Xacobe Martínez Antelo: “O que sentes pola música é coma polos fillos, non hai forma de racionalizalo”

Por Rebeca Munín @rebecamunin

Xacobe Martínez Antelo. Foto: Iván Barreiro

Xacobe Martínez Antelo. Foto: Iván Barreiro

Xacobe é un tipo grande. E xa imaxinaredes que non o digo só polo seu corpo. Ninguén discute a súa calidade como músico. Inmerso en diversos proxectos, como Chanzo, Martelo ou Sumrrá, recentemente acaba de presentar o seu segundo disco co trío que leva o seu nome. Dá gusto velo sobre o escenario fundíndose co seu contrabaixo e, como el di, “deixar o teu propio corpo e convertirte en son”. Unha música que cre inxusto que non chegue a moitos colectivos con difícil acceso á cultura. Por iso puxo en marcha, sen axuda de ninguén, un ciclo de Concertos Necesarios en lugares como residencias de maiores, hospitais ou centros de día. É ou non é este compostelán un tipo ben grande?

‘Capturas’ é o título do segundo disco de Xacobe Martínez Antelo Trío. Que querías ‘capturar’ con el?

Realmente é a primeira vez na miña carreira na que o deseño dá nome ao disco. Tiñamos as músicas xa gravadas e mandeillas a Roge Fdez, que é o deseñador, e mandoume a portada. E hostia! Vino e pareceume tan familiar e ao mesmo tempo tan elegante, tan cinematográfico, tan revelador… que me din de conta que o que estabamos facendo coas músicas á hora de compoñer era precisamente iso: capturar pequenas historias, realidades ou sensacións. Os oito temas eran como oito capturas.

Oito temas con oito títulos moi reveladores: ‘A política lingüística de Alberte’, ‘Conciliade malditos’, ‘O precariado’…

Si, en todos os proxectos nos que estou metido, a música é necesaria, ten raíces, unha dirección… Entón, todos e cada un dos títulos teñen unha gran historia detrás. Unha explicación longa que moitas veces fago nos directos.

Pero eu o que intento é suxerir. Hai xente que entende á perfección as sutilezas. Por exemplo, nun tema como ‘Non alimenten ó Troll’ os que habitualmente se enfrentan aos trollssaben de que estamos falando (Sorrí).

Acompáñante no trío Xosé Miguélez (saxo tenor) e Max Gómez (batería). Que tal a relación con eles?

Son dous músicos acojonantes. Eu sempre teño a sensación de que eu son o peor músico de todos cos que toco (Sorrí). Porque eu antes que músico son melómano. A necesidade de tocar vén porque flipas tanto coa música que necesitas darlle saída. Formar parte dese proceso xa é a hostia! É un auténtico agasallo do universo currar con eles.

Sabemos ademais que estamos facendo o noso propio camiño, que nada temos que ver con outros tríos ou outras formas de facer música. E iso é o que o fai grande.

Quedamos con Xacobe na galería da cafetería Lasso, no Auditorio. Foto: Iván Barreiro

Quedamos con Xacobe na galería da cafetería Lasso, no Auditorio. Foto: Iván Barreiro

Con este trío tamén puxestes en marcha o proxecto Concertos Necesarios. En que consiste?

Este proxecto vén desde hai moitos anos. A idea xurdiu por verme sempre tocando en espazos supostamente preparados para a música. É dicir, salas, auditorios, teatros, festivais… E como obrigado a só estar presente para determinado público. Despois, por cuestións persoais, entrei en contacto con colectivos de persoas con necesidades diversas e dinme de conta de que hai un montón máis de xente no mundo que non é a que ten o hábito de ir aos concertos. E como nós cremos que a música que facemos é poderosa, no sentido en que realmente remexe, pensamos en ir tocar para xente que polas súas circunstancias sociosanitarias está privada dela.

Que tal foi a resposta?

