Crusat & Costas: Sacabeira 2016

Foto: Iván Barreiro

A pureza da alma

Por Lorena Costas

Sacabeira, píntega, salamántiga… son algúns dos moitos nomes que este pequeno anfibio adoita ter na nosa terra. Protagonista de múltiples lendas en Galicia, dise dela que por onde vive a auga é máis pura e limpa.

Lembro este dito desde hai ben anos e, certo é, que neste caso paréceme máis que axeitada a comparación co viño do que imos falar. A pureza está moi presente neste branco de Rías Baixas feito con albariño 100% e a pureza forma parte tamén do xeito de ser e traballar de Iria Otero, a enóloga responsable da creación deste viño.

Iria é muller brava, loitadora e traballadora incansable, que non dubida en perseguir os seus soños alá onde faga falta. Comezou Farmacia, pero axiña se deu de conta que o do viño ía moito máis alá de axudar nunha vendima en verán e decidiu estudar Enoloxía. Dende entón, leva xa unhas cantas vendimas e moito aprendido e viaxado; tanto é así que, en 2015, decidiu facer Sacabeira, na D.O. Rías Baixas. E dese soño cumprido catamos hoxe Sacabeira 2016, a segunda colleita deste marabilloso viño.

As uvas proveñen de tres parcelas distintas, situadas no Val do Salnés, a zona máis emblemática do Albariño. Iria escolleu coidadosamente estas parcelas para facer un viño que fala por si só: pureza, equilibrio, identidade. Cada unha das parcelas aporta algo diferente que conflúe neste Sacabeira para que nos fala con total franqueza da zona da que provén; iso busca Iria, “Viños con Memoria”, tal e como se chama o seu proxecto vinícola , que leva a cabo en Ribeira Sacra, Rías Baixas e agora Ribeiro.

Das parcelas, da elaboración e dunha cousiña que se chama “Fermentación Maloláctica” falaravos o meu compañeiro Crusat, que para iso é o experto!

Como xa dixen antes, Sacabeira 2016 é, para min, unha expresión de pureza, é un viño limpo, brillante, de aromas a flores amarelas, a xestas e froitas brancas, pero tamén con matices herbáceos e graníticos que nos lembran o chan do que provén; cunha potente acidez que percorre a boca, que nos fai salivar e lembrar o mar... un viño para gardar moito tempo na nosa casa, un viño para abrir dentro de moitos anos e lembrar por sempre a súa orixe.

Para os que non teñades tanta paciencia, sempre o podedes tomar agora acompañado dun tartar de salmón, que vos parece?

Acidez bendita

Por  José Crusat

Fermentación Maloláctica dixo Lorena, pois aínda que neste viño non a hai, haberá que explicar o palabro; que algunha outra vez ten saído na descrición doutro dos viños dos que vimos falando.

Neste caso a fermentación malo-láctica refírese a unha segunda fermentación que pode ocorrer nos viños, no que as bacterias lácticas transforman o agresivo ácido málico (o da mazá, pensade nun repinaldo), en ácido láctico (o do iogur) moito máis amable. Isto pasa case sempre nos viños tintos, pero nos brancos é unha decisión do adegueiro. Os viños brancos onde ocorre, a acidez é máis redonda, mentres que nos que non a fan, esta é máis afiada e punzante.

Como xa dixen neste caso, este viño non fai esta segunda fermentación, pero ten unha crianza de 11 meses en barrica de madeira de carballo usada, o que compensa o viño e fai que sexa de paso directo pero o mesmo tempo sen acoitelar. O mesmo tempo na crianza mantense o contacto coas lías (os lévedos mortos) que lle aportan complexidade, protección fronte a oxidación, e que redondean dun xeito envolvente esta acidez.

E falemos xa cos sentidos; á vista este viño é limpo, brillante, transparente dunha cor amarela, con lixeiros tons verdosos no redor. No nariz é un viño de intensidade media, que non satura, mazá, cítricos, herbas frescas, caste e fondo mineral, de pedra golpeada, pureza da uva albariña afastada de lévedos espurios e caribeños. Xa na boca é longo, persistente, cítrico como o zume limón, acidez marcada, fresco, salino, para beber hoxe, mañá e tamén de aquí en dez anos.

Como acompañamento para desfrutalo, escollan unha tosta de sardiña afumada onde a graxiña do peixe combina perfectamente coa acidez do viño, e se lle poñemos un pouco de tomate ben picado pois mellor que mellor, xa que lle aporta un toque de doce.

FICHA TÉCNICA

ADEGA: Iria Otero, Viños con Memoria

D.O.: Rías Baixas

Variedades: Albariño

Grao: 13º

Colleita: 2016

Prezo: En torno aos 16€ en Vide, Vide!