O traballador perfecto: A inclusión das persoas con discapacidade, unha tarefa pendente tamén na hostalaría

Alex e Fran acaban de participar no Campionato de Baristas Down de España. Foto: Iván Barreiro

Alex e Fran acaban de participar no Campionato de Baristas Down de España. Foto: Iván Barreiro

As persoas con discapacidade non nos podemos permitir un fracaso. Non se nos perdoan os erros.O resto da xente, a inmensa maioría, non sabe ou non quere entender as dificultades engadidas, que podemos ter -se as temos- cando posuímos un certificado de discapacidade. O motivo económico faille esquecer aos empresarios que TODOS temos dificultades e que hai cousas que facemos mellor que outras, pero que ninguén pode, nin sabe facer de todo! Existe unha sobre esixencia ao traballador con discapacidade. Estamos sometidos a unha avaliación constante, todo o tempo, e de todo o mundo. Calquera ten dereito a querer que ese traballador sexa perfecto. Cuestións xerais, como por exemplo as habilidades sociais, nunha persoa con discapacidade son motivo de queixa. Que non deas os bos días, xa pode ser sintomático do teu certificado. Parece de tolos, non? Ou é que os non discapacitados sodes todos a alegría da horta? Permíteme dubidalo. Benvidos ao noso mundo. A inclusión, esa tarefa pendente, tamén na hostalaría…

Porque hai persoas traballando nos bares e nos hoteis ou nos restaurantes? Habelas, hainas. A resposta é si, malia que ti creas que non viches ningunha e malia que eu crea que hai poucas, aínda. Pero as persoas con discapacidade poden traballar en hostalería? Poden, pero non todos. Como pasa coas persoas que non teñen discapacidade, algúns ben porque non teñen nin a formación nin a experiencia, ben porque a súa enfermidade non lle permite facer ese traballo ou ben porque non lles dá a gana!! É dicir, como todo na vida: depende! Porque ollo, hai moitos que non queremos traballar na hostalería, somos máis de ir de bares, independentemente de se temos un certificado de discapacidade ou non!

Discapacidade física e orgánica

Mari Carmen Insua, que é a coordinadora do Servizo de Intermediación Laboral da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), detalla que en 2017 houbo 2.090 insercións laborais de persoas con discapacidade en toda Galicia, 120 delas no sector da hostalería (un 9% do total), 11 delas en Santiago. Explica que os insertados contabilizados desempeñan postos de camareiras de piso, axudantes de cociña, axudantes de servizos, camareiros, cociñeiros, hai algún pasteleiro, dous panadeiros e pinches de cociña. O perfil da persoa con discapacidade en COGAMI é física e orgánica, maioritariamente. “Xestionamos unha bolsa de emprego de 27.000 persoas, hai algunhas que están en proceso previo ao emprego e as discapacidades son moi diversas. Hai algunhas que non se ven: a diabetes, unha persoa transplantada, ás que lles faltan membros, as que teñen epilepsia, asma, algunha cardiopatía ou inmunodeficiencia, as que teñen enfermidades do fígado, psoríase, incontinencia, hipertiroidismo ou artrite”. Como ves, aínda que non as vexas, están aí!

-Canto tempo levas traballando aquí? -Oito anos.

-En oito anos cambiou algo? -Non.

Un silencio. As nosas caras imaxinádeas. Para min non era algo que non soubera. “Seguimos encontrándonos coas mesmas dificultades. Temos que traballar moito coa parte empresarial. Non se avanza, porque as persoas temos un mapa mental que non é fácil de resetear. Se non hai persoas diversas no teu entorno é difícil… Hai moito descoñecemento. Hai que lembrar continuamente que unha persoa con discapacidade é unha persoa con capacidades. E que as enfermidades soen vir a determinadas idades. Temos xente facendo extras en fins de semana. Moitas empresas teñen medo. Por iso  o sistema de cursos de formación que levan asociadas prácticas é moi bo, para rachar con estereotipos e para que se valore do mesmo xeito a persoas que teñen discapacidade e ás que non. Todos deberíamos poder optar a un posto de traballo en igualdade de condicións”. Igualdade si, aínda que logo nós rocemos a perfección!

