Etiqueta Negra, a feira do gourmet galego, volve a Pontevedra os días 9, 10 e 11 de novembro

Presentación de Etiqueta Negra.

A cidade de Pontevedra volverá a se converter por cuarto ano consecutivo no epicentro do gourmet galego coa celebración da feira profesional Etiqueta Negra. Gourmet galego e innovación inspiradora. Profesionais, produtores e consumidores daranse cita os días 9, 10 e 11 de novembro no Recinto Feiral da cidade do Lérez co obxectivo de coñecer as tendencias do sector, establecer novos contactos comerciais, difundir a excelencia dos nosos produtos e saborear Galicia.

Impulsada pola concellaría de Promoción Económica do Concello de Pontevedra, que dirixe a socialistaYoya Blanco, Etiqueta Negra é xa unha cita consolidada para empresas e produtores do sector gourmet galego, profesionais da alimentación, da restauración e da distribución así como consumidores que valoran o que comen.

Espazo feiral

Tal e como avanza Yoya Blanco, tralo grande éxito conseguido nas pasadas edicións, “a feira volverá a contar coa presenza de máis dun centenar de produtores, escollidos pola súa singularidade, a súa orixinalidade e a maior calidade dos seus produtos”. Nos distintos stands poderanse atopar viños, licores, vermús, cervexas e outras bebidas aperitivos a base de hidromel, cafés, infusións, marmeladas, galletas, tortas, doces, xeados, castañas, produtos de quinta gama, aceites, queixos, patés, carnes, angulas, caracois, embutidos, xamóns, conservas, legumes, salsas e aderezos, pans e empanadas e un sen fin de delicias que farán gozar o padal.

Moitos destes produtos poderán degustarse tanto na Zona de Catas como na Viñoteca, espazos destacados que ofrecerán unha intensa programación continuada. Xunto coa Tetería da Deputación de Pontevedra que volverá para dar a coñecer o té galego, feito con camelias da Estación Fitopatolóxica de Areeiro. A participación nestas actividades é gratuíta pero require inscrición previa en cada un dos espazos, xa que as prazas son limitadas.

Showcookings

Segundo destacou a concelleira de Promoción Econónica, “o Anfiteatro Estrella Galicia contará con sesións maxistrais de cociña en directo protagonizadas por recoñecidos chefs que comezarán o sábado pola tarde da man de Pepe Solla (Casa Solla) e Iñaki Bretal (Eirado da Leña)”. “O domingo pola mañá —subliñou Blanco— será a quenda de Moisés Rodríguez, o cociñeiro do programa Estache bo! que, baixo o patrocinio de Eroski, elaborará receitas de produtos galegos para beneficiarse dunha alimentación sa. Xa pola tarde, subirán ao escenario Rubén González (El Cafetín de la Alameda) como gañador do concurso Pontedetapas 2018; o matrimonio formado por Yolanda León e Juanjo López (Cocinandos, único restaurante cunha Estrela Michelín en León); e Iván Domínguez (NaDo) e a súa vocacional #militanciaatlántica que orienta a súa cociña”.

O luns pola mañá terá lugar un paseo gastronómico pola Pontevedra do CIFP Carlos Oroza, un percorrido turístico pola cidade con parada en lugares cun especial significado gastronómico que se unen, a súa vez, coa oferta formativa do centro. Ao remate, Estrella Galicia, patrocinador principal do evento, levará a cabo un taller de maridaxe destinado a profesionais da hostalaría. Ambas as dúas actividades terán unha capacidade máxima de 100 persoas.

O coruñés afincado en Barcelona Manu Sánchez (Arume) continuará o programa vespertino cunha reinterpretación escandinava do produto galego, combinando sabores desde unha perspectiva diferente, e Julio Sotomayor e Daniel Guzmán, de NOVA, porán o broche de ouro a esta programación cun showcooking sobre a pularda criada en avicultura artesanal.

