fbpx
CompostelaEntrevistasGastronomíaNovas

Rogelio Santos: unha ventá ao noso mar e á pesca sostible

Rogelio Santos. Foto: Iván Barreiro

Descubrín ao mariñeiro Rogelio Santos como case todos, a través das redes sociais nas que o seguen miles de persoas (case 16.000 en Instagram e máis de 14.000 en Twitter). Encantáronme os seus vídeos nos que devolve algunhas capturas ao mar. Nos que explica por que non debemos comercializar exemplares que non chegan ao tamaño permitido, teñen ovas ou están en veda. E, sobre todo, engancháronme aqueles nos que amosa a beleza dos nosos peixes, fala da pesca sostible galega e dun oficio ao que ama, admira e respecta profundamente.

Reúnome con el en Porto do Son. Son as 4 da tarde e acaba de chegar de pescar acompañado de seu irmán. A xornada foi bastante boa. Primeiro clasifican o peixe en distintas caixas. Pésano e fan un documento de transporte que suben á base de datos da Xunta xa antes de levalo á lonxa de Ribeira. Este inclúe tamén información sobre a especie, que barco o pescou, que día, en que zona marítima… ata en que coche e con que condutor se transporta. “E cando poderá estar á venda en Santiago?”, pregunto. “Esta mesma tarde ou mañá pola mañá”, contesta. Case directo do mar (“o mar de Santiago”, nas súas palabras) ao noso prato.

Milena… – digo mentres me fixo no nome da pequena embarcación na que chega Rogelio a porto– Por que ese nome?

Era o nome do mercante noruegués no que meu pai percorreu o mundo antes de decidir quedarse aquí, facer un barquiño e poder ver crecer aos seus fillos. Coñeceu África, Xapón, EEUU o norte de Europa… pero quedara orfo con 2 anos e non quería iso para nós. Cousas da vida que finalmente morreu no mar cando eu tiña 14, miña irmá, 10; e meu irmán, 22.

O Milena chegando ao porto de Porto do Son. Foto: Iván Barreiro

Cun caso tan próximo, non te dá máis medo saír ao mar?

Non, iso o que fai é que valore máis o peixe e lle teña máis respecto a todos os meus compañeiros e compañeiras de profesión. Porque cada mariñeiro vai traballar para gañar un salario, pero tamén está alimentando ao mundo. Ademais, non somos temerarios. Co mar hai que ter coidado. Somos moi prudentes.

Sempre tiveches claro que querías traballar de mariñeiro?

Non. A min o que sempre me gustou foi traballar coas mans. E tamén sempre me gustaron os animais, a natureza, a bioloxía… De pequeno vía moito os documentais de La 2, de Félix Rodríguez de la Fuente… O que pasa é que tamén sempre estiven moi vinculado ao mar, pola familia, polos veciños, por ser dunha pequena parroquia cun pequeno porto mariñeiro, Queiruga, onde pasei toda a miña infancia, rodeado de mariñeiros e xogando cos animais que había nas pozas, vendo como os homes e as mulleres cargaban os aparellos, etc. E ao contrario do que se di moitas veces de que os mariñeiros son moi brutos e que arrasan con todo… desde logo, ese non foi o mundo onde eu me criei. A xente do mar que eu coñecín tiñan moito respecto polo mar e polo seu coidado.

Como foi ese primeiro día con 18 anos no que saíches ao mar?

Acórdome porque meu irmán, que xa tiña máis de dez anos de experiencia, pediume se o acompañaba a levantar uns aparellos. Pensei morrer!! Pensei morrer porque para min aquelas ondas parecían montañas e o vento, un furacán. Meu irmán partíase da risa véndome a min con cara de pánico. Recordo que recei a todos os santos cantos hai, os coñecidos e os descoñecidos, pedinlle ao meu irmán que por favor me levara para a terra que eu morría, que llo suplicaba… E, claro, viume tan mala cara, estaba pálido, que finalmente volveu para a terra. Co tempo dinme de conta de que aquelo era unha ‘brisa canaria’ (risos). Durante anos, eu mareábame todos os días, pero pensaba que se todos os meus veciños, primos… son mariñeiros, eu tiña que poder. E como era moi cabezota, duriño e con boa saúde, aquí estou.