Emilia é unha persoa con discapacidade que traballa de axudante de cociña nun restaurante de Santiago, antes traballou nunha empresa de limpeza e de camareira de piso. Cóntanos que para optar a un certificado de discapacidade tes que dispoñer de informes médicos que evidencien a túa situación, documentos que presentas diante dun equipo que valora, avalía e determina cal é a porcentaxe da túa discapacidade. Este proceso leva ao redor dun ano. E hai moito descoñecemento del, tanto por parte das persoas, como das empresas.

Discapacidade intelectual

E as persoas con discapacidade intelectual, poden traballar nos bares? A cifra de persoas traballando neste sector é ou pode ser meramente anecdótica. En Down Compostela, Blanca Taboada, coordinadora de Formación e Emprego, e Aloia Lema, responsable de Formación, cóntanme que hai 22 persoas dentro do Proxecto de Emprego con Apoio. Aínda que persoas en idade de traballar hai máis, algunhas delas aínda están formándose (43). En activo hai unhas cantas en sectores de servizos, como no Multiusos do Sar, en Pizza Móvil, en grandes superficies, etc. “As nosas insercións non son moitas, porque facemos apoio unha a unha, valoramos máis que unha persoa se manteña no seu posto de traballo. Buscamos a súa estabilidade. Somos prudentes en que as persoas dean ese paso ao mundo laboral”.

No eido da hostalería participan en campionatos de baristas con Cafento, dende 2012, e fan moitos cursos de formación, pero contratos formalizados, aínda que o sector amosa interese, non hai ningún (uns días despois desta entrevista formalizouse un de camareiro no Milongas). “Traballamos maioritariamente con persoas con Síndrome de Down, facemos proxeccións de empresas, localizamos ofertas de traballo susceptibles de ser ocupadas por algún dos nosos candidatos e unha vez que empezan na empresa fáiselle un seguimento, a tempo completo ao principio, ata que despois só hai visitas de apoio, tanto ao traballador como ao empresario. Hai empresarios moi colaboradores, queren a un traballador que desempeñe o seu traballo, non é unha colaboración altruísta nin solidaria. A persoa que traballa ten que cumprir unha serie de funcións e responder co que o empresario busca. Solicitan cousas que a nós nos custa moito dar resposta, queren persoas con discapacidade si, pero que poidan facer de todo e que, ademais, lles dea unha bonificación económica. Nós podemos ‘adestrar’ as persoas en determinadas cousas e ampliar as tarefas que desenvolven, pero a polivalencia non é doada”.

A motivación económica das empresas é un detalle que se repite. Porque xa volo dixen, somos o traballador perfecto. E outro muro contra o que hai que loitar é o que poñen os compañeiros de traballo. A moitos cústalles entender que haxa un traballador con discapacidade en igualdade de condicións ca eles porque, moitas veces, consideran -e non é certo- que fai un traballo menor, cobrando o mesmo. A relación cos compañeiros para as persoas con discapacidade intelectual é fundamental. Pois como para o resto! Se o ambiente de traballo é bo e estás contento, traballas mellor, teñas ou non teñas certificado! Ás persoas que non teñen discapacidade non te atreves a dicirlle todo, pero é máis doado xulgar ás que si o temos.

Facendo esta reportaxe, probei un café. Álex e Fran practicaban, nas instalacións de Cafento (no Polígono do Tambre) para o Campionato de Baristas Down de España, organizado polo Espacio Fórum Café (que se celebrou o 18 de abril, en Barcelona). Pamela describía, ao detalle, o seu traballo e as súas preparacións, medidas e ingredientes, mentres soaba a música… Álex xa ten moita experiencia, xa participou en varios concursos deste tipo. Fran leva menos tempo, pero é moi rigoroso neste labor. A ningún deles se lles escapa un milímetro na colocación da lousa debaixo da máquina cafeteira. A ambos os dous lles encanta o expreso, son cafeteiros de verdade! De aí a seguridade na súa elaboración, o coidado e a esixencia coa escuma para o capuchino, o agarimo na presentación, a rigorosa observación de cada paso, da limpeza, da posta en escena. O seu profe Enrique Salgueiro, barista de Cafento, mediu o tempo de preparación dos cafés e dun cóctel que levaba queixo mascarpone, leite condensada, nata, curry, cacao, un puré de froitas e café, claro. Fixérono practicamente no mesmo tempo (16 minutos) que lle dan a un barista sen discapacidade nunha competición. Houbo unha diferencia: a extraordinaria exactitude e precisión… A perfección no facer e no feito. Vela aquí, queda comprobado. O traballador perfecto é discapacitado! E, tamén, fai cafés extraordinarios.