Completan o programa as presentacións —o sábado pola mañá— da IXP Mel de Galicia coas elaboracións de Lara del Río (Balieiros), e de Amásame Bakery Lab, a cargo do mestre panadeiro Dani Pampín, que falará sobre o proceso de elaboración dos seus produtos e dará a degustar os seus pans.

Cómpre destacar que todas as tardes os showcookings serán interpretados en lingua de signos pola Organización de Discapacidade Sensorial de Galicia, Xoga.

Espazo Etiqueta

O Espazo Etiqueta volverá acoller diversas actividades de formación así como presentacións de produtos algo máis destacadas. Así, celebraranse dous talleres de cociña asiática empregando produtos galegos que serán impartidos pola profesora Lili Wo baixo o patrocinio de Supermercados Gadis. Os asistentes elaborarán futomaki (rolos de sushi) e as populares goyzas (as empanadillas de orixe china adoptadas polos xaponeses), respectivamente.

A blogueira Lady Compostela impartirá outros dous cursos sobre cociña creativa e saudable grazas á colaboración de Kitchen in; o primeiro deles ideado para aprender a sacarlle o máximo partido as legumes, máis aló das potaxes. No segundo curso, ideal tanto para deportistas como para persoas que queiran optar por opcións máis saudables nas súas merendas, prepararanse diferentes snacks.

O chef Miguel Mosteiro (Gastrolab Arousa) realizará un taller de Cociña Atlántica sobre peixes, mariscos, algas e herbas de litoral da costa galega e finalmente, o mestre panadeiro Dani Pampín, fará o propio cun taller para aprender a elaborar, conservar e usar masa nai e outro sobre técnicas de amasado e formado de pan.

A participación nestes cinco talleres ten un prezo de 12 euros e require inscrición e pago previos a través da páxina web etiquetanegragourmet.com.

Estrella Galicia desenvolverá o luns pola mañá tres catas comentadas, orientadas a hostaleiros, sobre a sidra Maeloc, sobre cervexas e sobre o vermú Rivera, o seu novo produto elaborado con lúpulo cascade cultivado en Galicia. Para a asistencia a estas charlas, gratuítas, haberá que realizar inscrición previa no Espazo Etiqueta cun límite de 24 persoas.

E a Confederación de Empresarios de Pontevedra realizará senllos talleres sobre etiquetado e sobre os beneficios da dieta atlántica, tamén de balde e con inscrición previa.

Punto de Encontro Profesional

Etiqueta Negra será unha gran plataforma de negocio para as empresas do sector. Ao longo das tres xornadas desenvolveranse no Punto de Encontro Profesional numerosas reunións dos expositores con exportadores, distribuidores, tendas gourmet, restauradores, etc. como apoio ao acceso a novos mercados e a expansión dos seus negocios. Na pasada edición celebráronse máis de 350 reunións de traballo e contactáronse con máis de 160 distribuidores de alimentación e bebidas, 325 tendas gourmet de Galicia e de fóra, e 200 restaurantes, hoteis, empresas de cátering e casas rurais.

Asemade, o luns 11, antes de apertura da feira, realizarase un almorzo informativo dirixido aos produtores sobre a exportación e os servizos do ICEX para a internacionalización das PEMES galegas.

Etiqueta Negra conta por primeira vez co apoio de Estrella Galicia como patrocinador principal, ademais de Cabreiroá, como auga oficial, Deputación de Pontevedra, Eroski, Mel de Galicia e a Mancomunidade do Salnés. Así mesmo, colaboran nesta cuarta edición Tawi, Gadis, CIFP Carlos Oroza, Gráficas Anduriña, Froiz e Kitchen in.

A feira do gourmet galego permanecerá aberta, en horario ininterrompido, o sábado e o domingo de 11.00 a 21.00 h e o luns, ata as 20.00 h. Para aquelas persoas que desexen pasar todo o día descubrindo sabores, exquisiteces e rarezas, haberá unha zona de comida e foodtrucks con interesantes propostas sobre rodas.

A entrada custa 3 euros por día pero tamén se pode mercar un abono para os tres días ao prezo de 8 euros.