MissRock: Camisetas moito máis que bonitas

Algunhas das camisetas con mensaxes feministas de MissRock. Foto: Iván Barreiro.

Algunhas das camisetas con mensaxes feministas de MissRock. Foto: Iván Barreiro.

‘De camino a casa quiero ser libre, no valiente’, ‘Naciste entera, no te falta ninguna mitad’ ou ‘Si hay amores que matan, a mí no que quieras tanto’ son algunhas das frases que podemos ler nas camisetas de MissRock. A melidense Marissa Sánchez é a creadora desta marca que tamén se apunta á tendencia da roupa con mensaxes feministas. Como ela, deseñadores de todo o mundo levan tempo apoiando a causa, demostrando o influente que pode ser a moda. Desde o ‘We should all be feminists’ (Todos deberiamos ser feministas) de Dior ata o ‘Power to the women of the world’ (Poder para as mulleres do mundo) de xigantes low-cost como Bershka, pasando por moitas liñas de roupa e complementos de artistas independentes. En Galicia, atopamos por exemplo a Animosa, con sede en Vigo, que dá a coñecer a grandes mulleres da historia como Rosalía de Castro ou Marie Curie cos seus deseños.

Pero por que lanzar estas mensaxes? Marissa cre que a xente busca trasmitir o que está sentindo tamén coa súa vestimenta. E se hai algo que necesitamos berrar hoxe en día con moita forza é a igualdade de dereitos entre homes e mulleres. Porque si, o feminismo defende iso, e que a roupa apoie esta doutrina tamén axuda a erradicar falsos mitos que existen sobre ela. “Estamos nun momento no que parece que a violencia é o normal. A todo o mundo lle poden raptar, violar, facer calquera cousa… E como a lei funciona así de ben… Entón o que temos que facer as mulleres, e tamén os homes, é exteriorizar o que sentimos. Estas mensaxes son moi visibles”, afirma a deseñadora.

Marissa, no Rock Café Santiago. Foto: Iván Barreiro

Marissa, no Rock Café Santiago. Foto: Iván Barreiro

Case 40.000 seguidores en Facebook

A historia de Marissa Sánchez comeza fai 42 anos en Londes, onde nace esta filla de emigrantes galegos. Moi cedo, con tres aniños, marchou para Bilbao, onde se criou, ata que fai unha década decidiu regresar a Galicia. Casou, tivo fillos, separouse e quedou a vivir en Melide, desde onde lanza MissRock.

Escaparatista de profesión, sempre lle gustou a moda. Traballou en Custo Barcelona, tivo a súa propia tenda de roupa… E como sabía coser e non atopaba prendas que lle gustaran a prezos asequibles, comezou a confeccionar e customizar os seus propios vestiarios. Amigos, veciños… moita xente empezou a preguntarlle onde podía conseguilas. Así que decidiu probar sorte primeiro cun proxecto de americanas infantís. Pero resultou insostible pola competencia das grandes cadeas. “Estamos acostumados a mercalas por menos de 30 euros cando con iso eu non compraba nin a tela”, recorda.

Pero Marissa, que como ela mesma recoñece é unha mente inquieta, non se rendiu e fai dous anos creou MissRock. Fai camisetas, sudaderas, cazadoras… De todos os tamaños e para mulleres, homes, nenos, nenas… “Hai ata avoas MissRock!”, apunta entre risos no Rock Café Santiago onde quedamos para esta entrevista. E é que o éxito da súa marca baséase nun prezo apto para todos os petos (as camisetas, por exemplo, custan todas 29,90 euros) e ao grande apoio que recibe dos seus clientes a través de Internet. Actualmente conta con máis de 4.000 seguidores en Instagram e case 40.000 en Facebook. Moitos deles, os seus “embaixadores”, posan orgullosos coas súas prendas e as comparten nestas redes sociais. Aínda que os seus deseños poden atoparse nalgunhas tendas de Galicia, Asturias e País Vasco, o grande volumen de vendas prodúcese a través da súa páxina web.

A roupa MissRock é colorista, optimista, moi divertida e, sobre todo, enxeñosa. Está chea de caveiras, debuxos de Disney, personaxes como Frida Kahlo ou Chaplin, tatuaxes. E frases. Moitas frases que Marissa saca de calquera lado. “Todo me inspira. Teño mil notas. Estou continuamente pensando e logo doulle voltas na casa”, explica. Incluso ten unha dedicada a aquelas mulleres que loitan contra o cancro e que di: ‘Levanta la cabeza princesa, sino la corona se cae’. E outra baseada nunha canción de Bebe: ‘Voy a ser la mujer que me dé la gana de ser’.

Dentro do seu amplo abano de posibilidades, as camisetas que máis triunfan son as que din: ‘Mátame a besos’, ‘Que corra la tinta’ e ‘Me considero adicta a la gente que me saca una sonrisa’. E tamén as de mensaxes feministas como ‘Estado Civil: Jodidamente guapa’ (“Porque parece que todas as mulleres temos que estar sempre perfectas”, aclara) ou ‘De camino a casa quiero ser libre, no valiente’ (“Porque a todas nos pasou algunha vez o de sentir medo ao ir para casa”, sinala. E canta razón ten!).

E así, libre, e tamén valente, é Marissa Sánchez, MissRock, unha muller galega traballadora, creativa e comprometida co mundo que nos tocou vivir.