fbpx

Axenda

Xan
20
Sáb
Artes Escénicas Compostela Cultura Primeiro Semestre 2024
Xan 20 – Mai 25 all-day

A concelleira de Capital Cultural Míriam Louzao presentou a programación de Artes Escénicas de Compostela Cultura para o primeiro semestre do 2024. Fíxoo nunha rolda de prensa que contou tamén coas intervencións da deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, do director-xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López, e da dramaturga e actriz Esther F. Carrodeguas.
Alén dos apoios da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia —a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios e do Centro Dramático Galego—, a nova temporada  escénica conta coa colaboración do Consorcio de Santiago, da USC, e do Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música (INAEM) do Ministerio de Cultura, a través dos programas Platea e Danza a Escena.

De xaneiro a maio,  a programación ofrece 33 propostas de teatro, danza e circo, que prestan especial atención á escena galega con 21 espectáculos de compañías do país. Como novidade, introduce tres focos transversais que establecen un fío discursivo entre distintas pezas: o ‘Foco Esther F. Carrodeguas’, con tres dos máis recentes traballos que a creadora galega desenvolveu coa compañía ButacaZero; o ‘Foco A voltas cos Clásicos’, seis pezas que convidan á reflexión sobre a canonización de obras esenciais e históricas da escena teatral e as adaptacións que delas se fan na actualidade; e o ‘Foco NeoTrad’, que centra a ollada na danza a través de catro espectáculos contemporáneos que dialogan coa tradición do baile galego e doutros bailes peninsulares como é o caso do flamenco.
Esta nova tempada escénica de Compostela Cultura garda aínda lugar para cinco obras dirixidas ao público familiar no marco do programa ‘EnFamilia’ e outras dúas especialmente pensadas para o público máis novo, de ata tres anos de idade, ao abeiro do ciclo ‘PorVezPrimeira’.
As entradas para todos os espectáculos poden mercarse a partir deste martes 5 de decembro, ás 11.00 h tanto na páxina web compostelacultura.gal como na Zona C · Punto de Información Cultural no seu horario habitual: de martes a sábado, de 11 a 14 horas e de 16 a 19 horas. Ademais, poderán adquirise tamén o día de cada espectáculo na sala en que este se desenvolva, dende unha hora antes do seu inicio.
As entradas terán un prezo de 10, 12 ou 14 euros, co desconto do 50% para os colectivos habituais: persoas desempregadas, perceptoras de rendas sociais, xubiladas, maiores de 65 anos, estudantes, menores de 25 anos e membros de familias monoparentais ou numerosas. Os espectáculos familiares terán un prezo único de 3 euros por entrada.

33 espectáculos en 42 funcións
A programación comezará o 20 de xaneiro no Auditorio de Galicia con Iribarne, unha das pezas que forman parte do ‘Foco Esther F. Carrodeguas’. Trátase dunha coprodución de ButacaZero, o Centro Dramático Nacional (CDN) e a Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia, que conta con texto desta actriz e dramaturga, con dirección de Xavier Castiñeira e cun elenco conformado Mónica García, Xurxo Cortázar, Anxo Outumuro, Lidia Veiga, Jorge de Arcos e a propia Carrodeguas. O mes de xaneiro inclúe ademais dúas funcións de Romeo y Julieta Despiertan…, unha colaboración de Entrecajas Producciones Teatrales e Teatro Español que se representará os días 26 e 27 no Auditorio de Galicia baixo a dirección de Rafael Sánchez e cun elenco encabezado por Ana Belén e Jesús Noguero.
As alumnas, de Culturactiva Producións abre febreiro con dúas funcións no Teatro Principal o venres 2 e o sábado 3. Paula Carballeira recibiu o Premio Nacional de Literatura Dramática 2023 por este texto que dirixe Fina Calleja e que interpretan Anabell Gago e Mónica Camaño. Outros cinco espectáculos integran a axenda do mes: Isolada, unha proposta circense para adultos de Natalia Oteiro “Pajarito”, preséntase o día 15 no Teatro Principal. Ese mesmo lugar acolle o 16 a representación de Iphixenia na porta do súper, unha peza de Compañía Humana que interpreta Alba Caneda e que forma parte do foco ‘A voltas cos Clásicos’. Tamén neste foco se enmarca La vida es sueño, de Lazona e a Compañía Nacional de Teatro Clásico, que chega o 17 de febreiro ao Auditorio de Galicia. A representación de Noso de Náufragos Teatro, o día 23 no Principal, e a da peza de danza Bailador,de Óscar Cobos, o 29 de febreiro no Auditorio, completan o programa do mes.
Marzo destácase pola variedade de propostas para público adulto. O día 1 o Auditorio acolle a representación da peza teatral El Padre, de Focus Teatre Romea, con dirección de Josep María Mestres e interpretada por José María Pou. A compañía de circo UpArte instálase o día 2 no Teatro Principal con Desprovisto, un traballo dirixido por Pau Portabella que combina acrobacia e danza e promete deixar o público sen alento. Ibuprofeno Teatro presenta os días 7 e 8 no Teatro PrincipalDeadpan Karaoke, unha catarse cómico-musical dirixida por Patricia Rodríguez e interpretada por Marián Bañobre. O 9 de marzo, a Fran Sieira Compañía de Danza levará ás táboas do Principal Ceibe, unha obra de baile e música tradicional que afonda na relación entre os roles de xénero e a nosa tradición. O peche do mes virá da man do espectáculo Manuela Rey is in da house, unha coprodución entre o Teatro Nacional Dona Maria II, o Teatro Nacional São João, o Centro Dramático Galego, e o Teatro do Noroeste – Centro Dramático de Viana.  Fran Núñez ocúpase da dirección de escena e a dramaturxia desta peza que conta con Mariana Carballal, Neto Portela, Nuno J. Loureiro, Rafaela Sá, Raquel Crespo, Teresa Vieira, e Xosé Lois Romero entre o elenco e que se representará no Teatro Principal os días 14, 15 e 16 de marzo.

