fbpx
#apaparCompostela

Rabo de vaca estofado no ACDC restaurant

@JuanEAT_o probando o prato do ACDC. Foto: Iván Barreiro
@JuanEAT_o probando o prato do ACDC. Foto: Iván Barreiro

Magnífico! Así resumo a miña visita ao ACDC Restaurant. E diredes: “Igual é pasarse un pouco”. Pero a verdade é que tanto o trato como o prato foron de dez. Paula e Manuel fixéronme sentir coma na casa. Só me faltaban unha bata e unhas zapatillas! 😉

Centrándome xa na proposta que vos traemos nesta ocasión, rabo de vaca estofado, diría que é un clásico que non pasa de moda. Falando co seu autor, o chef Manu, gustoume unha frase que me dixo: “É un prato sinxelo pero feito con paciencia”. E é que a preparación en si non ten moito segredo, pero si que leva moito tempo. Os ingredientes son un pouco de cebola, pemento roxo, aceite de oliva, allo, pimentón, algunha especie e o rabo. Despois de nove horas de cocción superlenta e un pouco de mimo, transfórmase nun manxar.

A presentación do prato tamén é moi acorde coa proposta. Gustoume a ‘minipota’ de toda a vida onde atopamos o rabo mergullado en salsa xunto cuns cachelos. Todo acompañado duns pementos en bote que fan na lareira da casa familiar, conseguindo así un gusto diferente e un marcado todo afumado.

As patacas estaban moi moi boas, tenras, cun sabor enriquecido pola carne. Non facía falta nin coitelo. Estaba suave, separábase soa do óso, sen esforzo algún, no seu punto, desfacéndose na boca. E todo cunha salsa espesa e contundente, pero sen ser pesada. Na ‘minipota’ non quedou nin resto, xa que din boa conta dela cun bo pedazo de pan.

En conclusión, o respecto pola tradición e a paciencia dan coma resultado un prato magnífico que penso volver #apapar. Se sodes amantes desta parte da vaca, tendes que pasar por A Casa Da Collona, sen dúbida.

DATOS

Lugar: Rúa do Franco, 41 (Santiago)

Prato: Rabo de vaca estofado

Prezo: 16,90 €

Valoración: 10 estrelas

Fotografía: Iván Barreiro