A resposta por parte da xente deste tipo de centros é excepcional. Estiveramos moitos anos buscando que algunha institución, pública ou privada, quixera apoiar mínimamente o proxecto. Pero non o conseguimos e chegou un momento no que dixemos: pois ímolo facer! Sen apoio de ninguén. Fixemos entón unha pequena experiencia de tres concertos grazas ao desinterese e a calidade humana de Xosé, de Max e de Inés Portela, de Mada Producións. Estivemos no Psiquiátrico de Conxo, no Centro Sarela e na residencia de maiores Volta do Castro. Fomos coa idea de que eramos nós os que iamos agasallarlles a eles pero foi ao revés. Foi moi enriquecedor. Xenial. Moi chulo. Tocamos o material deste disco antes de gravalo e penso que tamén a enerxía destes concertos quedou reflectido nel.

 E desde cando está a música na túa vida?

Buf… (Suspira) Sobre os 11-12 anos gustábame a música pero o que lembro como un frechazo foi escoitar a Jaco Pastorius nun dos vinilos do meu irmán maior.  Non sabía que tipo de instrumento emitía aquel son! Pregunteille ao meu irmán, ensinoume a portada e vin por primeira vez un baixo eléctrico. Flipei! Despois con 13 anos metinme na escola de música que había en Santiago e foi para min unha pasada. E aquela loucura polo son, pola música, segue exactamente igual a día de hoxe.

Segues namorado dela entón?

Si. Eu que son pai é coma o que sentes polos fillos, non hai forma de racionalizalo. Aínda que máis que un amor, é unha tolemia! (risos)

Dentro dos teus diferentes proxectos musicais, o máis exitoso é o grupo de jazz Sumrrá, co que estás a piques de cumprir 20 anos! Como foron os inicios?

Comezamos na época na que eu empecei en serio co contrabaixo. Coincidimos en Santiago unha xeración de músicos que faciamos unha jam session semanal no Dado Dadá. E en todas as jams había un momento no que quedabamos tocando sós LAR Legido (batería), Manu Gutiérrez (piano) e máis eu. E neses momentos non sei que pasaba pero había como un rollo moi bo. Tivemos entón a idea de facer uns concertos xuntos. O nome viu dunha broma interna porque non pensabamos que pasaríamos dese par de actuacións, pero aquí levamos 20 anos arrastrando o nome (gargalladas).

Arrastrándoo por medio mundo! Pero en Galicia, hai suficiente apoio para o jazz?

Non, a situación do jazz en Galicia é absolutamente desesperada. O nivel de programación é totalmente residual. E como o jazz, outros moitos tipos de música… Creo que a situación da cultura en xeral é de abandono. Quen diga o contrario lo flipa. E creo que para a música do país o mellor que ten pasado nos últimos anos é o nacemento da asociación Músicas ao Vivo, que traballa para que a roda se siga movendo. Porque a proposta que lle gusta a 10.000 persoas ten que ter apoio, pero o proxecto que lle gusta a dez, tamén. Porque esa música que en principio é minoritaria ao mellor acaba sendo exportada a Marrocos, a Corea, a México ou a China. Un exemplo é Sumrrá, que empezou sendo un trío de jazz galego de tres tipos que nunca tiveron ningún tipo de axuda; que os dous últimos discos están sendo producidos por un selo de Nova Iorque; e que é susceptible de ser programado en calquera país do mundo cunha resposta moi boa.

E xa para rematar, cando poderemos ver en directo ‘Capturas’ por Santiago ou comarca?

De momento temos unha actuación o 15 de xullo en Tui e o 28 de agosto no Jazz Filloa de A Coruña. Pero imos actualizando datas na web xacobemartinezantelo.com

‘Capturas’ é o último disco de Xacobe Martínez Antelo Trío. Foto: Iván Barreiro

‘Capturas’ é o último disco de Xacobe Martínez Antelo Trío. Foto: Iván Barreiro