Novo Cinema Galego IV: Noemí Chantada, muller de cinema

Noemí Chantada (Vigo, 1982) é unha das expoñentes femininas do ‘Novo Cinema Galego’. Premiada en festivais como Curtocircuito 2017 e con produtora propia, fálanos da importancia das mulleres no papel de directoras de cine e do panorama audiovisual en Galicia.“Sen a mirada das mulleres quedariamos soamente co cincuenta por cento das historias e das visións. Sería unha perda grandísima”, di.

Cres que existe o ‘Novo Cinema Galego’?

Indudablemente hai unha corrente de novos directores e directoras con moitas ganas de facer cousas e facelas por riba dos criterios económicos da industria audiovisual mais mainstream.

Que cres que teñen en común os directores do ‘Novo Cinema Galego’?

Igual é raro, pero empezo respostando polo que se diferencian, porque en verdade dentro da nova xeración de directores e directoras galegos, hai, de feito, moitas xeracións, moitos estilos e traballos moi diferentes. Como non son teórica sobre o tema non sei ben se é porque non todos entran no mesmo caixón ou sinxelamente porque o que temos en común é unha identidade que conflúe en obras de índoles moi distintas. Unha forma de mirar, xa sexa dentro ou fora do territorio que é característica e única.

Cal cres que é o papel das mulleres no ‘Novo Cinema Galego’?

Pois o mesmo que no resto de cinemas: sen a mirada das mulleres quedariamos soamente co 50 por cento das historias e das visións. Sería unha perda grandísima. Eu diría irreparable.

Como ves o panorama audiovisual en Galicia?

Hai profesionais marabillosos en Galicia, e só sinto que falta capital. Sen dúbida estanse a facer cousas incribles con presupostos pequenos, pero iso non quere dicir que esa sexa a forma ideal de traballo de ninguén. Se iso o facemos con 5, imaxina se contaramos con 50.

“La mujer invisible” resultou premiada en Curtocircuito 2017. Cres que parte do seu éxito radica en falar da prostitución sen sensacionalismos nin tópicos?

Si, supoño que a desvinculación do personaxe social coa persoa real que é Luisa achéganos a ela dunha maneira máis natural e sen o pudor ou o culpabilismo do tópico.

Cal é o teu próximo proxecto?

Teño varias frontes abertas neste momento, imaxino que me decantarei pola que máis vaia avanzando.