fbpx

ARRANCA A PROGRAMACIÓN PREVIA DA 47 EDICIÓN DA FESTA DO QUEIXO DE ARZÚA

When:
3 Marzo, 2022 – 6 Marzo, 2022 all-day
2022-03-03T00:00:00+01:00
2022-03-07T00:00:00+01:00
Where:
Centro de formación profesional Efa Piñeiral
Rua Santa María
S/N
Arzúa

Unha edición máis, o centro de formación e promoción rural Efa Piñeral colabora activamente na Festa do Queixo de Arzúa. Nas instalacións do centro celebraranse accións divulgativas destinadas a poñer en valor, promover sinerxias e afondar no coñecemento dos recursos e das áreas profesionais vencelladas ós mesmos.

O día 3 de marzo, terá lugar a mesa redonda coas tres queixerías de Arzúa; Barral, Galmesano e Verbas. Neste encontro departirase sobre o presente e o futuro deste sector produtivo, os seus retos e oportunidades.

A partir do venres 4 as instalacións da Efa Piñeiral acollerán a mostra “2012-2022, 10 anos de arte e publicidade no cartelismo da Festa do Queixo” onde se poderán ver os carteis anunciadores da última década comentados polo alumnado dos ciclos de comercio e márketing da Efa Piñeiral, e a réplica doce que do actual cartel anunciador realizaron os alumnos do ciclo de panadaría, repostaría e confeitaría. A inauguración desta exposición, ás 13 horas, correrá a conta do deseñador arzuán Daniel Camino, gañador noutras edicións do primeiro premio do certame de cartelismo da Festa do Queixo.

Esta exposición ten xa confirmada a visita tanto de centros educativos, como de asociacións e particulares. As familias que acudan con cativos, de entre 3 a 12 anos, poderán coñecer a exposición mentras que os nenos e nenas participan en obradoiros co alumnado do ciclo superior de educación infantil da Efa Piñeiral. Todas as actividades e obradoiros son gratuitos.

A Efa Piñeiral estará tamén presente no recinto feiral con stand propio para achegar ós locais e visitantes unha escolla das elaboracións do alumnado do ciclo formativo de panadaría, repostaría e confeitaría, ademáis de demostracións a cargo do alumnado na que se decorarán “Galetras”, unha proposta doce do centro na que o queixo D.O.P. Arzúa-Ulloa cobra especial protagonismo. No stand da Efa Piñeiral expoñerase tamén outra versión da tarta réplica do cartel anunciador do evento.

“Nesta edición tan especial, a Efa Piñeiral, como centro de formación profesional e promoción rural, sumámonos á Festa do Queixo para colaborar no que mellor sabemos facer, propostas formativas e divulgativas nos eidos do comercio, do marketing, da valoración do produto e da gastronomía. Accións orientadas a valorizar o produto, a fomentar relacións entre profesionais e a xerar foros de formación que confluan e propostas de mellora e promoción do noso territorio e da súa riqueza.”, afirma Ana Saavedra, directora da Efa Piñeiral