#OConsellodeLenzoA CoruñaCata MosqueraGastronomíaUxía Blanco

Deberíamos subirnos ao tren do amor en febreiro?

Tanto se che gustan como se non as comedias románticas e os grandes xestos, San Valentín (xunto con moitas outras datas comerciais) xa hai moitos anos que salta á vista en calquera calendario como una oportunidade para potenciar o romanticismo pero tamén as vendas de moitas empresas. Mais se o pensamos a nivel estratéxico, realmente todas as marcas deberían sumarse a esta celebración?

Está claro que o día de San Valentín pode ser un bo empurrón para negocios de hostalería, moda, gastronomía ou mesmo escapadas románticas. Deseñar experiencias únicas ou lanzar promocións exclusivas pode atraer a moita xente. Con todo, tamén debemos preguntarnos: encaixa isto coa personalidade e valores da nosa marca?

Un erro común é pensar que porque todo o mundo o fai, ti tamén tes que facer algo. Pero coidado, porque una acción que se perciba como forzada pode saír cara. Por exemplo, se o teu negocio se posiciona como sostible e respectuoso co medio ambiente, como quedaría lanzar promocións masivas de produtos que fomenten o consumo impulsivo? Incoherente, verdade? Pola contra, podes decidir apostar por experiencias aliñadas con estes valores ou cun impacto positivo, favorecendo a coherencia do teu discurso, no canto de destruílo.

Desde o noso estudo de comunicación, xa falamos en varias ocasións de que o público actual xa non merca calquera cousa, nin de calquera xeito. Cada vez detecta mellor que campañas nacen dende a autenticidade, e cales son simples intentos de subirse a unha moda só por fins comerciais. Así que, antes de tirarte de cabeza ao 14 de febreiro, faite dúas preguntas: esta acción conecta realmente coa miña clientela? Reforza os valores da miña marca? Se a resposta non é clara, quizais sexa mellor pasar de longo e buscar outras datas para xerar oportunidades de venda.

Pero ollo! Moitas veces un bo discurso, pode salvar o concepto. Se o teu proxecto encaixa dentro do marco das experiencias, o compartir, o amor, os coidados... Estás de sorte! Podes aproveitalo deseñando experiencias, menús especiais, packs exclusivos ou colaboracións creativas que te diferencien da competencia.

Lembra: non todas as historias de romance están feitas para todos os negocios, pero cada negocio ten a súa propia historia que contar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.