Cada vez é máis difícil atopar xente moza que se queira dedicar a isto como fixeches ti naquel momento…

E iso que é un traballo moi bonito. Estás en contacto coa natureza, tes a oportunidade de gañar o sustento de maneira honrada… É un oficio con moitos puntos positivos que ao mellor a xente descoñece. Por exemplo, non hai impagos. Cobramos ao día ou á semana. Ademais hoxe en día hai moita máis seguridade e mellor calidade de vida. Eu síntome súper orgulloso da xente traballadora do mar. Aínda que segue sendo un traballo duro e o aumento dos impostos, a subida de combustibles… fan que o balance entre ingresos e gastos de calquera embarcación estean moi axustados. E iso repercute nos salarios.

Que pensas entón cando dicimos que o peixe está moi caro?

É que eu digo que o peixe está caro. E cada vez máis. Sei que temos un produto en Galicia de gran calidade e iso hai que valoralo. O peixe galego é o “pata negra” a nivel mundial. É, actualmente, o mellor peixe do mundo, pero tamén é o peixe obtido da maneira máis sostible. Un peixe que o 99% é vendido en A, que non é corrupto, é un peixe honrado. Ademais as nosas augas son das máis limpas do mundo, das que menos plásticos conteñen. Pero aínda así, si creo que é caro porque entendo que realmente para unha familia comprar peixe a 6 ou 7 euros o quilo representa unha inversión moi grande. Por iso, como reclama moitísima xente, se realmente nos preocupa a saúde da poboación e fomentar o consumo local, debería baixarse o seu IVE.

Algunhas das capturas de Rogelio e seu irmán o día que quedamos para a entrevista. Foto: Iván Barreiro

Desde hai un tempo, triunfas nas redes socias falando do teu traballo e concienciando sobre como debemos coidar o que temos. Como está o noso mar?

No que ten que ver coa sostibilidade, foise avanzando a nivel de costumes, hábitos… Antes non entendiamos o prexudicial que podía ser que tirásemos un plástico ao mar, praias cheas de lixo, animais con eles enganchados… Pero hoxe cóidase moito máis. Eu vexo cada día aos meus compañeiros de profesión vir con plásticos en bolsas da comida que levaron para comer, pero tamén dos que veñen nas súas redes. É algo habitual. E é moito máis habitual ver nas praias xente que vai dar un paseo recollendo plásticos nunha bolsa, que collendo berberechos ou ameixas ilegalmente.

Hai tamén outros temas, como a igualdade, nas que fomos avanzando. Hoxe en día hai moitas mulleres presentes no mundo do mar, en todos os niveis. E máis que haberá.

Por que decidiches empezar a contar as túas experiencias nas redes sociais?

Foi un pouco antes da pandemia. Empecei a sacar a ESO e o Bacharelato para adultos ao mesmo tempo que traballaba. O profesor de literatura castelá, Xabier López Marqués, poñíanos a facer moitos comentarios de texto e chamoulle moito a atención a miña forma de escribir. Eu sempre, fora cal fora o tema que nos puxera, desviábao un pouco ao mar, a Galicia, ao cariño a miña terra… El dicíame: “Que ben comunicas, deberías escribir nun blog porque ademais iso axudaríache a mellorar a túa ortografía e gramática”. Entón ocorréuseme empezar a escribir na miña páxina de Facebook e sobre todo cando escribía cousas relacionadas co mar, a xente empezaba a compartilo e a pedirme que lles contara máis. Logo fixen a conta en Instagram e Twitter. Nas primeiras publicacións expliquei que quería abrir unha ventá ao meu mundo porque creo que o mar non é dos mariñeiros, é de todos, é da xente das cidades, da xente do interior… Quería que o coñecesen de primeira man, crear un contido que fose bonito. Porque vivimos nunha terra súper fermosa, súper rica, chea de beleza e de xente boa.

Nos vídeos que compartes vemos moitas especies diferentes, como traballades nas embarcacións… pero que é o máis curioso que tes atopado no mar?

Sempre me fan esa pregunta e mira, cada día é unha aventura e cada día é incrible porque non hai dous peixes iguais. Hoxe pescamos tres escarapotes e cada un deles tiña unha tonalidade distinta, como un cadro de Picasso. Así que a beleza, a orixinalidade e as calidades o que hai é que velas, porque estar, están aí xa. E no caso de Galicia, máis.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.