Fefa Noia, directora do Centro Dramático Galego: “O teatro sen risco, sería teatro morto”

Por Rebeca Munín

O equipo de 'Divinas palabras' durante un ensaio. Foto: Xunta de Galicia

O equipo de ‘Divinas palabras’ durante un ensaio. Foto: Xunta de Galicia

Leva tres anos dirixindo o Centro Dramático Galego (CDG), a compañía pública que ten a súa sede no compostelán Salón Teatro. Fefa Noia traballa por atraer cada vez a un maior número de público e por axudar á formación e promoción dos profesionais galegos do sector. Este ano, a súa programación de actividades céntrase en catro coproducións, os programas de dramaturxias e residencias e na estrea o próximo 12 de abril da primeira versión en galego da obra de Valle-Inclán ‘Divinas palabras’, baixo a dirección de Xesús Ron, de Chévere. (Pode consultarse en detalle aquí).

O lema desta tempada do CDG é  ‘Xa non hai que dicir que chove’. Por que?

Porque apostamos por unha exploración da nosa identidade. Se se ten que facer unha exploración escénica da identidade galega, o Centro Dramático Galego ten que levalo a cabo. E unha revisión desde o punto de vista contemporáneo da identidade galega. Hai determinados tópicos que se converten case en discursos dogmáticos. E nolos venden. E, ás veces, paga a pena pararse, revisalos, e ver realmente con que nos identificamos hoxe en día.

Hai unha necesidade de facelo para o público de hoxe en día

Efectivamente. O teatro, como calquera arte, é un acto comunicativo. E para ter comunicación precisamos receptores. E polo tanto, os que estamos nas fases de produción temos que ter en conta a que publico queremos dirixirnos e como queremos amplialo. Obviamente sendo o CDG trátase dun público galego.

E como atraer a ese público nun mundo no que temos tantas cousas a un alcance moi fácil?

Porque o teatro ten algo… Nalgún momento pasou cando apareceu a televisión que o cine se preocupaba porque a xente ía deixar de ir ao cine por ver a televisión. E nalgún momento pasou que a xente do teatro se preocupaba porque estaba o cine. E non é certo. Non son disciplinas comparables. Unha cousa é unha experiencia cinematográfica, outra é ver a tele na túa casa. E outra é o teatro. O teatro é o único no que tes a certeza de que o que vas ver nese momento non se vai repetir nunca máis. Estanno facendo para ti. Facerse consciente diso xa é moitísimo. E hai outra cousa. Se é unha boa experiencia, marca de por vida. É unha experiencia vital. E iso é un bombonciño! Un tesouro! É o gran poder do teatro. Son momentos irrepetibles.

O do teatro, é un público máis exixente?

Probablemente si. E é bo que sexan exixentes. Cando máis o sexan, mellor será o teatro que se faga. E canto máis se manifeste o público, e máis faga ver que é o que lles interesa, mellor será o teatro, tamén.

Unha das medidas que estades a tomar, é mellorar a accesibilidade do Salón Teatro. 

Hai pequenos cambios, ou que semellan pequenos pero que son grandes, como por exemplo abrir o edificio do teatro moito máis á xente. Todo o que se poida facer nesa dirección vai ser determinante. Por exemplo, comezamos nesta temporada a converter o Salón Teatro nun lugar verdadeiramente accesible. Arquitectónicamente falando xa o é. O seguinte paso será adaptalo ás persoas con capacidade auditiva reducida. Despois, para persoas invidentes. E despois hai moitas particularidades que se poden chegar a cubrir, pero para iso xa hai que ir estudando os grupos concretos e ir vendo máis polo miúdo como podemos achegarnos a eles.

Tamén intendades chegar máis ao público familar, por que?

Porque son os espectadores do futuro! Facemos, por exemplo, os domingos de conciliación. Os pais poden deixar aos rapaces na Fundación Granell facendo un obradoiro de teatro e, mentras tanto, eles veñen a ver a función. E é algo totalmente gratuíto. Esa é unha forma tamén de abrirse a todos os públicos que penso que é unha das funcións do teatro público galego. Por outra banda, temos o ciclo de ‘Gran teatro para os máis pequenos’ que é un dos meus favoritos. Causa moita alegría ver o teatro cheo de nenos. É un público moi activo. Sen filtros. Son espectadores ideais. En Galicia temos moita sorte porque temos grandísimas compañías de teatro familiar. Moitas e moi boas. E iso non se dá en todas partes.

