fbpx

Axenda

Xul
26
Ven
Morriña Festival 2024
Xul 26 – Xul 27 all-day

Morriña Festival celebrará a súa cuarta edición os próximos 26 e 27 de xullo de 2024 na Coruña cun cartel que “xuntará ao mellor de diferentes xéneros musicais a nivel nacional e internacional”. A alcaldesa, Inés Rey, presentou a primeira lista de confirmacións para o evento, que contará con Aitana, Louis Tomlinson, Yandel, Dani Fernández ou Sen Senra, entre outros. A rexedora estivo acompañada no acto por Gonzalo Castro, concelleiro responsable da Área de Fomento a Promoción da Cidade. Tamén interviron Antonio Casas, xerente de Turismo de Galicia; Joaquín Martínez Inchausti, Marketing Manager de Estrella Galicia; e Esteban Girón, xefe de prensa de Morriña Festival. Tamén estivo presente Ramón Castro en representación da Autoridade Portuaria da Coruña.

“Xa non se entende o verán coruñés sen o Morriña, un festival que nas súas dúas edicións anteriores congregou a unhas 50.000 persoas no estadio de Riazor e 40.000 no Porto”, apuntou a alcaldesa, que tamén explicou que o retorno económico para a cidade das anteriores edición foi de arredor de 25 millóns de euros. “Durante dúas xornadas, a cidade paralízase por este festival, que supón un importantísimo retorno económico para os coruñeses e coruñesas, as empresas locais, a hostalería e os hoteis”, dixo.

Aitana, será unha das grandes cabezas de cartel do festival coruñés. A artista conta con millóns de fans en España e América Latina. Louis Tomlinson tamén será outro dos grandes nomes de Morriña Festival. O membro de One Direction é unha das estrelas pop máis importantes de todo o mundo e estará a presentar na Coruña o seu segundo disco en solitario ‘Faith In The Future’.

Por outra banda, Yandel traerá de novo ao Morriña Festival os sons característicos da música de Porto Rico. Trátase dun dos cantantes máis importantes da música latina en todo o século XXI. Nicki Nicole tamén estará no festival coruñés, sendo unha das grandes artistas mundiais da música urbana. Outro dos artistas confirmados é Dani Fernández, que conta con grandes éxitos como ‘Bailemos’ ou ‘Clima Tropical’.

Tamén estará no Morriña Festival La La Love You, un dos grandes fenómenos da música pop nacional que arrasa con éxitos como ‘El fin del mundo’. No 2024 volverá a actuar na cidade o artista galego Sen Senra, tras o seu paso polo ciclo Noites do Porto 2023.

Tamén estará no Morriña Festival Marlena, o dúo pop español procedente de Madrid que participará no Benidorm Fest. Completan esta primeira quenda de confirmacións Dorian, Enol, Malmö040, Yeico x Toni, Garabatto, Dollar Selmouni e Trashi. Nas vindeiras semanas serán anunciados máis artistas para este evento.

Os abonos para as dúas xornadas sairán á venda o vindeiro martes 23 de xaneiro ás 13.00 horas a un prezo a partir de 69 euros. Cando se complete o cartel e se anuncie o programa por días poñeranse, ademais, entradas de día á venda.

O Concello da Coruña promove este festival de gran formato, que xa celebrou dúas edicións na cidade cun gran éxito de asistencia e retorno económico. “Morriña Festival será de novo unha das grandes citas coa música en directo non só de Galicia senón do país”, indicou Inés Rey, que destacou a calidade da programación cultural da Coruña, a mellor valorada de Galicia e unha das máis importantes do norte do país.