fbpx
GastronomíaNovasOído, artesanía!

Celso Ferreiro: “A coitelería sen punta é moi atractiva e menos agresiva”

Celso Ferreiro leva vinte anos na fabricación de coitelería artesá. Situado na Fonsagrada, unha comarca vencellada tradicionalmente ao ferro, a filosofía deste artesán que conta coa marca de Artesanía de Galicia consiste en “apostar polo rural e polo tradicional”.

Parte do seu traballo destínao ao eido da hostalaría. Como el mesmo di, neste sector comezou “con Iñaki (Bretal), do Eirado de Leña, de Pontevedra, que me comentou se fabricaría algo para cociñeiros profesionais”.

Como é a túa relación co sector da hostalaría?

Hai moita xente que está apostando por min, que lles gusta o aceiro que utilizo, o corte que teñen os meus coitelos. Hai moitas persoas que están encantadas con eles.

Temos coitelos adaptados á hostalaría como, por exemplo, un ceboleiro grande deseñado con Iñaki Bretal que se lle foi dando curvas e liñas para que fora cómodo para eles (os cociñeiros). Tamén temos un coitelo para filetear peixe, un xamoneiro (algúns cociñeiros o empregan tamén para preparar sashimi), pataqueiro (baseado nun modelo tradicional dunha parroquia da Fonsagrada. Un básico da cociña, probablemente a pequena estrela, versátil e moi práctico) e o coitelo de trinchar con punta (en madeira de buxo e de granadillo e prata).

Fálanos da coitelería sen punta

Foi unha aposta por sacar unha liña totalmente nova arrincando do coitelo tradicional da Fonsagrada.

Ao final dinme conta de que a punta non serve para case nada, salvo para pelar patacas ou para quitar un ollo a unha pataca. Estase utilizando para comensais na parte do comedor en restaurantes. É moi atractivo e menos agresivo.

Que tipo de materiais utilizas?

Utilizo principalmente madeira e ferro. Adoitamos utilizar madeiras autóctonas de Galicia todo o que podemos porque hai madeiras que non as temos aquí. Eu uso o buxo, a acacia e o bidueiro. A moitas tirámolas, secámolas e facémoslles nós o proceso. Tamén utilizamos madeiras como o granadillo e o cocobolo, que son madeiras foráneas, tropicais.

En canto aos aceiros, son de máxima calidade. O que buscamos é un bo corte.

E en canto ás técnicas? Cales utilizas?

Facemos baleirados, que é a través de lixas quitarlle aceiro ás follas, e tamén forxa, depende do que se estea facendo en cada momento. Sobre todo facemos baleirados porque os aceiros veñen para que estean baleiros.

Que supón para ti contar coa marca Artesanía de Galicia?

Promoción. É unha forma de acceder a mercados que non podería acceder doutra forma e chegar a revistas que tampouco chegaría. Desde Artesanía de Galicia están sempre intentando promocionar todo tipo de produtos, tanto o meu como os outros.

Onde podemos comprar os teus coitelos?

Na miña páxina celsoferreiro.com, en tendas e no teléfono 646416235.

Fotos cortesía da Fundación Pública Artesanía de Galicia.

Navallas tradicionais

Celso Ferreiro tamén traballa a navalla tradicional, dentro da longa tradición secular ferreira da súa zona. “Na Fonsagrada, Pontenova, Taramundi fíxose toda a vida. Nós desenvolvemos un bloque, o chamado virobloc”.

As súas navallas feitas á man son adquiridas tanto por particulares como por restaurantes, que aprecian especialmente as navallas sen punta (recentemente vendeu 50 para Barcelona). Preséntanas nas mesas para que os comensais poidan cortar dunha maneira diferente entrantes como queixos ou mesmo carnes.

Estas navallas caracterízanse así mesmo por estar feitas coa máxima calidade, en aceiro cirúrxico sueco e coa empuñadura de madeira de buxo, uz ou madeiras tropicais.