fbpx
CompostelaGastronomíaNovas

Nova protesta da hostalaría en Santiago: “O bar pechado, o bus abarrotado”

Foto: Iván Barreiro

Membros das asociacións Hostalaría Compostela e Bares, Pubs e Discotecas de Compostela participaron hoxe nunha acción de protesta coa que quixeron evidenciar o trato discriminatorio que din sufrir, ademais de denunciar que as actuais restricións aos sector son completamente desproporcionadas e non serven para reducir a mobilidade na cidade.

Tal e como aseguran nun comunicado, a hostalaría soporta “as medidas máis duras –no caso ocio nocturno acumulando xa once meses sen poder traballar- para tratar de conter a pandemia -e a vista dos resultados, sen éxito-, mentres que outros sectores poden seguir traballando en condicións que distan moito das recomendacións feitas polas autoridades sanitarias”.

Como exemplo, os hostaleiros manifestáronse na parada de autobuses do Camiño Novo onde puideron “comprobar a cantidade de persoas que ocupan as beirarrúas, sen gardar a distancia de seguridade, e se desprazan nuns autobuses comarcais completamente cheos”. ‘O bar pechado, o bus abarrotado’ foi unha das principais proclamas do sector durante o acto.

Fotos: Iván Barreiro

Poder traballar

Os hostaleiros reivindican o seu dereito a traballar e aseguran que o incremento dos positivos durante as festas de nadal non é responsabilidade deles. “No pasado decembro os bares e restaurantes non acolleron nin festas nin ceas de empresas e sufriron unha diminución dos ingresos dun 80% con respecto ao mesmo mes do ano anterior. Nese período si que houbo unha mobilidade específica noutros ámbitos, como festas privadas, onde non hai ningún tipo de medidas de seguridade nin hixiene”, sinalan.

As mobilizacións continuarán nos próximos días para “tratar de buscar unha fórmula acordada que permita desenvolver a súa actividade e que trace a medio prazo unha estabilidade no conxunto do sector”.