#SomosCompostelaCompostelaCulturaNovas

Chus Busto, do Auditorio de Galicia: “É moi importante que poidamos ver os traballos de artistas que, polo momento, nos distinguen da IA”

Entrevistamos a Chus Busto, responsable de exposicións e actividade cultural do Auditorio de Galicia, na cafetería Lasso que forma parte do edificio. Foto: Iván Barreiro
Entrevistamos a Chus Busto, responsable de exposicións e actividade cultural do Auditorio de Galicia, na cafetería Lasso que forma parte do edificio. Foto: Iván Barreiro

Nos máis de oito anos que leva Pincha na rúa, teño asistido á inauguración de moitas das mostras que albergou a Sala de Isaac Díaz Pardo do Auditorio de Galicia, un organismo autónomo local dependente do Concello de Santiago que engloba as actividades que se realizan baixo a marca Compostela Cultura. E en cada un deses actos, hai unha escena que se repite: o agradecemento sincero e agarimoso ao traballo de Chus Busto.

Ela intenta agocharse, ruborízase, trata de escapar o máximo que pode das fotos, nega coa cabeza... pero é inevitable. O seu labor como responsable de exposicións e actividade cultural do Auditorio de Galicia vai máis alá da xestión: implica escoita, criterio e unha clara visión do papel da arte contemporánea. Chegar ata aí para unha nena de aldea, nacida na casa, no lugar de Baiuca, sendo a primeira persoa licenciada na súa familia... non foi doado. Chus reivindica con orgullo as súas orixes e recalca que é da universidade pública.

Neste 2026 no que celebra vinte anos no seu posto, falamos con ela sobre o seu percorrido, a súa forma de traballar e os desafíos da arte hoxe en día.

Que bonito que sempre se lembren de ti nas inauguracións das exposicións...

Ben... (trata de restarlle importancia)... Non sei como fan noutros espazos, pero eu en canto a obra entra pola porta, estou alí. E se hai que botarlle horas, fins de semanas... estou ata que está todo o mellor posible. Fágoo por unha cuestión práctica, porque podes botar unha man, porque coñeces moi ben o espazo... E, ás veces, tamén me toca facer de ‘poli malo’, eh! Por poñer un exemplo, se hai que pintar unha parede vermella, temos que saber se hai orzamento para volver a pintala de branco. Quero dicir, son un pouco ‘solucionadora’ de problemas. Pero os protagonistas son sempre as e os artistas, as comisarias e os comisarios, o contacto con eles e cos prestadores, con xestores doutros espazos, cos equipos de montaxe... De todas e todos aprendo moito, porque son moi curiosa.

Botemos a vista atrás. Como entras en contacto co mundo da arte e por que decides facer dela a túa profesión?

Son Licenciada en Historia da Arte Contemporánea pola USC. Cando remato a carreira, vou tendo acceso a traballos moi precarios: de bolseira, de facer catastro, atención telefónica... Ao mesmo tempo empezaron a pedirme pequenos labores como escribir textos para contextualizar obras da colección do MACUF, o museo de referencia da arte contemporánea daquela na Coruña. A partir de aí fun vendo que isto era o que gustaba. Si é certo que intentei oposicións para a docencia, pero ao mesmo tempo íanme saíndo pequenos comisariados e fun pouco a pouco meténdome aí.

Despois, cando abriu o CGAC, buscaban persoal para a recepción e empecei a traballar alí. Era o primeiro museo de arte contemporánea que situaba a Galicia no circuíto internacional. A min dábame igual estar na recepción ou onde fora con tal de estar aí! Estiven tamén vixiando salas e facendo visitas comentadas. Un tempo despois, o museo empeza a crecer e a dirección de Gloria Moure necesita máis persoal, e eu, xunto con outras persoas que traballabamos alí, pasamos ao departamento de exposicións. Esa foi para min unha gran oportunidade e unha experiencia marabillosa porque Gloria era unha directora moi exixente. Nós eramos novas e non nos importaba dedicar horas e horas... Aprendemos moito! Foi o noso máster.

Cando chegas ao Auditorio de Galicia?

No CGAC cambia a situación cando se substitúe de forma forzada a Gloria Moure, nunha situación que foi moi repercutida na prensa do momento xa que Gloria tivo o apoio moi masivo do sector cultural, o que levou a que maioría do equipo tiveramos que deixar o centro.

Paralelamente empézanme a chamar para coordinar algunhas exposicións e tamén me chaman do Auditorio de Galicia para facer as visitas comentadas das mostras. Aprendín tamén moito desa relación directa co público, desde o estudantado até o público adulto. A testar o interese, a medir o tempo...

