A CoruñaCata MosqueraGastronomíaO consello de LenzoUxía Blanco

O rebranding do de sempre

Por Cata Mosquera | Uxía Blanco de Lenzo Estudio

O consello de Lenzo

Foto: Iván Barreiro

Viches que, ultimamente, parece que todo ‘o antigo’ está de moda...?

As novas xeracións, un pouco cansas da sobreestimulación de información, están redescubrindo as pequenas cousas que xa facían os nosos avós no seu tempo libre, de xeito case colonizante, coma quen descobre un novo mundo. Se pasas calquera fin de semana pola Coruña, é probable que te atopes con grupos de amigos gozando dun vermú e unhas ‘gildas’, pintando cerámica a man ou comprando roupa ‘vintage’ nunha ‘pop-up store’ de segunda man (a feira de toda a vida, vaia).

Pero, a que se debe esta volta ao pasado? Quizais sexa porque buscan vivir algo ‘auténtico’ nun mundo cada vez máis dixital, onde todo cambia rápido e se consome con aínda máis voracidade. Hoxe en día, os consumidores —especialmente os mozos— buscan vivir e consumir experiencias “de verdade”: lugares con encanto, produtos feitos á man, pratos feitos con mimo... Un estilo de vida “lento” que realmente te faga conectar contigo e coa túa contorna (como tomar un café de especialidade mentres les unha revista cultural...). As vaixelas antigas, mesas de braseiro ou tapetes que facían as nosas avoas saen dos caixóns para desfrutar dunha segunda vida, demostrando non só o retorno desta estética, senón o forte compromiso coa sustentabilidade que as novas xeracións queren implantar.

Parece que volve ‘o antigo’,
pero só se é ‘aesthetic’

Cada vez máis marcas apostan por rescatar identidades orixinais, reeditar produtos antigos, evocar a nostalxia coas súas campañas ou crear eventos que conviden a crear comunidade. Nestes casos, este xiro implica rescatar a historia e traducila á linguaxe deste século para conseguir levala co público actual. Porque si, parece que volve ‘o antigo’, pero só se é ‘aesthetic’! (unha contradición? Isto dá para outro artigo...). É por iso que, como dicimos sempre en Lenzo, non basta con ter un bo produto, senón que sempre se precisa acompañalo dunha narrativa que nos faga entendelo para chegar a conectar. Poñer en valor non só o servizo, senón a historia, os valores, a xente que hai detrás.

Poderiamos dicir que os ‘modernos de pobo’ están a revolucionar a forma en que as empresas crean negocio e se comunican na cidade...? Nós, que nos incluímos nese grupo (moi ao noso pesar), pensamos que si; pero cremos que só funciona cando se fai con coherencia, cando se fai, valga a redundancia; de verdade.

E ti, que opinas, o regreso de “o de sempre” volverá a pasar de moda, ou vén para quedar...?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.