María Reimóndez, escritora: “Compostela é a única cidade de Galicia onde se nota que hai comunidade de escrita feminista”

María Reimóndez (Lugo, 1975) é unha das principais representantes da escrita feminista en Galicia. Posúe unha extensa carreira na que ten experimentado con tódolos xéneros e pola que xa se viu recoñecida por varios premios.

De como é o mercado literario galego e as dificultades que as mulleres seguimos tendo para ter unha “habitación propia” para escribir, falamos con esta autora.

Fálanos de “As cousas que non queremos oír” (2017)

Forma parte dun ciclo de sete novelas, do que levamos publicado catro. As novelas son independentes. Poden lerse por separado, pero se se len todas xuntas reconstrúen unha historia.

A súa protagonista é Aurora, xornalista deportiva galega que vive en Barcelona. Explora cuestións como o desprazamento, o rexeitamento de identidade propia, a enfermidade…

A túa traxetoria é prolífica. Tes feito prosa,poesía, ensaio… En que xénero estás mais cómoda?

Gústanme tódolos xéneros. Todos me resultan necesarios para expresarme.  Cada xénero pide a súa forma, exploramos cousas distintas.

Non teño preferencia por ningún xénero, aínda que principalmente son novelista porque é o que máis escribo, polo que sinto máis paixón.

Para ti que significan os premios? (María Reimóndez foi Premio Xerais en 2014, entre outros recoñecementos)

Son importantes nun sistema literario coma o noso porque temos pouca visibilidade por ser escritoras feministas. Hai unha serie de prexuízos sobre o que escribimos, o que provoca certa invisibilidade no sistema literario patriarcal. Os premios axudan a ser visibles.

Ademais, en Galicia a maioría dos premios danse a obras anónimas, polo que é unha satisfacción que se recoñeza o que escribes.

Outros son premios de lectoras e lectores;  eu tiven a fortuna de recibir o Frei Martín Sarmiento. Sempre é moi reconfortante saber que o que escribes está chegando.

Cales son os teus temas?

Como escritora feminista, interésame o poder, a construción do poder, das identidades, e a subversión dos mesmos.

Interésanme as historias que non están contadas, que son moitas porque o dominio do home branco heterosexual provoca que se creen moitos espazos baleiros, silencios, e moitas historias mal contadas. De aí que as mulleres esteamos estereotipadas.

A literatura reflicte e retroalimenta as prácticas machistas . Pero por outra banda, a literatura é unha ferramenta para cambiar a maneira na que entendemos ser muller, trans, lesbiana, home… nun espacio no que ata agora se mostraron dunha forma tránsfoga, homófoba ou caricaturizada.

Interésame os personaxes que quedaron na marxe.

Por que escribes?

Porque me divirte (risas), pero tamén desde una óptica formal hai un vicio patriarcal de crer que todas as autoras feministas escribimos duhna forma panfletaria. Sen embargo, é todo o contrario, creo que a escrita feminista é a que máis experimenta , empezando por Rosalía de Castro, que ninguén sabe onde encaixala.

Interésame explorar a escrita: a estructura formal, o perfil psicolóxico dos personaxes, o proceso de documentación. Para min é estimulante, ademais dunha maneira de intervir na sociedade.

Onde atopas a inspiración?

Nas cousas que me cabrean (risas). A través do que escribo exploro as cousas que me resultan agraviantes desta sociedade.

É difícil publicar?

É complicado pola nosa situación lingüística, polo que acontece coa lingua galega. O espazo é cada vez mais pequeno. Por fortuna, é un sistema literario máis vivo que as políticas linguisticas que deberían rodealo.

Hai moitas editoras independentes que fan un traballo de calidade.

Como dicía antes, os premios son unha vía de entrada. Pero o importante non só é chegar, senón permanecer. Moitas autoras quedan polo camiño, mais que autores. É complicado para unha muller manterse debido ás vidas privadas: sobrecargas familiares; precariedade laboral; calquera actividade que supoña para unha muller coller un espazo para si está penalizada socialmente, como a escrita, que require de tempo e espazo…

Como é o mercado editorial galego?

Non temos unha gran industria como a castelán, polo que non temos maquinarias coas que, como acontece cos libros en castelán sexan do tipo que sexan, métenchos en todas as librarías. No mercado galego non pasa, pero iso dá mais liberdade creativa.

A publicación en galego permite chegar á cidadanía dunha forma mais próxima, a través de redes como os clubes de lectura, que en Galicia é moi extensa.

Que consello lle darías  un autor novel?

Presentarse a premios para coller práctica escribindo; acudir a obradoiros de escritura; dar a ler o que escribe a outras persoas que lean habitualmente para recibir comentarios e críticas. Tamén é bo animarse a achegarse ás editoras, algo relativamente fácil en Galicia. Eso si, hai que ser paciente porque as editoras ten os seus propios plans de publicación e prazos.

Sobre todo, ser perseverante e escribir. A escribir apréndese escribindo.

Como ves Compostela a nivel de ecosistema de escritores?

En xeral é unha cidade ben dotada a nivel de librarías. Para min o punto focal de Compostela é a libraría Lila de Lilith porque se fan moitas actividades; traen autoras singulares; é un espazo horizontal e nutritivo que funciona en ambos sentidos para lectoras e escritoras.

Compostela é a única cidade de Galicia onde se nota que hai comunidade de escrita feminista.

En que estás traballando?

Estou coa seguinte novela do ciclo dos elementos, que se chama “As estacións do lobo”, e sairá a finais deste ano.