Cando o Auditorio de Galicia saca a praza de persoal laboral, penso que é a miña oportunidade e preséntome. Cando conseguín aprobar, non podía estar máis feliz. Este é un lugar marabilloso para traballar. Entro nun equipo no que todo o mundo suma, no que temos complicidade e no que se sempre tentamos que a profesionalidade e o bo facer se vexan.

E que implica o teu posto?

É un posto de xestión que ten unha parte de decisión artística. Os proxectos adoitan chegar a través de comisarios e/ou comisarias independentes, que presentan un traballo que non sempre é acaído ou ben porque non engancha na liña de programación do Auditorio, ou porque economicamente non é asumible, ou incluso porque non se achega proposta económica. É dicir, os proxectos teñen que vir armados na parte conceptual, pero tamén na económica. Por exemplo, se ti queres traer obras do outro lado do Atlántico, probablemente non o poidamos asumir. Entón, imos recibindo propostas e coa dirección e co resto do equipo imos aceptando aquelas que pensamos son acaídas para a nosas liñas de programación. Adoitamos ter programado cun ano ou máis de antelación, tempo necesario para que os proxectos poidan consolidarse.

E cal é esa liña de programación que tendes para a parte expositiva do Auditorio?

Nos últimos anos e baixo a dirección de Xaquín López, estamos traballando sobre todo con exposicións de arquivo, como a de ‘Ollos de Vidro. As formas doutra historia en Galicia’, na que reflexionabamos sobre como se ten construído a historia cultural e artística de Galicia e que queda fóra do relato oficial; son exposicións de rexistro que revisan relatos, e que procuran outros enfoques críticos, históricos ou políticos. Ou mostras na que temos visibilizado os traballos de mulleres como  ‘1984. Unha xenealoxía feminista da arte urbana galega’, na que recuperabamos os traballos das primeiras grafiteiras galegas ou ‘Facémolo co corpo. A performa é cousa de mulleres’, que visibilizaba creadoras galegas e internacionais que optan por unha linguaxe, a da performance, que non sempre acada presenza nas salas expositivas. Son exposicións que nos permiten construír diferentes lecturas e que invitan ao espectador a seguir indagando indo máis alá da mera experiencia visual.

A nós tócanos ser ese pequeno primeiro espazo onde poden ocorrer algunhas cousas que os grandes centros de arte non poden facer porque xa están noutras lides. Adoitamos ter de tres a catro mostras anuais, xeralmente colectivas para abrir o espazo ao maior número de artistas. Somos organismo autónomo, pero municipal. Iso non hai que perdelo de vista.

Dóeche dicir que non cando tes que facelo?

Si, porque hai propostas que sabes que son marabillosas e non podes asumir. A sala de exposicións do Auditorio, a pesar de estar dentro do edificio, non ten as capacidades loxísticas dun museo. Nós temos carencias. Non temos almacéns para obras, por exemplo. Aquí montas unha exposición, desmontas, a obra marcha... e montas outra.

Chus Busto, na sala de exposicións Isaac Díaz Pardo do Auditorio de Galicia, na que podemos ver a mostra do Décimo Cuarto Premio Auditorio de Galicia para Artistas Noveis ata o 2 de marzo. Foto: Iván Barreiro
Chus Busto, na sala de exposicións Isaac Díaz Pardo do Auditorio de Galicia, na que podemos ver a mostra do Décimo Cuarto Premio Auditorio de Galicia para Artistas Noveis ata o 2 de marzo. Foto: Iván Barreiro

Ata o 2 de marzo aínda podemos visitar no Auditorio de Galicia a exposición do Décimo Cuarto Premio Auditorio de Galicia para Artistas Noveis. Que destacarías dela e que evolución ves despois de tantas edicións?

Nestas catorce edicións, presentaron os seus proxectos máis de 1700 artistas e en sala entraron máis de 550. Son xa un número importante e son xa historia do premio. Na que temos actualmente podemos ver 31 traballos de 32 artistas, porque hai dúas irmáns que asinan conxuntamente unha das obras.

Algo que me gusta moito é que desde hai un tempo sae de forma natural a presenza de mulleres. Elas están nos proxectos que se presentan e nos que se seleccionan. Outra cousa que me dou de conta é de que, a pesar de que cambian as xeracións, hai temas que seguen sendo importantes: o eu, o territorio, a ecoloxía... Nunha exposición como esta, dáste de conta de que as ferramentas de cada artista son tan propias, únicas... Desde un rato dun ordenador, auga, pintura, fotografía... A riqueza de pensamento e de medios que dan lugar a obras únicas.

