Aprende a tecer encaixe, a falar inglés e a cociñar, todo en Bertamiráns!

Sabías que o encaixe é contemporáneo? E que podes aprender inglés, cociñando? En DosPasos en Bertamiráns, detrás dunha preciosísima vidreira e dunhas portas moi vellas, pintadas de branco e que foron rescatadas practicamente do lixo, hai sempre, sobre unha longa mesa, unha xerra con flores, enriba un manteliño de boliñas de lá de cores… Esta vez hai tulipáns (aínda que na afoto non) e aportan case tanta dozura e frescura ao espazo como Sarah Phillips.

Logo de moitos anos como profesora e facendo libros infantís en inglés, decide abrir un espazo onde poder ensinar a súa lingua materna (é inglesa de nacemento), dunha forma divertida, entretida, menos formal e máis relaxada! E ademais onde poder ofertar obradoiros de todo tipo: de escritura, origami, lectura, actividades entre pais e fillos e para todo tipo de públicos.

Encaixando o encaixe

Este sábado, por exemplo, hai unha conferencia gratuíta, a cargo de Mariña Regueiro, unha investigadora e profesora experta en encaixe, que baixo o título: “Saíndo do armario: o encaixe contemporáneo no século XX/XXI”, pretende achegar ao público “unha técnica ancestral que pode e debe estar ao alcance de todos! Para que non se dilúa como un barco nun naufraxio na Costa da Morte, lugar onde, precisamente, é un oficio tan valorado”.

Segundo Mariña, facer encaixe con materiais reciclados, como trapiño, recortes de pezas de roupa vellas ou con bolsas de plástico é unha forma de “democratizar a técnica, estendela entre a mocidade e, importantísimo, procurar que non se perda”.

Despois da charla do sábado 9 de febreiro, en DosPasos, dará un curso, dividido en varias sesións, para adultos e nenos, no que mesmo poderán elaborar as súas propias pezas para levar e feitas de encaixe!! Non vos parece marabilloso??!! O equipo da Revista Pincha intentará axexar, para poder contarvos máis! Palabriña. Pero reservade praza que non vai haber sitio para todos!! Tedes toda a información nas webs (preme nos enlaces).

«Spiquin in inglish, xa ti me entendes»

Pero hai máis en DosPasos!! Se decides vir a unha clase de inglés, ata Bertamiráns, no concello de Ames, Sarah será máis que a túa profesora, será… a túa compañeira de plática!!, que din na miña segunda patria. Mediante bonos, oferta diversas actividades para facer máis doado aprender a súa lingua materna. Tomando o té, compartindo unha hora de faladoiro en grupo ou de forma individual e en diferentes horarios… E ata cociñando repostería, elaborando un menú vegano, amasando un quiche ou papando unha empanada de mazá, podes rematar falando neste idioma, que se lle resiste a tanta xente.

Como dicir mandil en inglés, foi un dos meus primeiros novos descubrimentos, mentres batía ovo e me enchía de fariña ata as orellas. Claro, porque eu probo antes de recomendar. E ló!! A comida tamén. Resultará evidente, supoño… Porque eu de cociñar nin idea, pero de comer: seivos abondo!! Chisco, chisco. Morro coa risa e Sarah, máis!

Agardo que logo de ler isto, encaixedes a vosa axenda!! Entendedes o que vai entre liñas, non?! (Risiña frouxa). Home non sería unha tolemia lucir un quimono feito de encaixe coas vosas propias mans!! E que me decides de por fin poder manter unha conversa fluída no idioma das Spice Girls?? Para este mes vou practicar aquelo de: “If you wanna be my lover”… (Se ti quixeras ser o meu amante…) Naaa!!! Eu sonche máis de “What do you have for luch?!” Xa me entendedes: “E lojo qui es lo que hai de comere?!” (Gargalladas cheas de queixo e tomate). Probade!! 😉