Lumedoloop: “Queremos desfrutar de cada tema e ofrecer calidade neste proxecto”
Por Silvia Castiñeiras

Lumedoloop é un proxecto novo no rap galego, mais vén da man de xente experimentada que segue conservando esa ilusión e ganas de gozar de quen lanza a súa música por primeira vez. Jamas e Møu, de Dios Ke Te Crew, únense a DJ Mil dispostos a seguir dando lume despois dunha ampla traxectoria, e non hai máis que manter unha pequena conversa con eles para percibir a enerxía e o bo rollo que desprenden entre os tres. ‘(Re)existencia’, o seu álbum debut, para o 20 de febreiro, leva implícito un xogo de palabras que nos leva por unha viaxe introspectiva, convidando a reflexionar sobre a existencia, a ‘reexistencia’ e a resistencia.
Por que chegades a unirvos neste novo proxecto?
Jamas: Xorde das ganas de hip hop, de facer diso a nosa forma de vida. Coñecéndonos Møu e eu practicamente como irmáns, fomos compoñendo temas independentes de Dios Ke Te Crew, e así naceu o proxecto de forma natural. Despois falamos con Mil, que tamén o coñeciamos e admirámonos mutuamente.
Møu fai as producións, un dos mellores deste lado do Atlántico, e rapea nalgúns temas. Mil leva o fío nos directos, fai os ‘escracthes’, outro grande.
Møu: E Jamas é o que rapea e leva o universo ‘letrístico’, a voz cantante…
Jamas: Pero son cantante no sentido máis ‘chungo’ da palabra, eh! (puntualiza con humor).
E sendo xente experimentada, marcádesvos algún obxectivo con Lumedoloop?
Jamas: O obxectivo é gozar do proceso máis que do produto final, que tamén. Falo de desfrutar de crear cada canción, de gravar, de ensaiar, de cada un de nós. Agora temos a capacidade de facer as cousas con máis calidade que cando comezamos, así que o obxectivo é ofrecer un produto comprometido e de calidade.
Møu: É a nosa paixón, así que facémolo como algo natural, ningún dos tres pode estar sen facer proxectos.
E antes de saír á luz o álbum debut, ‘(Re)existencia’, que sensacións foron causando os adiantos?
DJ Mil: Está sendo moi guai, moi boa a resposta cos temas que sacamos. Só con anunciar o nome do grupo que formamos xa vimos unha resposta, un murmurio, un… ‘a ver que van facer estes…’. O feedback está a ser moi positivo, e ao final non importa o número de cancións, o importante é desfrutar con cada un dos temas e estar contentos (“Estou sen durmir”, lembra entre as risas dos tres).
Sendo un xénero moi reivindicativo, facedes fincapé nalgo en especial en '(Re)existencia'?
Jamas: A música xorde nun contexto social de confrontación, non contemplamos a arte sen unha parte crítica e reivindicativa. Pode haber temas máis festivos, non tan profundos, pero a parte social está sempre contemplada, non son quen de estar de costas á realidade.
Neste traballo é complementaria a existencia, a re-existencia e a resistencia, temos as tres dimensións. Temos o lume da loita contra as inxustizas e a loita propia de cada un cos seus propios medos, o feito de reexistir erguéndose e aprendendo, e finalmente a idea de que loitar é transformarse, conseguir existir.
Møu: Esas dimensións están reflectidas na parte visual, a imaxe do disco é un triángulo imposible, en volume, onde conflúe a idea de resistir, reexistir e existir.
E cando falamos de música reivindicativa, iso faivos dar imaxe de tipos duros?
Møu: O rap é expresión, sacar o que levas dentro. Podes ser reivindicativo e de todas as formas que consideres. Hai moito de profundidade e introspección neste traballo.
DJ Mil: Dinse cousas de forma moi directa e por iso penso que ten iso de parecer un xénero agresivo, pero en realidade podes estar falando do amor máis profundo por alguén.
Jamas: Estou totalmente de acordo con eles. Iso é só un ‘cliché’ que se ve desde fóra. O certo é que neste disco hai temas de espirse, de moita introspección, sen ningún pudor.
E por que razón ‘re-existiriades’?
Jamas: Polo amor dos teus, das miñas fillas… E porque se está ben aquí! Por amor á humanidade, ou polo menos a unha parte dela, na que aínda creo, e por ver se todo vai ir un pouco mellor.
Møu: Eu igual, aínda que quede un pouco ‘ñoño’, polos teus, pola familia, por amor.
DJ Mil: Para durmir máis! (é o que ten ter traballado de noite…) e por meterme a informático! Aínda que o certo é que eu xa estou ‘reexistindo’ agora mesmo, con este proxecto, por reconectar con xente que admiro moito. Isto é pechar un ciclo e abrir nun momento vital moi distinto.
NO BARRIO DE SAN PEDRO HAI MOITO ‘FLOW’

Tal e como afirman eles mesmos, e con moito humor, neste barrio compostelán é onde conflúen desde hai tempo as súas vidas, mais botamos unha ollada atrás…
Jamas: Comecei de rapaciño co grupo Ghamberros e antes xa facía rimas. Despois, a metade do 2003 creamos Dios Ke Te Crew, e ata agora con este proxecto, Lumedoloop, que comezou a fraguarse hai dous anos.
Møu: Son o máis vello dos tres, pero de espírito son o más novo (risas). Arrastroume o mundo do rap e o hip hop dos 90 cando tiña 15 anos. Empecei cun grupo en Ordes e despois pasei por Ghamberros e Dios Ke Te Crew, xuntámonos aí. Encárgome de facer música, as producións, sempre me encantou ese mundo. Pasei por varios proxectos e mesmo saquei varios discos en solitario.
DJ Mil: Son o máis novo de idade, pero o máis vello dos tres, se podo estar na cama ás 23:00 h, mellor (máis risas). Este mundo a min colleume moi novo por meu irmán maior, que viviu ese boom do hip hop dos 90, e eu ía atrás del, fun absorbendo un pouco de todo isto. Despois, no instituto xa chegaron os grupos 5 talegos ou Ghamberros e aí foi a conexión. Metinme no tema de DJ porque atopei aí algo que me fixo estoupar a cabeza, o das batallas… E acabei facendo diso a miña vida e o meu traballo, en grupos, en solitario… Incluso cun proxecto coa Real Filharmonía de Galicia.
