‘Chuletón’ de vaca vella á pedra no restaurante O Muiñeiro

Por @JuanEAT_o

@JuanEAT_o, disposto #apapar en O Muiñeiro. Foto: Iván Barreiro

@JuanEAT_o, disposto #apapar en O Muiñeiro. Foto: Iván Barreiro

Non. Non é un episodio de Crónicas Carnívoras aínda que se asemelle. No famoso programa de televisión o presentador é capaz de enfrontarse a candidades inxentes de comida como fixen eu coa impresionante costeleta grande de vaca vella á pedra que me serviron no restaurante O Muiñeiro, no barrio de San Lázaro. Foi unha guerra entre o ‘chuletón’ – con tamaño para dúas persoas – e máis eu. Quen gañou? @JuanEAT_o, sen dúbida ningunha! (hahaha).

A carne preséntase na mesa sobre a pedra quente, o que permite ao comensal xogar co punto no que queres comela. Gustoume moito este detalle porque podes gozar de diferentes xeitos dun mesmo produto. Con este prato, non importa se prefires a carne ao punto ou moi ben feita. Todo o mundo pode saír contento!

Destacaría ademais que se trata de carne de vaca vella galega e, por tanto, o seu sabor é moi intenso. Sen embargo, eu que son moi fan das salsas, non me importaría telo tomado tamén con algunha para acompañar.

Anímovos a ir probalo e deixarvos aconsellar sobre o viño para maridar. Neste local teñen unha moi boa viñoteca e un persoal moi amable disposto a facervos a recomendación máis axeitada. Por último, recordarvos que este prato tal e como o vedes na fotografía do meu compañeiro Iván Barreiro é para dúas persoas! O que pasa é que eu son un namorado da boa carne e unha ocasión así para papar non a podía deixar escapar! J

Datos

Lugar: Restaurante O Muiñeiro (Rúa da Muíña, 2 – Santiago)

Prato: ‘Chuletón’ de vaca vella á pedra

Prezo: 35 € / kg

Valoración: 7 estrelas

Fotografía: Iván Barreiro