Fefa Noia. Foto: Iván Barreiro.

Fefa Noia. Foto: Iván Barreiro.

A grande produción do CDG deste ano volve a ser unha obra de Valle-Inclán, ‘Divinas palabras’, coa que ademais se salda unha débeda. Cal? 

Si, cando naceu o CDG queríase inaugurar con ‘Divinas palabras’ e non puido ser porque os familiares de Valle-Inclán non permitían que se representase a súa obra en galego. Agora era unha débeda a saldar. De todos os xeitos, para min foi unha gran alegría que fose a elección de Xesús Ron, que é o director artístico da montaxe. Tanto o ano pasado coma este, tiña que ser Valle-Inclán, pero a obra de Valle é moi extensa e podíase facer a escolla entre calquera.

Dicía Xesús Ron durante a presentación da tempada do CDG que a ver se non o destrozaban! 🙂 Hai medo polo que podían facer?

Non, non, non! É un humor típicamente galego! (Risos). O que eu leo das súas palabras é que asumen riscos e iso está moi ben. O teatro sen risco, sería teatro morto.

Supoño que é a maneira tamén de achegarse ao público de hoxe apostando por unha compañía como Chévere.

Totalmente. Chévere é unha das compañías emblemáticas nese sentido. Son Premio Nacional de Teatro, teñen unha calidade indiscutible, exploraron diversidade de formatos, teñen unha dimisión social coa que eu estou moi de acordo, e aliméntana ademais na súa actividade. Pero ademais de todo iso souberon entender que hai que coidar moito aos espectadores e espectadoras.

Ron tamén dixo que había que revitalizar o CDG, que se inaugure unha nova etapa do Salón Teatro, que nos equipare cos grandes teatros europeos. 

Eu estou moi de acordo. Falando do CDG pero tamén da situación da cultura en España. É dicir, precisamos unha aposta máis forte pola cultura. Penso que se está convertendo nun pequeno mal solucionable. Empezou coa crise. Había que facer recortes pero agora se segue a descoidar a cultura en xeral. E verdadeiramente paréceme algo que se pode converter nun mal preocupante pero que aínda ten solución. O que necesitamos é unha aposta cada vez meirande pola cultura.

A vosa é unha profesión bonita pero tamén dura, non si?

Moi dura. É moi fermosa pero moi dura. Profesionalmente falando hai unha dureza implícita no teatro que desde fóra, non tanto noutros países pero si en España, que a xente o ve como unha diversión. A pregunta que escoitamos moito os profesionais do sector é: “E segues facendo teatro?”. Cando a ninguén lle preguntan: “E segues facendo Mediciña?” ou “Segues sendo avogado?”. Facer teatro parece que non é traballar de todo. E non é así. Si é divertido, si é apaixoante, por iso o facemos, pero é moi exixente. Para todos: equipo técnico, deseñadores, directores e directoras, actores e actrices… Esa é unha das durezas do teatro pero hai moitas máis. A inestabilidade laboral. Non podemos aspirar a ser funcionarios do teatro, iso está claro. Pero si que hai determinadas necesidades que se poderían cubrir cun pouco máis de estabilidade.

Falta máis respecto pola profesión, quizais?

Eu penso que falta máis coñecemento. Penso que a xente nos respecta pero nos respectaría máis se soubese verdadeiramente do que se trata. Por iso falo de abrir as portas do teatro. Por iso que os nenos e as nenas veñen ao teatro é algo moi bo. R que o vexan como algo propio, que suban ao escenario, e que entendan que o señor ou a señora que estivo contándolles o conto está suado.  

En canto aos dramaturgos, queda moito talento galego por explotar?

Si. Eu falo do que coñezo que é Galicia, pero supoño que noutros sitios tamén. Pero hai moitísimo talento. E máis que por explotar. Igual o que queda é ampliar a visibilidade. Por exemplo, no programa de Dramaturxente facemos unha colaboración cunha produtora de Madrid para que no Torneo de Dramaturxia que fan anualmente leven a un autor o autora galega. Eu falo con esta produtora para facerlles as propostas de posibles autores e autoras e a metade dos nomes non lles soan. Iso temos que solventalo tamén.