fbpx

Así vivín a edición máis esperada do festival O Son do Camiño

Por Marta Seoane

O 16 de xuño volvía tras tres anos O Son do Camiño. Tres días cargados de festa nos que o público, con ganas de vivir o seu primeiro festival despois da pandemia, deixou a voz e algunha que outra cousa máis.

Cun cartel moi variado, que ía dende música galega, pasando polo rock, o indie nacional e o pop británico, ata o reggaeton ou a música electrónica máis activa do festival. A pesar de ter apostas variadas, é certo que algúns esperabamos unha proposta máis forte, como a que era nun principio a de 2020, con artistas coma Bad Bunny, Daddy Yankee ou Dj Snake.

O primeiro día comezou a miña experiencia. Achegarse ao recinto situado no Monte do Gozo foi a primeira dificultade. Os buses lanzadeira propios do Festival contaban con colas de máis dunha hora, as liñas urbanas da cidade ían cheas, e os taxis estaban moi apurados, co cal a mellor opción era achegarche en coche propio se tiñas oportunidade.

Xa no recinto atopei tres entradas distintas, cada unha co seu posto de pulseiración correspondente, o cal amenizou bastante o tempo de espera nas colas. Era o momento de entrada, tocaba familiarizarse cos “tokens”, a moeda propia do festival para mercar as consumicións, co plano do recinto, distribuído en dous grandes escenarios e un máis pequeno onde se atopaban os food tracks, e por último cos horarios das actuacións, os cales tiveron varios cambios ao longo do Festival. Sen dúbida, o que menos me gustou foi a existencia destes “tokens”, e que para pedir unha bebida que non fose auga tiveses que pagar polo vaso 1,5€.

Kase.O foi un dos primeiros grandes artistas en desfrutar do escenario Xacobeo, achegando o rap ao Festival. Despois chegou o turno do reggaeton con Jhay Cortez, artista que logrou encher o escenario principal. Máis tarde foi o momento de Foals, dúo que achegou a enerxía e a motivación para o que quedaba de tarde. C. Tangana foi o máis salientable do día segundo os asistentes, xa que achegou unha posta en escena incrible. Este a pesar de ser o favorito de moitos, para min foi un non rotundo, xa que en vez de parecer un concerto, parecía que estaba gravando un vídeoclip. O broche ao escenario principal púxoo The Chemical Brothers, e no segundo escenario, despois de Boyanka Kostova, a encargada de pechar foi Lola Índigo, cunha actuación chea de baile e enerxía, a cal foi a miña favorita do día.

A segunda xornada contou con máis xente, xa que houbo artistas con público bastante diferenciado. Os fans do reggaeton e do trap tiveron o seu momento con Justin Quiles, Duki e Anuel AA, concerto do que os espectadores destacaron máis os seus gritos de “Viva España” que as cancións en si. Por outro lado Liam Gallagher emocionou ao público interpretando varios temas de Oasis, e Anne-Marie, a artista que máis esperaba, achegou ao Festival o pop británico máis alegre cunha posta en escena e unha enerxía incrible. Os encargados de pechar este segundo día foron Timmy Trumpet e Justice.

Nathy Peluso actuando en O Son do Camiño

O sábado 18 foi o derradeiro día, pero estivo cargado de sensacións intensas e de persoas que, a pesar da fatiga, seguían con ganas de gozar ao máximo a música. Rayden e Triángulo de Amor Bizarro foron un dos primeiros en actuar no escenario Xacobeo, e Miss Cafeína e Khea fixérono no escenario Estrella Galicia. Máis tarde chegou unha das actuacións máis emotivas, xa que Nicki Nicole actuou con tal sinceridade que nun momento chegou a emocionarse ao ver a  tanta xente desfrutar da súa música. O listón quedou alto, pero Dani Martín e La M.O.D.A non quedaron atrás, xa que atoparon un público disposto a cantar todas as súas cancións. Chegou o momento de Rigoberta Bandini e de Jason Derulo, dous dos artistas máis esperados de todo o Festival, os cales non defraudaron xa que a pesar das dificultades de son que se produciron, ambos estiveron en contacto co público facendo máis amenas as interrupcións. Nathy Peluso seguiu as actuacións, e coa súa enerxía de Business Woman logrou que o público se motivase a pesar da choiva que sorprendeu na súa actuación. A pesar de ser una das artistas máis esperadas, deixou un pouco que desexar á hora do canto, xa que foi unha performance moi ben preparada, pero a ela case non se lle escoitaba. Finalmente, os encargados de pechar esta edición foron o DJ Tïesto, e o grupo Carolina Durante.

Desta maneira chegou a fin dunha edición do Son do Camiño moi esperada, e que definitivamente cumpriu as expectativas do público, os cales quedamos con ganas de máis.

Un comentario en «Así vivín a edición máis esperada do festival O Son do Camiño»

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.