Novo Cinema Galego V: Eloy Enciso, a fronteira onírica

Falamos con Eloy Enciso (Meira, 1975). A súa “Arraianos” (vista no Festival de Locarno en 2014) era unha homenaxe a ese mundo misterioso na fronteira entre Galicia e Portugal. O seu cinema aposta polas raíces sensoriais; por algo para el a natureza galega é “un colector de historias e memoria popular”.

Como ves o panorama audiovisual galego?

Prometedor á vez que moi volátil. Preocúpame ver que pese ao bo momento que vive pérdase unha oportunidade, que non estean necesariamente consolidándose e coordinándose os seus protagonistas. Por unha banda, tanto a creación como os modelos de produción, distribución e exhibición diversificáronse moito. Pero doutra banda non me parece que a Administración, que é un actor fundamental, estea a adaptarse a ese novo escenario. En liñas xerais séguense promovendo modelos de produción clásicos bastante ríxidos e, no caso da TVG, practicamente un único tipo de cinema e linguaxe que me parece desfasado. É unha loita entre o vello e o novo. Dáse as costas ao novo. Falta diálogo e entendemento.

Sénteste parte do ‘Novo Cinema Galego’?

Son parte da miña xeración de creadores e compañeiros e síntome ben acompañado. O importante son as obras e todas as persoas que hai detrás e as fan posibles. Para min o nome ou a etiqueta do conxunto non é o verdadeiramente importante. É certo que axuda a unha visibilización dentro dos códigos que manexan os medios, pero para min o importante é falar e pensar en películas e en cinema e o nome en que se inscriba é algo secundario.

Cres que hai algún punto en común entre as películas deste movemento?

Non penso niso. Pero  se é Novo, é cinema e é galego xa ten tres bos puntos en común (risas). Quizá os críticos poidan ver ese punto en común mellor ao ter distancia e maior obxectividade. Se tivese que pensar en algo diría, máis como un desexo que outra cousa, que a forza das propostas e a diversidade artística poden ser os mellores puntos en común. Canto máis diverso mellor.

Directores como Lois Patiño ou Alberto Gracia dicíannos que, para eles, a especial natureza galega era un tema recorrente no ‘Novo Cinema Galego’. Este parece ser uns dous leit motivs de “Arraianos”. Que significa para ti a natureza en Galicia?

Un espazo de exploración estético e de identidade, onde se mestura realidade e fantasia. Un colector de historias e memoria popular.

Cal é ou teu próximo proxecto?

Ou meu novo proxecto, “Longa noite”, é unha longametraxe que quere continuar a liña de traballo de “Arraianos”. Tenta profundar o traballo da linguaxe e as historias populares con actores amateurs, engadindo neste caso unha exploración do territorio e a paisaxe nocturnos.