Espiño: “No meu disco hai detalles que fan que cada vez que o escoites, atopes algo novo”

Por Rebeca Munín

Espiño traballa xa no que será o seu segundo album co seu novo proxecto. Foto: Iván Barreiro

Espiño traballa xa no que será o seu segundo album co seu novo proxecto. Foto: Iván Barreiro

Alfonso Espiño é unha das caras máis coñecidas da escena musical compostelá. Músico e tamén historiador, este ano publicou ‘I’, o seu primeiro traballo co seu proxecto en solitario. O cantante e compositor é un dos protagonistas da reportaxe sobre o Rock & Roll en Compostela que podes ler en #pincha4 Aquí tes a súa entrevista moito máis polo miúdo.

Cóntanos, como nace este novo proxecto: ‘Espiño’?

Fai un ano que demos o último concerto Los Chavales. Estabamos un pouco afastados xeograficamente, todos tiñamos un montón de proxectos paralelos e estábannos freando de avanzar. Eu levaba moitos anos tocando en grupos e me apetecía facer o meu propio proxecto. Gravei un par de maquetas, presenteinas ao certame Galicia Creativa, quedei finalista, montei unha banda para defender os temas en directo… e gañamos. Parte do premio da Fundación Autor, que era quen o convocaba, era a gravación dun disco.

Portada do primeiro disco de Espiño.

Portada do primeiro disco de Espiño.

E así dás forma a ‘I’, o teu primeiro disco como Espiño que se publicou en xuño. É un traballo que chama a atención polo coidado que está. Por cada detalle incluso na caixa, no CD físico. Por que unha carta do Tarot de portada? 

Miña nai era afeccionada ao tarot e tiña libros e cartas na casa e a min sempre me gustaba curiosear. A portada é a primeira carta do Tarot. Escollina porque é o primeiro disco e pola súa simboloxía. A carta número un significa o principio de todo, o poder de transformar o curso das cousas, de experimentar… E no interior, pensei en ilustrar cada canción cun gravado medieval. Son adaptacións de gravados e frescos orixinais da época que eu copiei e adaptei. A idea veu polo último tema, ‘Engaiolante enfeitizante’, que soaba moi medieval. Na letra fixen unha historia acorde con meigos, sortilexios, amores, camiñantes…

Son seis cancións. De que nos falan?

O disco non narra unha historia completa. Son cancións independentes aínda que teñen moitas ruelas, moitos matices… Hai cambios de ritmo, de tonalidades, de instrumentación… Ao mellor parece que xa rematou un tema pero aínda queda outra parte. Fálase de historias, de personaxes, moitas historias inspiradas por amigos, outras inspiradas por lugares de Santiago e de Galicia… Está feito de sensacións, de inquedanzas persoais, e sempre intentando levalas a un terreo melódico. Os arranxos son moi importantes. Hai efectos sonoros gravados na natureza. Por exemplo, hai un tema que se chama ‘Louro’, que é o meu segundo apelido. É unha homenaxe á rama familiar materna. Xa que lle puxen Espiño ao proxecto! (risos). E está inspirada tamén no monte Louro e nas lendas da lagoa de Xarfas, que está detrás. E así en cada tema. Nos meus discos quero que haxa detalles que fagan que cada vez que os escoites, atopes algo novo.

Que tal está funcionando en directo?

Moi ben. Estou recibindo moi boas críticas. Moita xente dime que lle encantou pero que lle ganou moitísimo escoitalo en directo. E iso é unha sorpresa para min porque hai moitos aspectos do disco que non os podo facer en directo. Este traballo está inspirado neses álbumes da época gloriosa da psicodelia que inclúen arranxos de corda, de metais, instrumentos exóticos ou gravacións ao revés, por exemplo. De tódolos xeitos, penso que en directo imprímeselle outro tipo de enerxía. Ademais, hai partes improvisadas nos que os temas cada vez se tocan dunha maneira distinta.

Defines o teu estilo como ‘galedelia’…

Si, vén sendo ‘psicodelia galega’(risos), como o pop psicodélico. É por poñer unha etiqueta, medio en broma medio en serio. As etiquetas serven para orientar un pouco as cousas que fas e vendelas a certo tipo de público. Normalmente é cousa máis de críticos e de revistas, pero ás veces son necesarias.

Por outra banda, estás moi próximo a publicar o teu libro sobre o pop e rock en Compostela. De onde vén a túa faceta como historiador?

Vai facer agora seis anos que falando cunha amiga pensei en recuperar a historia do pop e do rock en Santiago porque seu pai fora músico nun conxunto de finais dos anos 60. Fun investigar que había dese grupo. Decateime de que había moi pouca información. Había publicacións sobre determinados fenómenos ligados ao pop compostelán, pero quitando iso e algunha cousiña máis, non había unha historia realmente sobre o pop ou rock en Santiago. Entón dicidín facer un libro que documentase todo o legado. Alguén me suxeriu que fixese unha tese doutoral con todo iso. En concreto en Historia da Arte, en Música Contemporánea. Agora estou en fase de redacción. Titúlase ‘Beat, pop e rock en Santiago de Compostela (1954-1978)’. Espero rematala este ano, defendela e publicala. E así o ano que vén poderá estar o libro publicado.

Podes adiantar algo do que vas contar no teu libro?

O primeiro grupo que poño no mapa data do ano 1953-1954. Era compostelán e de música moderna. Porque daquela non se chamaba nin pop nin rock. Era música moderna para diferenciala da música clásica, da música nacional folclórica… E a partir de aí percorro todos os estilos que se van incorporando á cidade por mediación de dúas vías principais: o Camiño de Santiago e a Universidade. Sobre todo na Universidade é onde se crean a maior parte dos conxuntos e hai unha serie de factores que inflúen en que exista. É moi importante nun momento dado a presenza de estudantes de procedencia sudamericana. Despois entrou o Beat, coma en todos os lugares. Primeiro entra a música anglosaxona por mediación do grupo The Shadows e logo xa se populariza coa explosión de The Beatles. Igual que no resto do mundo, en Santiago tamén se dá ese fenómeno. A finais dos 60 chega a música como o soul e empezan a engadirse seccións de metal. Paralelamente prodúceso o fenómeno da música folk e galega. E pouco a pouco vaise derivando cara o rock progresivo e todo o que veu despois…

Porque o Rock & Roll evolucionou moitísimo desde os seus inicios..

E que, que é o rock? É o de Elvis? É o dos Beatles? O de Little Richard? O rock evoluciona, ramifícase e cambia, muta… Ás veces queda anticuado e ás veces é revolucionario. E ás veces queda estancado. A min gústanme moitísimas cousas, como a tanta xente. E se fusionan, e se tocan por lados con outros estilos… E chega un momento no que tes un grupo e tocas música. Non é que teñas unha banda de rock. Eu fago unha música que ten influencias do rock progresivo, do beat, do pop, da psicodelia, do folk… E máis no 2017, cando é imposible non estar “contaminado”. As influencias chegan de todos os lados.