fbpx
CompostelaNovas

A visión feminina, protagonista do 33º festival Cineuropa

Presentación de Cineuropa.

O festival Cineuropa centra este ano a súa mirada na visión e no cinema realizado por mulleres, que será fío condutor tanto de boa parte da programación da 33ª edición do festival como das súas actividades paralelas. A muller, a súa relación co cinema e a visión feminina serán protagonistas na sección oficial do festival e tamén terán unha forte presenza nas das seccións paralelas, as especiais, nas retrospectivas e nas mesas redondas que este ano completarán a programación. A responsable de Acción Cultural, Mercedes Rosón; o director-xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López; a directora do festival, Laura Seoane; e o coordinador de programación, Javier Trigales, participaron na presentación da imaxe, das novidades e da filosofía que guiarán esta nova edición de Cineuropa.

O festival, que se celebrará entre o 7 e o 28 de novembro na capital galega, estará marcado por un feminismo transversal que se traducirá tanto nun incremento no número de películas realizadas por directoras como das sensibilidades dos temas escollidos nos filmes. Esta decisión tomouse tras valorar a colleita cinematográfica mundial deste ano, onde os filmes dirixidos por mulleres ou cunha temática claramente combativa eran moitos e de alta calidade. Deste xeito, o público poderá gozar de películas que achegan unha visión crítica do presente e miradas inusitadas e próximas sobre dereitos humanos, sobre outras realidades, e sobre a emerxencia climática e ecolóxica actual.

A selección de películas que participan este ano no festival manterá a calidade dos anos anteriores e será tamén un reflexo da gran diversidade temática, formal e de orixe que caracteriza á produción audiovisual dos últimos anos. Está edición será, polo tanto, a das voces femininas, críticas e de diferentes xeografías e orixes.

Seguindo esta liña, a imaxe do Cineuropa, cuxo cartel foi presentado esta mañá, afonda na variedade de perspectivas e puntos de vista que ofrece o cinema. Unha diversidade que se converte en leimotiv da 33ª edición de Cineuropa, na que se convida ao público a unha participación activa, pero tamén ao debate e á negación das verdades absolutas, a través de cuestións de xénero, de prioridades, de confianza ou de tempo. O festival terá nesta edición cinco seccións oficiais (Europea, Panorama internacional, Docs Cineuropa, Latidoamericano e unha novidosa sobre animación denominada Animaeuropa) e, por primeira vez, o público poderá premiar un filme por cada unha das categorías.

O equipo de Cineuropa
O festival está dirixido este ano por un equipo liderado por mulleres vinculadas ao ámbito cinematográfico e do eido cultural da empresa de xestión e produción cultural La Tropa Produce, que labrou a súa experiencia no sector coa organización de diversos eventos como os premios Feroz da Asociación de Informadores Cinematográficos de España, o festival Lo Que Viene de Tudela de Navarra, o Festival Internacional de Cine de Almería ou cine de verano de Conde Duque do Concello de Madrid.

Ao fronte do equipo está xornalista e produtora cultural coruñesa Laura Seoane, que ten experiencia na xestión integral de proxectos relacionalos co cinema. Foi fundadora e produtora dos premios Feroz, codirectora do Festival Internacional de Cine de Almería, programadora do festival de cine Lo Que Viene, directora e responsable de programación da 36ª Semana de Cine español de Carabanchel (Madrid), directora do cine de verán Conde Duque e produtora do ciclo de cine musical Sing-Along. O xestor cultural coruñés Javier Trigales é o responsable da coordinación da programación do festival e conta con experiencia como comisario e programador de contidos audiovisuais, seminarios e ciclos de cinema no Museo de Arte Contemporánea da Coruña (MAC), no (S8) Mostra de Cinema Periférico da Coruña, no Fórum Metropolitano, o museo científico Muncyt e o festival Curtocircuíto, entre outros.

Cineuropa é un festival organizado polo Concello de Santiago, a través do Auditorio de Galicia, coa colaboración do Consorcio de Santiago e a Deputación da Coruña. Conta tamén co apoio da AGADIC da Xunta de Galicia, o Museo das Peregrinacións e de Santiago, o ICAA do Ministerio de Cultura e Deporte e os Multicines Compostela. Ademais, o festival é apoiado tamén por diversas institucións culturais e varias empresas da cidade.