fbpx
A gorida do artistaCompostelaCulturaNovas

Alejandra Pardo: “Cando pintas ves o mundo doutra maneira”

Por Delio Sánchez, Inés Silvalde e Marisa Calderón de Os Catro Gatos 

Alejandra Pardo, na súa gorida.

Nesta ocasión temos a oportunidade de visitar a unha artista moi nova, Alejandra Pardo, unha muller atrevida cos retos que se lle presentan tanto no ámbito artístico como na actividade emprendedora. Quedamos con ela na súa gorida, o espazo de arte PAREIDOLIA, en Cacheiras (Teo), que xestiona hai un tempo.

A primeira impresión que che provoca Alejandra é que estás fronte a unha persoa tímida e pouco faladora, pero non nos enganemos, tras esa aparencia hai toda una personalidade decidida e forte, cuns ideais moi consolidados e que se ven reflectidos na súa obra.

Alejandra Pardo estudou Belas Artes na facultade de Pontevedra, consecuencia directa da súa necesidade de expresarse a través do debuxo e a pintura desde cativa. Moi destacable é a súa serie “Avísame cando chegues a casa”, que deixa ao espido os temores de todas as mulleres o saír á rúa soas sen liberdade polo medo de se atopar nunha desagradable situación polo único feito de ser muller. Nesta serie, de magníficos carbóns sobre papel de gran formato nos que se representan paisaxes urbanas, A. Pardo expresa todas esas sensacións de forma sutil, cunha lectura “a través de”. E por iso, Alejandra pasea os lugares non coñecidos e recoñecidos para fotografalos. O seu son as estacións de tren e as rúas máis esquecidas que sempre debuxa solitarias, sen transeúntes. Non lle interesa representar á xente, senón o espazo que ocupan e forman parte das súas vidas. A beleza do que, en xeral, non se considera atractivo.

Gústalle traballar co intenso negro do carbonciño, aínda que tamén traballa con pintura sobre papel ou cartón. O soporte escollido para as obras ten importancia e forma parte da estética daobra final.

O feito de pintar non é para Alejandra sinónimo de sufrimento, é un revulsivo, unha necesidade de expresar emocións, de plasmar o seu enfado con algunhas ideas que lle resultan incomprensiblesou condenables. Estamos diante dunha artista que o ten claro, cando está creando non pensa nos posibles espectadores porque iso termina condicionando o traballo. Xa logo, coa obra rematada, os demais emitirán a súa opinión. Iso é o que lles di aos futuros artistas: “Saíde ao mundo, buscade, e se non sodes o suficientemente bos, xa haberá quen volo diga”.

En Pareidolia imparte clases de pintura e debuxo para nenos e adultos, á procura de desenvolver o potencial de cada un, fomentando a creatividade e abrindo posibilidades aos que empezan sen coñecemento algún. O obxectivo final é expresarse plasticamente utilizando as diferentes técnicas pictóricas.

Foi un auténtico pracer falar con esta muller artista, un valor emerxente cun futuro prometedor. Grazas polo teu tempo e polas túas palabras! Vémonos nas salas de arte contemplando a túa obra. Ata pronto!