Ensaiando con Os Meninos

Os Meninos. Foto: Iván Barreiro - Inferninho

Os Meninos. Foto: Iván Barreiro – Inferninho

Nunca tivera a oportunidade de escoitar a un grupo ensaiar. Cando cheguei a escola da parroquia de Santa Xusta, no concello de Moraña, estaban preparando a cámara. Iván Barreiro (a quen xa coñecedes ou polo menos ao seu traballo detrás da cámara) ‘refunfuña’, porque non lle gustan as fotos… Saír nelas, quero dicir!! (Risas e chisco, chisco!) Está coordinando a estampa. Aínda non teñen disco, pero esta ben podería ser a imaxe de portada dun primeiro CD de Os Meninos!

Magdalena Gamallo, a voz, xunto con Iván Barreiro e Roberto Marqués, que dan os vida ás cordas das guitarras, cóntanme, sentados nunha sala con pupitres e pizarra, como empezou este proxecto en 2016. Ao fondo hai un mapa de España, moi vello deses nos que miña nai aprendía os ríos e montañas. Son bos ata para escoller o sitio onde falar, onde ensaiar! Cantan en portugués, “porque por aquí ninguén -ou case- o fai, é raro!. Non só é fado, facemos música en portugués, diversos estilos, facemos jazz, reggae, pero sen envolturas”. Magdalena puxo, fai dous anos, un anuncio en Internet. Buscaba formar un grupo. Ía a clases de canto, daquela, e estudaba portugués. Era a primeira vez que poñía un anuncio e apareceu Rubén, para o que tamén foi a primeira vez en contestar un anuncio na rede! El viña de tocar noutras bandas (nalgunhas ségueo facendo), máis ben rock, blues… “Tivemos outro guitarrista máis ao principio e despois chegou Iván”. Cada un aporta un toque a este trío de tres (chisco, chisco!). O noso Iván dálle o toque flamenco, por exemplo.

Ademais compoñen os seus temas. Magdalena é autora do cen por cen de todas as letras propias de Os Meninos, tamén fan versións, e a Iván e Rubén tócalles harmonizar, fan os acordes, moitas veces as melodías van xurdindo de entre as tres cacholiñas! Xa actuaron para algún concello, en auditorios, e en salas ou bares, como na taberna a Arca de Noe, en Vilar de Santos. Costoulles, pero tamén recordaron a súa primeira actuación e aqueles nervios, en La Pecera, en Vigo, e a boa resposta do público!

Nos primeiros momentos, e aínda agora, segue habendo nervios, especialmente ao redor de como responderá a xente. Tanto Iván como Roberto xa tocaron e tocan con outros grupos, pero aínda teñen ese particular medo, como lle pasa a Magdalena, á reacción dos que non coñecen este tipo de música. “Case sempre sorprendes á xente. O público cando lle falas de fado ou de música en portugués, como lle pasa ás veces ao flamenco, imaxina un ‘tostón’ quizais e despois funciona e funciona moi ben! Porque é música que chega a todo o mundo. Ao principio suxírelles algo aburrido, tal vez, música de estar sentado… Certamente non é música de festival, pero é música para gozar, mesmo para bailar, non só é música tranquila. A cuestión é primeiro escoitalo en directo! Unha rapaza cunha voz incrible, que sube a un escenario acompañada tan só de dúas guitarras e os seus guitarristas. Facemos música para escoitar, para emocionarse, aparte da lingua, as cancións son bonitas e chegan, iso é o que á que xente lle gusta, que lle emocione, gozar coa música, que che entre algo no estómago! A xente valora esa simplicidade de escoitar unha presencia vogal e as cordas das guitarras. Sen aparatos, nin luz. Non hai distorsións”. Porque o seu é música pura, un traballo moi limpo e transparente. “Calquera erro detéctase rapidamente, se a cagas, nótase!”, gargalladas estrepitosas de todos, fan eco no local.

Foto: Iván Barreiro - Inferninho

Foto: Iván Barreiro – Inferninho

Música de calidade

Antes do verán do ano que vén contan con ter o seu primeiro disco. Iván é o que da calma á banda, Magdalena e Rubén están algo máis ansiosos, cada un deles é diferente, pero compleméntanse moi ben. Son amigos, nótase ata cando se miran, mentres ensaian e tocan, créase unha atmosfera moi particular. Xa imaxino un concerto. Ten que haber moito silencio, aquí ata unha folla caendo pode interromper esta intimidade…

Recoñecen que desenvolverse en calquera ámbito artístico é complicado. Combinan outras facetas laborais co proxecto musical de Os Meninos. “Todo o mundo pasou polos bares, todo o mundo sabe que hoxe prima ser coñecido e non facer música de calidade, que isto está mal pagado. Que, ás veces, facelo require correr un risco e que hai cousas incompatibles”. Intentan explicarme que o traballo dun grupo musical “ten unha parte instrumentista, unha vogal, cada un ten que ir as súas clases, dedicarlle horas ao estudo da música, dedicarlle horas ao grupo, necesitamos tempo para o arranxo de temas, hai que tocar”… Doume conta que ao mellor, banalizamos un pouco o traballo dos artistas musicais… Falamos de que o ritmo acelerado da televisión e da Internet e das novas tecnoloxías, obriga ás bandas máis pequenas a apurar, coma o resto! “Non queremos tocar música que non nos guste, non queremos facer música a toda costa. Hai un proceso que hai que respectar. Evidentemente, nós non podemos pecharnos un ano a compoñer e arranxar temas… Pero tamén hai falta de cultura musical. Deberíamos traballar na conciencia do público de ver directos, de apreciar a cultura e a música, de vivila!”. E vivila máis aló da caixa tonta… Elemental meus queridos Watson, elemental!

O son inunda un salón máis grande do colexio de Santa Xusta no que nos atopamos e que foi reconvertido en Centro de Investigación e Divulgación do Patrimonio Cultural de Moraña. Entre restos de xiz, mapas e fotos antigas, Os Meninos tocan unha versión de ‘Vamos esta noite’, un tema case technodun grupo chamado Clã. De repente, Magdalena sube a voz, ata o teito, e enche todo espazo! Letra e música rebotan contra a parede e estoupan en todo o local, das paredes aos poros da miña pel! Teño os pelos de punta, noto como abro moitísimo os ollos, como se así puidera absorber máis deste intanxible, deste sentimento, como se puidera tragar as notas e sentilas na gorxa… Eles continúan, concentrados, míranse, son cómplices, respírase esa aura íntima da que vos falei hai un intre, non é só un ensaio, son caricias, é música da que toca por dentro e estanme agarimando con ela! Gracias a todos os músicos do mundo por facernos recordar o que é sentir e palpitar ao compás dunha guitarra e máis en tempos insípidos, convulsos e de artificios. Longa vida musical a Os Meninos e aos seus sons portugueses!