai e retrátaos. Crus ,intencionadamente feos e mesmo ridículos. Logra que esa crueza teña demasiado interese para querer buscar algo “bonito”.

A Inés interésalle o proceso de pintar, para ela non hai material que non sexa nobre e digno de ser utilizado. O camiño é máis importante. O final chega só.

E iso tamén é o que fai como persoa no Espazo de Arte OS CATRO GATOS, achandar o camiño a outros que como eu, chegamos con timidez á procura dun lugar para mostrar o que facemos.

Inés Silvalde, tan grande o seu corazón como a súa obra.