Unha trintena de espectáculos de teatro, danza e circo para gozar en Compostela neste primeiro semestre do ano

A nova programación Á escena! de Santiago deixaranos 27 espectáculos de teatro, danza e circo neste primeiro semestre do ano. Serán un total de 36 funcións que se desenvolverán no Auditorio de Galicia e no Teatro Principal dende o 16 de xaneiro ata o 4 de xuño.

O programa, presentado pola concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, faise en colaboración coa Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC-Xunta de Galicia e cos programas Platea e Danza a Escena do INAEM-Ministerio de Cultura, ademais de co apoio da Deputación da Coruña e o Consorcio de Santiago. Por iso, na rolda de prensa participaron, ademais da concelleira e do director-xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López; o director de AGADIC, Jacobo Sutil; e o deputado provincial da Coruña, Xosé Luís Penas. Todos destacaron a necesidade desta colaboración conxunta para poder sacar adiante un programa con esta envergadura.

Dentro dos espectáculos haberá tres estreas absolutas: O mel non caduca, de Ibuprofeno Teatro; Spotlight, de Can Cun Quinqué; e O mozo da última fila, de Redrum Teatro. Participaron na presentación tamén representantes das tres compañías así como representantes de O Montacargas, espectáculo de Ainé Producións & Acusmaser Opus, co que se estrea esta temporada mañá mesmo e o venres de novo, no Teatro Principal.

Xa á venda
As entradas para todos os espectáculos están xa á venda na web compostelacultura.gal, así como no despacho de billetes do Teatro Principal (que abre de martes a sábado + días de evento de 18:00 a 21:00 h, ou dende 1 hora e media antes de que comece o espectáculo) e no do Auditorio de Galicia (dende 1 hora e media antes de que comece a función). O prezo das entradas é de 10, 12 ou 14 € (cos descontos habituais do 50% para persoas desempregadas, perceptoras de rendas sociais, xubiladas, maiores de 65 anos, menores de 25 anos, estudantes e membros de familias monoparentais ou numerosas). Para os 5 espectáculos que se enmarcan dentro da programación infantil e familiar, o prezo será de 4 euros a entrada xeral, existindo un Bono familiar mediante o cal se adquiren 4 entradas a 12 euros.

Os espectáculos están clasificados nas seguintes liñas temáticas: EscenaGZ, Territorio das Mulleres e Clásicos?. Entre eles atopamos desde a diversa abordaxe que nos mostran de Shakespeare dende a comedia física do Hamlet de Chapitô, pasando pola aposta polo grande formato de PT Excéntricas co seu Medida x Medida, ata a proposta máis «clásica» do Macbeth. O ruído e a furia de Estudo Momento.

Outra das ligazóns mostra un interese polas temáticas que teñen a opresión da muller como protagonista, dende a violencia máis absoluta das propostas de Teatro do Atlántico con A conquista da escola de Madhubai e El Pavón Teatro Kamikaze con Jauría, ata a falta de liberdade e opresión silenciosa en contextos pechados, familiares, de cotío que nos propoñen Liberto, de Marelas Producións; Ana, también a nosotros nos llevará el olvido, de Unahoramenos, ou Mrs.Dalloway, de Entrecajas.

O Leira de Nova Galega de Danza dialoga co Erritu de Kukai Dantza, unha oportunidade de ouro para poder contrastar como as danzas tradicionais e populares dialogaron coa danza contemporánea en Galicia e no País Vasco. E a relación da música e o movemento está presente en Directo9, de Pisando Ovos, e Mercedes mais eu, de Janet Novás e Mercedes Peón, dúas reflexións sobre a música, os corpos e a creación dende a vangarda absoluta feita en Galicia.

Teremos a estrea absoluta de O mel non caduca, de Ibuprofeno Teatro; Spotlight, de Can Cun Quinqué; e O mozo da última fila, de Redrum Teatro; e a estrea en Galicia de Deje su mensaje después de la señal, de Tanttaka Teatroa. Poderemos ver O Montacargas, de Ainé Producións e Acusmaser Opus; O electo, de Contraproducións; ou o Falar por falar de Volta e Dálle. José Sacristán chegará a Compostela co seu Señora de rojo sobre fondo gris; Aitana Sánchez Gijón con Juana da man do Teatro Español e Losdedae; e Matarile Teatro presentará o seu Daimon y la jodida lógica.

Ademais, únense outros cinco espectáculos enmarcados tamén no programa En Familia e dirixidos a todos os públicos: o Concerto con fusión da Banda Municipal de Música con Píscore; , de Xampatito Pato; a Gran Gala do Circo de Compostela; Lar (la casa, el hogar), de Lasal Teatro; e Emportats, de La Trócola Circ.

#posfunción e Xurado Novo
Durante a rolda de prensa, tamén se falou do Club C!, unha proposta de actividades para se achegar de xeito diverso aos contidos das actividades culturais compostelás. Comprende actividades que buscan coñecer mellor as propostas artísticas que nos ofrece a programación cultural municipal e deste xeito afondar na experiencia como espectadores culturais. Aquí atopamos ata 13 #posfunción nas que, unha vez cae o pano, membros da equipa técnica e artística debaten co público sobre o espectáculo e a súa temática.

Por outro lado, anunciuse que este ano, o Departamento de Cultura de Compostela, xestionado dende o Auditorio de Galicia, pon en marcha por primeira vez o Xurado Novo Á escena!, experiencia que xa se celebrou dúas veces no festival Cineuropa. O obxectivo é achegar ao público máis novo ao teatro e fomentar o seu espírito crítico. Así, un grupo de mozos e mozas de ata 30 anos asistirán ás diversas funcións e participarán nas posfuncións para despois debater entre eles e elas e conformar un palmarés simbólico que se fará público ao final de temporada.