Abril é o mes da danza e son varios os espectáculos desta póla artística que se fan oco no calendario. O primeiro deles é Flamenco Futuro, de Álvaro Murillo, unha obra que explora a relación entre o corpo humano, o baile, a aprendizaxe e a tecnoloxía, e que chega o día 5 ao Teatro Principal. O día 6, a peza Mortais e vulnerables da compañía Furia Sotelo ocupará o mesmo espazo para ofrecernos un solo de danza de Alejandra Balboa baixo a dirección de Nuria Sotelo. A compañía La Veronal instálase no Auditorio o día 20 con Sonoma, unha obra de Marcos Morau que leva ao movemento a necesidade de volver á orixe, ao corpo, para poder sobrevivir. E o día 28 será a compañía Nova Galega de Danza quen tome o relevo no Auditorio para presentar Berro, un traballo dirixido por Jaime Pablo Díaz con dirección escénica de Sharon Friedman.
Pero o mes de abril garda tamén lugar para tres espectáculos teatrais: Macho Grita, unha produción da Compañía Nacional de Teatro Clásico escrita dirixida e interpretada por Alberto San Juan, revisita o mito de Don Xoán ao abeiro do foco ‘A voltas cos Clásicos’ o 12 de abril no Teatro Principal. O 19, e no mesmo marco, o público de Compostela poderá asistir á función de 1888. Señorita Xulia, una revisión do texto clásico de Strindberg producida por Estudo Momento e dirixida e interpretada por Xoán C. Mejuto e Iria Ares. O 26 e o 27 de abril será a compañía Contraproducións quen leve ao escenario a peza Entrega en man, con dirección de Cándido Pazó, e un elenco conformado por Evaristo Calvo, Santi Romay, María Roja e Diego Sales.
Finalmente, maio resérvase outros seis espectáculos. O día 3 será novamente dedicado á danza, neste caso da man dun traballo de Javier Martín que leva por título O punto impropio e que se representa no Teatro Principal. O día seguinte, o Auditorio de Galicia acollerá o pase de La comedia de los errores, unha obra de Mixtolobo e o Festival de Mérida na que Albert Boronat versiona o texto de William Shakespeare para concibir un espectáculo novo con dirección de Andrés Lima e un corpo de interpretes conformado por Pepón Nieto, Antonio Pagudo, Fernando Soto, Rulo Pardo, Avelino Piedad e Esteban Garrido. O día 9, Pentación Espectáculos leva tamén ao Auditorio Adictos, unha obra de  Daniel Dicenta Herrera e Juanma Gómez que reúne no escenario a Lola Herrera, Ana Labordeta e Lola Baldrich. Sarabela Teatro desembarca o 16 e 17 de maio no Principal con Made in Galiza, unha obra dirixida por Fina Calleja que conta con Fernando Dacosta, Sabela Gago, Elena Seijo e Josito Porto no cadro actoral. Outras dúas pezas de Esther F. Carrodeguas con ButacaZero son as encargadas de pechar a programación para público adulto no mes de maio: O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada,representarase o 24 de maio no Teatro Principal, e Rapadas chegará á Igrexa da Universidade o 25 de maio.

EnFamilia e PorVezPrimeira
Teatro, danza e circo están tamén presentes nos espectáculos dirixidos a público familiar e miúdo. O ciclo ‘EnFamilia’ ábrese o 27 de xaneiro no Teatro Principal con Solo, de Roi Borrallas, un espectáculo recomendado para nenas e nenos de máis de 8 anos. Crisálida, de Caramuxo Teatro, chega o 24 de febreiro ao mesmo espazo, cunha proposta para maiores de 6. Para o mesmo grupo de idade a compañía Lucas Escobedo ofrecerá o 9 de marzo no Auditorio de Galicia Paüra un espectáculo de humor que procura deixemos atrás os medos que nos habitan. O día 13 a data na que Companyia de Comediants La Baldufa represente a esperanzadora Amal no Teatro Principal e Pistacatro tomará o Auditorio o 21 de abril cunha nova edición da Gran Gala do Circo.
Finalmente, o ciclo ‘PorVezPrimeira’ ofrecerá ás persoíñas máis novas da casa a oportunidade de facer dos espazos de Compostela Cultura o escenario da súa primeira experiencia teatral. A primeira das propostas chegará o 4 de maio ao Teatro Principal con Coliño, de A Xanela do Maxín, para bebés de ata tres anos. O día 5 a cita será no Auditorio con Univers, un espectáculo de Engruna Teatre ideado para crianzas de ata dous anos.

#posfunción e #conversando
Como complemento á programación, a tempada inclúe faladoiros que buscan afondar a experiencia creativa tras a baixada do pano de cada sesión. Así, unha ducia de #posfuncións e un #conversando servirán para que o público poida coñecer o equipo responsable de boa parte dos espectáculos e o proceso de traballo que posibilita a realización das obras.