E aínda que posiblemente moitas das persoas que pasan por aquí non chegarán a realizar unha carreira na arte, este é o momento no que están creando. É moi importante que poidamos achegarnos a sala de exposicións e ver de primeira man uns traballos que, polo momento, aínda nos distinguen da IA! Son a resistencia.

Ademais do Auditorio, xestionas tamén as intervencións na Zona C, que abriu no 2021 no edificio da antiga Casa do Concello na Praza de Cervantes. Un espazo no que imaxino que non será doado montar exposicións, pero que ten moita personalidade...

Si, porque no Auditorio temos unha sala, por dicilo de algunha forma, máis ortodoxa; pero a Zona C antes eran oficinas. Recuperouse porque precisabamos un lugar no centro da cidade onde vender as entradas das actividades coa marca Compostela Cultura (que se desenvolven no Auditorio de Galicia e o Teatro Principal). Ata o 2019 a Zona C funcionou como un espazo para a arte máis emerxente situada en San Domingos de Bonaval, pero tivo que pechar por mor da reforma do Museo do Pobo Galego. Aquel lugar era unha especie de pequeno cubo branco moi fácil de intervir. Pero o edificio de Cervantes é moi diferente. Son dúas plantas con catro habitacións/oficinas onde os artistas teñen que pelarse coa luz, as paredes, o chan... Sabendo ademais que hai cousas que non poden facer porque é un ben BIC.

E como facer que o público se achegue máis a estas exposicións de arte contemporánea?

Primeiro eu creo que nós temos que ser rede para os nosos e as nosas artistas, para que teñan unha oportunidade de amosar o seu traballo. E segundo, para atraer público, adoitamos organizar visitas guiadas -a público xeral e a centros educativos- e outro tipo de actividades ao longo dos meses que perdura cada exposición, aínda abertas agora na web de compostelacultura.gal. Traballamos tamén na mediación como ferramenta que active diferentes procesos de traballo arredor da exposición.

Na exposición do premio, se a visitamos de forma libre, temos cartelas que ofrecen información que contextualiza cada peza, en palabras dos propios artistas. Son moi útiles para as persoas que non están moi afeitas á arte contemporánea, traballamos así  en facer contidos accesibles. Gustaríame aproveitar a oportunidade que me das nesta entrevista para convidar a vir ver a exposición, porque son a xeración que está creando neste momento, son a nosa xeración

“Nos últimos anos, estamos traballando sobre todo con exposicións de rexistro que revisan relatos, e que procuran outros enfoques críticos, históricos ou políticos”

OFF  DE  RECORD

Hai algunha exposición da que te sintas especialmente orgullosa?
Todas, dalgunha forma, na súa dificultade ou nos seus contidos, son parte do meu facer. Non sabería dicir. Si é certo que os Premios para Artistas Noveis ou as mostras na Zona C son moi divertidas porque conseguen que poña a mirada na xente nova. E iso entusiásmame moito.

Que consello darías a alguén que queira dedicarse profesionalmente á arte?
A alguén que sexa artista diríalle que se chega a un espazo expositivo non pode entrar pola porta dicindo: “Quero facer unha exposición”. Así non funcionan as cousas. Tes que vir cun proxecto ben armado, contemplando o concepto pero tamén a parte económica. E, por outro lado, xeralmente non son capaces de cribar na súa propia obra. É moi difícil ser artista e comisariar á mostra á vez. É mellor ter unha mirada externa na que te poidas apoiar.

Se tiveras recursos ilimitados, que exposición che gustaría organizar?
(Bafexa) É que sabes o que pasa? Non son capaz de pensar niso porque sempre fun moi formiguiña. Todos os proxectos teñen que adaptarse ao orzamento que temos e aí debo ser pulcra. Non esquezamos que son cartos públicos. Hai que saber manexarse de xeito que a exposición quede ben e que as renuncias non sexan moi grandes.

A cociña tamén é arte?
Si. A min gústame un bo cocido, pero é certo que cando te poñen un prato bonito... pódeme a estética. Comemos tamén cos ollos dalgunha maneira.

Hai uns anos recuperamos os petiscos que ofreciamos despois das inauguracións das exposicións  e creo que é unha parte importante porque arroupa un pouco o que está a pasar na sala. Na cafetería do Auditorio, o Lasso, fan un labor estupendo que nos permite ter ese momento un pouco máis de relaxación, de comentar os traballos dos e das artistas, de verse xente que non o fai habitualmente, de relacionarnos...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.