Blue Merrow: Pontevedra arrecende muito fixe
Por César Varela [Rock Compostelán]

Fuximos de Compostela por un día. Collemos o Coche Vampiro e imos pegarnos un baño e mergullarnos nas praias das aforas de Marín, onde Pontevedra non cheira a peido. Marabillosa viaxe polo mar de fondo de compoñente noroeste. Forte marexada con arrecendo salgado e sublime. Deliciosa viaxe sonora e salgada.
Coñecín a Blue Merrow grazas a Luis Iglesias, cando presentei o primeiro Uña Rock en Potemkin. Moi grata sorpresa dende logo. Graciñas mil, Luis.
Da disolución de Hofmann’s Legact nacen Blue Merrow no 2019. Damián Garrido (voz, percusión e letras), Ángel Olañeta (guitarras), David Gándara (novo baixista), Alberto Cid (batería) e Ángel Vejo (órgano e piano). Clásica formación Hard Rock. Prog & Psych inxección a un material que instantaneamente convence, igual que a segura e persoal voz de Damián, manifestando convencemento e atemporalidade en brillante ensamble grupal.
Son acuático onde o Rock Progresivo se fai patente, nun principio en modo Atomic Rooster, para mutar en case Sympho de desenvolvemento fantasioso, ao estilo alemán de Novalis, Harlis ou Ramses. En ineludible brusca viraxe púrpura. Lévannos a un Heavy Psych Bombástico, onde seguen as comparacións alemanas tipo Birthcontrol, Karthago ou Kin Ping Meh. A banda está impecable, cunha coherencia instrumental asombrosa. Elegancia é o que despregan con maxestoso paso en intercambio de notas guitarkeys de chocante sabedoría. Ídem dun cantante con poderosa carga emocional e ese dúo rítmico que empuxa coma un ravo de mamuts, trasladándonos a un crescendo galáctico e espectacular. Rumbo psicodélico tan importante levado a un nivel similar a titáns actuais do revisionismo histórico como Siena Root ou Vidunder. Bo gusto restaurador. A estela púrpura tampouco cesa e vanse aos tempos de Stormbringer e tamén aos Grand Funk Railroad. Sintes e teclados moi presentes. Hard Progresivo cheo de cambios e texturas, de escudería Brain dos primeiros 70. De arrecendo a soto húmido e porta pechada. Sensación acústica irradia aínda que pronto toma tensión eléctrica e Heavy Psych Hindú de wah wahs acoitelantes ao Gomorrah ou Hairy Chapter. Reflexivo piano e voz na súa fase final, con exquisito tratamento vocal e recordos do primeiro Uriah Heep. Fin dunha espesa sesión de sensación retro, postas a punto para o presente. Blue Merrow arríscanse na necesaria misión de conservar un legado histórico imperecedoiro, que a todos nos pertence, o da boa música sen présas nin reloxo ningún. Con eles atópase un a salvo.
Estes días andan ultimando novo material e pronto entrarán no estudio para gravar xa o seu terceiro disco e presentalo esta primavera e verán polo mapa galego e onde lle cadre.
Podes seguilos nas súas RRSS e escoitar os seus dous primeiros lanzamentos no Bandcamp.
Nos os perdas nunca de vista. Segue o rastro dos seus ‘gallumbos’.
